Out 302009
 

Tanto ten que a TVG combata o suceso da mobilización histórica do pasado 18 de Outubro, neste caso non polo número de manifestantes (éralles difícil), senón coa xa clásica asociación entre defensores do galego e violencia. Que vergoña comprobar como o 19 de Outubro, na televisión pública galega, no seu Telexornal e no espazo “Bos Días Magazine”, as imaxes da manifestación contan cunha lexendaxe impresa coa seguinte sentenza literal: “Atacan un equipo da TVG na manifestación a prol da lingua”. Que indecencia sinalar, en concreto, denigrando e calumniando, un home de 95 anos, Avelino Pousa Antelo, como suposto agresor.

Tanto ten que PP, organizacións ideoloxicamente afíns e medios de comunicación privados ben subsidiados, tamén significadamente o “xornalista” e “analista” “independente” Carlos Luís Rodríguez, combatan de xeito tan desproporcionado como feroz o éxito mobilizador. Evidencian así a súa derrota, o laio por comprobaren que o pobo galego está vivo e sabe defender o seu. O evidente divorcio entre a mediática servil e dependente do poder e a dinámica social, popular, que venceu e se sobrepuxo á ocultación e á censura informativa previa, ao autodesprezo e aos peores complexos. A demostración, en definitiva, de que o pobo galego non se rende e sabe defender na rúa o que os gobernantes pretenden roubar.

Tanto ten. Porque sabemos que están doídos no PP. Agora non saben como facer. Pretenden lavar a cara e presentárense como galeguistas. Como Carlos Negreira, citando a Castelao no Pleno Municipal da Coruña que pretendía a oficialización do castrapo imposto polo franquismo. Tanto ten. Nós a seguir adiante. Cómpre agora un traballo de popularización da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma Queremos Galego, e de organización de actividades e accións, durante os próximos meses, que manteñan acesa a chama da reivindicación lingüística. E que gañen novos simpatizantes e activistas para tan nobre causa. Podemos facelo, e ímolo facer.

Quero lembrar o compañeiro e amigo Miguel Pazos, concelleiro do BNG en Poio e Patrón Maior da Confraría de Pontevedra. Meu amigo Miguel. O que máis nos animaba. Mariscador a pé, orgulloso da súa condición, patriota exemplar e traballador incansábel polos dereitos de mariñeiros e mariscadoras. Até sempre, compañeiro Miguel. Sempre contigo, meu amigo. Meu compañeiro.

 Posted by at 20:51
Out 292009
 

Na casa de meu pai hai unha lousa de pedra que ten esculpida en relevo unha coroa de loureiro. A obra naceu da man de meu avó paterno, canteiro de Matamá (Vigo), e segundo explica meu pai foi realizada para honrar os mortos republicanos de Belchite. Mais a pedra non viaxou xamais, eu non sei se meu avó pretendeu realmente enviala, ou se perdeu un pouco máis de saúde, alimentando a súa silicose, nun xeito de se honrar a si mesmo, mozo reclutado a punta de pistola no bando nacional.

A pedra non viaxou xamais. Un día pasou a formar parte da herdanza de meu pai e agora está ao fondo do corredor da súa casa, erguida sobre o moble de castaño encargado a pé feito.

Lembro este episodio familiar porque, cando se achega o día que a relixión consagrou para honrar os mortos, aínda me anda na cabeza un acto recente, unha homenaxe de desagravio a nove asasinados en Baiona e pregúntome, a pedra que Fernando Casás fixo nacer no seu obradoiro será soamente unha herdanza familiar ou colectiva, ou ocupará un día o lugar para o que foi feita, e honrará así a memoria dos fusilados?

17 de outubro de 2009.  

Vai frío. Intramuros do cemiterio de Baiona vai frío, malia a calor e o sol radiante que fóra converte este día de outubro nun día de radiante primavera.

É 17, setenta e tres anos e un día despois do asasinato de nove mariñeiros na Bombardeira, un acto repulsivo que nomeou para sempre a aquel lugar de Baiona como Volta dos nove.

No día de hoxe estamos convocados aquí polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) co obxecto de homenaxear os asasinados e as súas familias e colocar unha placa que restaure parcialmente a súa memoria, poñendo o seu nome no lugar aproximado da foxa común en que foron tirados os seus corpos. Mais achegámonos indignados ao acto porque sabemos que o alcalde de Baiona negou o permiso para colocar a placa. Sucede entón que para os que solicitan colocar unha placa en memoria dos fusilados pola man do fascismo, para que, como para o resto dos que no cemiterio están, poida ser situada a súa memoria no lugar certo ou aproximado en que non repousan os seus ósos, non hai permiso. Unha pregúntase se non se debería desoír a sentenza denegatoria e colocar igualmente a placa, porque, pediron permiso os que os detiveron para un día levalos do lugar de detención á Bombardeira, onde no medio da noite foron fusilados e logo cargados como fardos no camión que os enterraba na foxa común de Baiona?

Eles non pediron permiso, non.

Estes non dan permiso, non.

Cando camiñaba cara á porta do cemiterio, para achegarme ao acto, puiden ver como no muro exterior aínda figuran o xugo e as frechas e non sei se rir, ou chorar. Os que negan o permiso para lembrar e honrar os mortos, manteñen a memoria da barbarie na forma do símbolo da Falanxe, malia a Lei da memoria histórica.

  Os que denegaron o permiso, o grupo de goberno do PP e un independente cos seus votos en contra, agardaron ao día anterior ao acto, despois dos varios contactos de palabra e por escrito que realizaron os promotores, para convocar a Comisión de Honores y Distinciones, con carácter de urxencia, e acordar e comunicar, menos de vinte e catro horas antes, que denegaban o permiso porque non hai probas documentais de que os asasinados estean onde os familiares e o pobo todo de Baiona din que están os ósos dos nove mariñeiros. Peden probas documentais para negarlle ás familias o dereito a poder colocar ante unha placa as flores en memoria dos seus mortos. Engaden ademais que o lugar máis axeitado sería na Volta dos nove, e nós que lemos entre liñas entendemos que, claro, na Volta dos nove non se chama tanto a atención como no cemiterio de Baiona, preferen que rendamos homenaxe aos mortos nun lugar apartado, por onde ninguén transite e poida vernos, lonxe dos ollos dos que tal vez lembren de quen eran pais e avós os encargados do camión que transportaba os fusilados nas noites de terror do trinta e seis.

O acto é sinxelo, é emotivo, magoante porque os familiares dos mortos só poden colocar un papel co seu nome enriba da herba húmida, nada do previsto pode ser realizado.

No cemiterio unha gaita solitaria honra os mortos, do outro lado do muro o campo de fútbol tenta apagar as súas notas estremecidas, os berros dos que se allean á realidade do mundo en que viven, dos que non ocuparán tempo en coñecer cal é pasado que nos constrúe non conseguen apagar as palabras dos netos que tragan as bágoas e aínda non entenden por que non poden ver na parede do cemiterio o nome do seu avó. Por que cando volvan ao cemiterio o día de defuntos non haberá unha placa ao pé da que pousar unha flor de lembranza e homenaxe. 

 Posted by at 22:54
Out 292009
 

Queremos que desde o goberno galego se deixen dunha vez por todas de sementar prexuízos lingüísticos baseados en falsidades como a da imposición lingüística.

Queremos unha radio e televisión públicas que apoien decididamente o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos. Queremos que a CRTVG cumpra a súa misión estatutaria primordial de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do galego.

Queremos que haxa a garantía de que calquera persoa poida ser atendida en galego na administración. Queremos que as e os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza teñan que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país, polo tanto, na lingua na que terá que desenvolver o seu traballo na administración.

Queremos software público en galego. Queremos a tradución pública á nosa lingua do software libre e a súa difusión e distribución. Queremos Mancomún.

Queremos que a Xunta lle dedique os recursos económicos necesarios ao proceso de normalización da lingua galega. Queremos que non haxa recortes nos orzamentos para a política lingüística.  

Queremos o apoio decidido á creación, difusión e promoción dos produtos e servizos culturais en galego. Queremos Cultur.gal.

Queremos que a música en galego de todos os estilos ocupe espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública. Queremos abertos por reformas, extrarradios e lumes na palleira.

Queremos que se respecten os nomes propios das nosas institucións, entidades, consellarías, organismos, concellos, etc.

Queremos poder ler na nosa lingua obras literarias tamén estranxeiras. Queremos, tamén este ano, axudas públicas á tradución.

Queremos que nas escolas infantís as nenas e os nenos poidan xogar e ir aprendendo en galego. Queremos darlles aos nosos fillos e fillas esa oportunidade. Queremos galescolas. Queremos que se retome o programa piloto de liñas de educación infantil en galego fixado no PXNLG e que en anos anteriores tivo unha gran demanda.

Queremos apoio decidido á creación cultural galega; á literatura, ao audiovisual, á música, á comunicación, á cultura tradicional, ás artes escénicas, etc. Queremos premios nacionais da cultura galega.

Queremos escoitar os cargos públicos falar na lingua propia do país e das institucións que representan. Queremos que no exercicio das súas funcións as conselleiras e os conselleiros e demais cargos públicos se expresen normalmente en galego, tanto por escrito como oralmente.

Queremos que o galego non sexa visto desde os poderes públicos como un atranco.

Queremos cinema en galego. Queremos que, cando menos, se siga actualizando e difundindo Foclos.tv, o cineclub do audiovisual galego na rede.

Queremos que se respecten e que non se poñan en dúbida os únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.

Queremos o cumprimento estrito do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo e do resto de lexislación vixente.

Queremos que desde as administracións públicas non se financien entidades que teñen como obxectivo a redución do uso –e prestixio– do galego.

Queremos a volta do Partido Popular ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega, pois os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos. Queremos que non haxa nin un só paso atrás. Queremos que os poderes públicos cumpran coa súa obriga e responsabilidade de apoiar o proceso de normalización da lingua galega.

… E os bebés non saben ler subtítulos. Si, tamén queremos Teletubbies en galego.

Queremos respecto…

Queremos Galego!

 

 

 

Nel Vidal

 Posted by at 22:07
Out 292009
 

Novo éxito de público para Amenábar, polo menos no Estado español. O seu filme "Ágora", versión orixinal en lingua inglesa, con actores e técnicos de diversas nacionalidades, nomeadamente anglosaxóns, aposta por tratar un tema de actualidade: o fanatismo relixioso. Faino retrocedendo a fins do século IV e comezos do V após o nacemento de Cristo, no Exipto, concretamente a cidade de Alexandría, aínda sob o Imperio Romano. O cristianismo ten entón xa moita introdución social e un poder organizado, capaz de intimidación. Representa un ameazante e excluínte fanatismo, irracional xustamente na súa belixerancia contra a tradición secular do pensamento filosófico pagán, grego sobre todo, e as súas conquistas científicas. A Biblioteca de Alexandría, depósito da sabedoría acugulada durante séculos, centro para o aprendizaxe e a leitura, é o alvo da furia destrutiva da nova fe, que fai depender a salvación do home dun Deus e dun Máis Alá fóra de toda racionalidade, negando a liberdade de pensamento.

O filme de Amenábar limítase á roupaxe discursiva, no plano relixioso, a través da que se expresaba e articulaba un conflito social, económico, cultural e lingüístico, que só insinúa. Este esquematismo subliña o que lle interesa: o poder aniquilador, a violencia inquisitorial da relixión cando aspira a acadar un valor absoluto, universal, anulando a discrepancia e perseguindo o pensamento libre. Nesta febra é onde o filme resulta máis incisivo nos espectadores de formación católica ou cristiá ( quen non?), atinxidos por unha historia real da antigüidade que lles evoca moitas cuestións espiñentas do presente. Amenábar sabe aproveitar as oportunidades do contexto, segundo as súas preocupacións ideolóxicas e morais. Ventea onde viaxar no pasado para evocarmos as cruzadas de intolerancia relixiosa actuais, concretamente da Igrexa Católica, oposta a toda política que afirme a capacidade da persoa a pensar e decidir por si mesma, a se realizar sen discriminacións, e hostil contra a investigacións e os avances científicos dirixidos a coñecer o universo, mellorar a vida humana, combater a enfermidade ou paliar o sufrimento. Responde así o director ao seu compromiso ideolóxico e moral de librepensador. Non deixa de ser positivo que contribúa a facer cavilar, no mundo occidental, aos cristiáns sobre o papel histórico e actual da súa relixión, avogando implicitamente polo diálogo relixioso e cultural (pagáns, xudeus e cristiáns na realidade histórica do filme). O grande ausente, o islamismo, pode estar presente como substrato para moitos espectadores, por ser, xustamente hoxe, no imaxinario occidental de moitos deles, a representación xenuína do fanatismo relixioso que o filme denuncia…

Non facemos obxección a Amenábar polo seu oportuno olfato para escoller temas de actualidade, dentro do seu xenérico e abstrato universo ideolóxico progresista. Tampouco á súa formulación algo esquemática para funcionaren con eficacia pedagóxica. A nosa obxección diríxese ao papel superior, determinante, que teñen nel algúns artificios formais, á súa incapacidade para conformar personaxes psicoloxicamente densos e situacións emocionais non estereotipadas. Iso que algún crítico sinalou como falta de vida, corrección formal, pero sen convulsión emotiva. Abusa dos planos tan intencionadamente abertos e desde arriba que parecen propios dun aspirante a demiúrgo. Non é quen de recoller o calor dunha relación íntima, desviado por planos revirados dos personaxes, alén das limitacións do guión. E, sobre todo, parece descoñecer que a cor pode ser un poderosísimo factor comunicativo. A monotonía cromática contribúe máis a unha visión de cartón pedra, amplificada polos efectos dixitais.

Non falamos nada de Hypatia, o personaxe simbólico central, muller filósofa e científica, vítima da intolerancia cristiá. É un corpo pensante e discursivo, algo de cartón pedra tamén. Non é así por responsabilidade de Rachel Weisz , senón do guión e da concepción hexemónica do filme. Prescíndese da súa psicoloxía e mesmo das súas potenciais contradicións humanas. É unha abstracción ideolóxica sen vida. É un estereotipo. Tamén estaba chea de estereotipos "Mar adentro", o filme que representou o inicio da oportuna exposición das preocupacións morais e ideolóxicas e das intencións pedagóxicas de Alejandro Amenábar.

Naturalmente, os voceiros da Igrexa católica, orgánicos ou mediáticos, buliron a atacar "Ágora". Fano porque se senten aludidos pola súa forma de proceder no presente. Nesta dialéctica Amenábar convértese nun director político. O público responde positivamente á súa forma de plasmar a visión dun conflito vixente, a través do formato dun cine con longa tradición en Hollywood e tamén na Europa mimética, o peplum. Non sei se este éxito é un fenómeno máis español que occidental. Malia a vocación cosmopolita de Amenábar e da súa habelencia técnico-formal, o principal público valedor é o español, nomeadamente a mocidade e os sectores de adscrición progresista, para os quen ten certo carisma. Digamos, de paso, que todo vai acompañado dun soporte mediático e propagandístico, consoantes cunha verdadeira industria, detrás dos cais están grandes compañías de televisión de capital transnacionalizado. Cómpre dicer que contribúe tamén ao éxito as tan planificadas como dosificadas aparicións dos seus filmes ( tamén as del como personaxe público), o que os fai máis esperados…

 Posted by at 12:51
Out 262009
 

Galiza Nova, a organización xuvenil nacionalista, vén de rematar nesta fin de semana o proceso de debate da súa XI Asemblea Nacional; segundo manifestaron os e as participantes esta foi a cita asemblearia na que máis militantes participaron; e nestes tempos nos que están á alza  "o individualismo e o sálvese quen poida" que varios centos de mozos e mozas ocupen os dous días dunha fin de semana en debater sobre a problemática xuvenil en Galiza é un mérito xa por si mesmo concórdese ou non coas conclusións deses debates.
Moitas veces no que poderíamos chamar nacionalismo de "maiores" repítese a cantinela de que "a mocidade de hoxe en día non é como a de antes", "agora non se moven", etc; diante deses comentarios creo  que a resposta é si e non, pois é certo que a mocidade do ano 2009 non é igual que a dos anos  oitenta ou noventa do século pasado, lóxico, igual que aquela mocidade non era igual que a dos anos setenta, tamén é certo que agora hai moita xente nova que pasa de todo pero tamén a había antes porque o de que toda a mocidade era revolucionaria, activista e comprometida son historias da mili. En cada momento histórico hai un sector sempre minoritario aínda que unhas veces en función pode ser máis numeroso que outras, que se compromete cunha visión de futuro e co obxectivo de transformar a realidade en beneficio das maiorías; o nome que ten é o de "vangarda" aínda que a algúns esa palabra lles poida levantar ronchas.
Cando se fundou Galiza Nova hai 21 anos eramos só unhas poucas ducias de rapaces e rapazas comprometidos no proxecto xuvenil nacionalista, hoxe xa son centos os mozos e mozas comprometidos no mesmo proxecto.

Que eu lembre non houbo outra cita asemblearia do nacionalismo xuvenil cos focos e as plumas dalgúns articulistas tan atentos ao seu desenvolvemento, con apoios mediáticos cara uns e titulares penosos buscando denigrar a outros.  Os mozos e mozas nacionalistas reunidos nesta fin de semana en Compostela deron unha grande mostra de responsabilidade, fronte a quen pretendían desde fóra de Galiza Nova dirixir os seus debates e impoñer as decisións, querendo converter esta cita no partido de volta de non se sabe que torneo foi a mocidade galega organizada a que decidiu sobre o seu futuro; debateron duramente como é lóxico, falaron dos seus erros, e seguro que estes foron moitos pero máis serían os acertos,  e como remate elixiron a súa dirección, unha dirección plural cunha maioría clara provinte dunha candidatura  e dúas propostas alternativas con presenza importante.

O debate asembleario rematou, e no acto de clausura  fun testemuña de que a militancia  amosaba o entusiasmo característico da mocidade nacionalista, unha mocidade comprometida con Galiza e coas súas clases populares; entusiasmo que se translucía nas consignas que berraban e nas palmas coas que multitude de veces interromperon os discursos da reeleita secretaria xeral e do portavoz nacional do BNG; e deses discursos creo que todos e todas, tanto os membros de Galiza Nova como o resto da militancia nacionalista debemos quedarnos co contido de dúas frases; Iria Aboi sinalou que despois do debate a das decisións adoptadas o que ten claro é que "o inimigo está fora da nosa organización" e Guillerme Vázquez salientou a importancia de traballar "desde o pluralismo e desde a unidade", un pluralismo que se veu nas distintas visións sobre cal debe ser o traballo xuvenil e unha unidade que se debe dar executando os acordos maioritariamente adoptados, acordos que teñen por norte como se desprende do lema asembleario seguir organizando á mocidade loitando pola Patria galega

 Posted by at 10:43
Out 252009
 

A CIG-Ensino celebrou este fin de semana o seu V Congreso  sob o lema: O teu sindicato a CIG-Ensino, a túa lingua o galego, poñendo así de relevo dous dos piares en que asenta este sindicato: dunha parte a súa hexemonía no panorama sindical do ensino galego e doutra o seu labor constante de defensa da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa identidade.
Canto ao primeiro elemento os datos son tan contundentes que afastan calquera dúbida sobre o acerto no labor desenvolto nos derradeiros anos: hexemonía total nas eleccións sindicais de 2006 no ensino público; incremento dun 40 % na afiliación desde o anterior Congreso; case 10.000 profesores e profesoras participando nas accións formativas desenvoltas durante o curso pasado , organizados como CIG ou conxuntamente coa AS-PG, o que constitúe a maior oferta de cursos presenciais non oficiais que se fan na Galiza, e todo isto sen esquecer o papel inherente a un sindicato: a loita constante pola mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do ensino quer para ampliar os cadros de persoal, quer para avanzar na ámbito da prevención de riscos e de saúde laboral do profesorado quer para mellorar as retribucións de traballadores e traballadoras. En todo a CIG-ensino demostrou que non é incompatíbel manter a coherencia nos principios con lograr melloras laborais para o sector e, sobre todo, que a mobilización é a arma máis efectiva, aínda que non a única, para conseguirmos os nosos obxectivos.
Nestes tempos en que todo se valora en función de resultados inmediatos e que vale máis quen máis paga, poderíamos enumerar moitos obxectivos e moitos logros da CIG-ensino, cousas concretas que melloraron as nosas condicións de traballo e tamén o propio sistema. Mais penso que non é preciso, pois o grande valor da CIG-ensino está sobre todo en lograr, coa súa actuación e o aval de millares de ensinantes, frear a implantación de modelos educativos moito máis lesivos, mais elitistas e máis selectivos dos que actualmente están implantados; creo tamén que é un mérito, mentres a tendencia xeral é converter as Organizacións Sindicais case en  xestorías, que a CIG soubese manter vivo un debate intelectualmente enriquecedor e socialmente útil, sobre o sistema educativo, a súa gratuidade, o laicismo e todos os debates de fondo sobre o ensino, xa que foi a través deste debate desde onde se deu a verdadeira participación social, sempre anunciada e sempre furtada polas sucesivas administracións educativas mais atentas a implantar políticas neoliberais e en privatizar os sistemas que en atender as necesidades educativas e formativas dos cidadáns e cidadás.
A CIG –ensino chegou a este V Congreso cun nivel de unidade e cohesión interna verdadeiramente admirábel, cousa que sen dúbida xustifica e explica os éxitos logrados. Quen acredite nun sistema educativo galego, público, gratuíto, laico e democrático ten na CIG-ensino o referente, un sindicato aberto, plural, participativo.
Nos derradeiros anos mudaron moitas cousas na sociedade e nos sistemas educativos e outras moitas permanecen. Farán falta moitos anos, posibelmente, para que muden. Mais estamos convencidos de que mudarán na dirección que marcamos todos aqueles e todas aquelas que apoiamos o traballo diario da CIG-ensino. Porque a idea é boa e paga a pena, adiante!!

 Posted by at 23:31
Out 202009
 

O sábado día 17 de outubro celebrouse en Madrid unha manifestación contra a reforma da lei do aborto; acudiron un millón dúas centas mil persoas.

O domingo 18 de outubro celebrouse en Santiago unha manifestación contra a política lingüística que o goberno de Núñez Feijoo pretende levar a cabo ; acudimos cen mil persoas.

España, segundo o censo de un de xaneiro de 2008 ten uns 46.000.000 de  habitantes.Galiza , no mesmo censo, ten uns  2.780.000.

O señor Rajoy, en declaracións a diferentes medios, entende que a presenza de tanta xente nas rúas de Madrid é motivo para presentar unha emenda no Parlamento para que a reforma non se aprobe e xustifícao en base a que " o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos españois e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir  ao Sr. Rodríguez Zapatero: hai que unir e non dividir" (As declaracións son traducidas, non pensen que o Sr. Rajoy pasou a falar galego)

Un millón duascentas mil persoas dun censo de cuarenta e seis millóns representa aproximadamente un 2,5% da poboación; cen mil persoas dun censo próximo aos tres millóns  representa perto dun  3,5% da poboación.

3,5% é máis que 2,5%; isto é, porcentualmente  houbo máis asistencia á manifestación de Santiago do que á de Madrid.

O Señor Rajoy é un demócrata e supoño que cando fala da igualdade de dereitos para todos tamén inclúe os censados na Galiza.

Por iso estou certo que non terá inconveniente en presentar unha emenda no Parlamento Galego para que non se leven a cabo as reformas que en materia lingüística está a desenvolver o seu partido, ou, xa que el non a pode presentar por non ser deputado en Santiago, que  lle repita ao seu grupo político, en referencia á manifestación convocada por Queremos Galego: o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos galegos e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir  ao Sr. Núñez Feijoo: hai que unir e non dividir.

 Posted by at 11:53
Out 192009
 

Canta alegría provoca constatar a potencialidade do noso pobo!!!. Foron clases populares conscientes, coa súa diversidade, as súas convicións e as súas expectativas, as que encheron, até o colapso, as rúas de Compostela o domingo 18 de outubro, seguindo o chamado da plataforma "Queremos galego". Simbolizan unha representación senlleira da sociedade galega que acredita na nosa capacidade como pobo, no respeito aos seus dereitos, expresión da aspiración a vivirmos con dignidade e sen servilismo. Esta aspiración ten no uso normal, sen renuncias nen subordinacións, do idioma galego na nosa Terra un dos eixos centrais. Malia o noso individualismo, ás veces extremo, a nosa fraxilidade, por tanta discriminación, a nosa desconfianza, por tanto poder á contra, está claro que a nosa capacidade colectiva é quen de superar estas eivas precisamente se se tratar de defender o idioma que nos define e que pode ter a virtude de nos coesionar: o idioma galego, marcado polas pegadas de tanta marxinación social e a hostilidade dos poderosos. De seguro que se traballou moito e de forma organizada, para lograr esta grande mobilización popular (50.000 persoas, segundo cálculos da policía, moi por enriba, en termos relativos, do que a dereita española é capaz de mover desde todo o Estado en Madrid, con grande axuda mediática, para as súas cruzadas reacionarias). Mais a resposta foi posíbel pola predisposición existente, pola sentida necesidade colectiva de dar resposta reiterada, continua, á agresión incesante contra o noso idioma, veiculizada desde o propio goberno galego.

O PP está a empregar as institucións de autogoberno para aplicar desde elas unha sobredose de imposición do español, desprezando toda a lexislación autonómica en materia de normalización de usos do galego precisamente nos ámbitos da administración e os servizos públicos. Manipulou, e intenta seguir facéndoo, a un importante sector da sociedade galega, xogando cos seus prexuízos, a súa desinformación e o seu individualismo desconfiado do propio, para poder xustificar o cambio de política lingüística, co recurso previo a, supostamente espontáneas, organizacións sociais que a demandaban. Curiosamente, nunca foi relevante a capacidade mobilizadora destas organizacións, amparadas por praticamente todo o poder mediático e mesmo contando co chamado explícito do PP a prol das súas convocatorias. Eis o seu problema: a insidia falsificadora pode atordoar ou confundir, pero non chega para mobilizar, a axitación ideolóxica confesamente anti-galega provoca retraemento individual e a intoxicación política por exceso desconfianza sobre os obxectivos perseguidos. Neste sarillo méxense os que o PP considera maioría para xustificar a súa cruzada de aniquilación. Desde unha óptica democrática e galega, resulta paradoxal e gravísimo que un Goberno de Galiza aposte descaradamente por acentuar o servilismo social, a falta de autoestima e a anormalidade lingüística conseguinte.

Nós debemos seguir apostando pola ampliación da base social consciente dos dereitos lingüísticos do pobo galego, contando con todas as variábeis de comportamentos e coa pedagoxía máis axeitada. Canto máis estrutura na base teña o movemento de defensa da lingua galega maior será a súa capacidade de resistir e avanzar na conquista de dereitos, nas adesións individuais ao uso da nosa lingua propia, como parte dunha conciencia social e política galega. A Plataforma "Queremos galego" é o instrumento máis útil co que contamos para realizar este labor. É a maior expresión de unidade, de capacidade e de inciativa social, claramente demostradas. A todos os que somos conscientes da gravidade da situación e da necesidade de actuarmos consecuentemente no terreo social e político merécenos respeito e recoñecemento. Estamos seguros que vai seguir planificando a resposta colectiva incisiva para lograrmos o fin deste pesadelo e podermos iniciar un camiño real verdadeiramente democrático en materia de oficialidade de linguas.

O éxito da dinámica mobilizadora ten provocado xa o illamento político do PP. Non partillemos nen lle deamos carta de natureza á súa artillaría intoxicadora. Non é privilexiando no noso discurso tamén os seus ideoloxemas como bilingüismo ou liberdade, como conseguiremos derrotalo e clarificar a sociedade. Xa padecín a experiencia de comprobar como un deputado autonómico do PP defendía, sen complexos, nun debate previo á manifestación do día 18, a política lingüística do seu partido facendo uso das críticas que algúns intelectuais, desde as páxinas galegas de "El País", proxectaron contra o que consideran discurso avellado do nacionalismo galego neste tema. Non debemos agachar a realidade, pensando que é máis proveitoso o auto-engano ou os termos equívocos, por aconflitivos, que non aclaran nen convencen a ninguén. En todo caso, de facelo, é bo que vallan para combater os inimigos do galego, non precisamente para deslexitimar os seus defensores.

Foi positiva a adesión do PSOE á manifestación, malia ser tardía e após declaracións pouco afortunadas ou apostas intolerábeis nalgúns dos seus dirixentes. A presenza do Ministro Caamaño hónrao tanto como resulta incongruente e gravemente contraditoria con ela a posición e as declaracións do alcalde coruñés en relación co topónimo da cidade. Se o PSOE quer ter credibilidade neste tema, debe acabar con estes xogos tan perigosos, acatando a legalidade dunha vez por todas.

É moi importante, na cuestión lingüística, actuar conforme se predica e predicar tratando de procurar uns mínimos de consenso, que favorezan a unidade. Parece que o factor de unidade mínima, como ponto de partida, debe estar na confluencia para restaurar a legalidade que o PP está a destruír. Nun tema de tanto calado social, a mobilización vai ser chave para o logro deste obxectivo. A articulación do movemento a prol da lingua para facelo evidente popularmente, socialmente, como está a facer "Queremos galego", é o camiño necesario.

 Posted by at 19:13
Out 192009
 

Cheguei hai un pouco de Compostela, e como moitos e moitas de vós aínda sigo impresionado pola demostración de dignidade que ven de dar Galiza defendendo o seu futuro en galego. Fomos milleiros as persoas que hoxe de xeito cívico ocupamos as rúas da capital da nosa nación respostando á chamada da Plataforma QUEREMOS GALEGO!, e xa sabedes como se fai nestes casos, se a policía di que eramos 50.000 o que hai que facer é multiplicar por dous eses dados e despois restarlle un pouquiño para saber cantos eramos realmente

Foi un duro traballo de centos de persoas que desde a Plataforma e desde as asociacións que dela forman parte remamos contracorrente, dado que na maioría dos medios de comunicación ao longo das pasadas semanas houbo un apagón informativo case total. Veremos que din mañá pero supoño que irán na liña do telexornal que acabo de ver, "milleiros de persoas", poden ser dúas mil ou algunhas máis cada quen que faga o seu cálculo, pero onte o mesmo telexornal dunha televisión que debe centrarse en informarnos sobre a realidade galega abriu cun titular de "millón e medio de persoas" na manifestación da dereita en Madrid, onte foi rotundo e non deixou que fixera cada quen o seu propio cálculo de asistentes;  e se queremos poñer o exemplo dun medio que din "amigo" na súa páxina en internet o máis importante desta mañá en Compostela foi a presenza dun ministro.  

Algúns sumáronse a última hora, xa dicía hai unhas semanas que iso ía acontecer, e como queda aínda moito camiño por andar o tempo amosaranos se era só para sair na foto ou o seu compromiso é real; pero esta anécdota non debe facernos perder un minuto dado arribistas sempre os houbo e haberaos. Creo que neste momento debemos centrarnos en toda esa xente que aínda tendo dúbidas porque ao longo dos últimos meses fixeran mella neles as mensaxes dos inimigos de Galiza bombardeándoos con "iso é un chiringuito do nacionalismo", "mobilizarse non vale para nada", "saír á rúa é crispar á sociedade" etc?, hoxe eran parte da marea de dignidade. Esas persoas capazes de superar os medos e tabús agora son tamén propagandistas de QUEREMOS GALEGO!

Queda moito por facer pero coa demostración de hoxe vai ser máis doado. Como  en outras moitas ocasións foi o nacionalismo o que abreu o camiño, dando exemplo de visión política, xenerosidade e compromiso co país. Sabemos que é na mobilización e no combate social onde se adquire conciencia, e os milleiros de persoas que hoxe respostaron á chamada de QUEREMOS GALEGO! teñen que pasar a ser protagonistas dun futuro no que é fundamental artellar unha densa rede de complicidades; unha rede comprometida con Galiza.

 Posted by at 10:57
Out 192009
 

Hoxe comeza un día de outono cheo de sol na ría de Vigo. Chego á cociña e busco no dial as novas que me acompañen no primeiro café da mañá. Terei que mercar unha radio máis moderna para non pasar sempre o traballo de darlle voltas a esta minúscula rodiña para atopar a única emisora en galego entre tanta oferta matinal. “Bule, bule que chegamos tarde á escola”, dígolle a un neno medio durmido que collo da man para subir rápido a costa urbana que nos separa da entrada do colexio. Xa están os compañeiros agardando para a última brincadeira antes das aulas. Moitos nomes galegos –Antón, Brais, Roi, Xacobe–, pais e nais que falan na nosa lingua e –que magoa!– nunca escoitei aos nenos falar galego entre eles.

“Un café con leite morno, por favor”. Grazas que estou na cafetería de todos os días e xa non teño que explicar a equivalencia de morno con templado. Aínda así alguén que o escoita pon esa cara de “morno!” e percíbese, como diría a poeta, como chegan á súa memoria os ecos dunha lingua extinta. E co segundo café a prensa escrita. Dá igual a orde na que collamos os xornais, tamén dá igual a orde por onde os comecemos –eu por disciplina sempre polo principio– dado que a orde dos factores non vai alterar en nada o produto. En galego,… o 4% din os estudios de sociolingüística. Vamos,  que é imperceptíbel para un ollo non adestrado no traballo arqueolóxico de procurar algunha noticia en galego.

Camiño do ximnasio paro no banco para facer unha xestión. “Desculpa, por unha coincidencia cósmica non teredes os impresos en galego?” “No, lo sentimos mucho”. “Xa, e aparte de sentilo facedes algo ao respecto?” “Quieres hablar con el director?” Outra vez… Case que hoxe que fai un sol outonal precioso non deixo aquí a mañá e sigo cara a clase de pilates. “Ola, estou inscrita para martes e xoves.” “Yo aquí tengo martes y jueves”. “Vale, acepto o cambio. Grazas.” Xa pola tarde achégome á xuntanza inicial de nais e pais coa titora da miña filla no instituto. Fala a titora, os pais e as nais e eu fago unha pregunta sobre os desdobres e algo muda. A titora contesta en galego, algúns pais e nais interveñen agora en galego e eu penso cando sentada nunha aula moi semellante fai máis de vinte anos me explicaron o que era un catalizador nunha reacción química. Ou sexa, aparte de nai agora síntome unha especie de sustancia que ao intervir nunha reacción ou relación a modifica. Será iso a famosa imposición?

Nota: a linearidade deste relato é unha ficción, mais cada un das secuencias expostas acontecéronlle á autora do mesmo en diferentes días da súa vida na cidade da ría luminosa. Omitiuse o referente laboral cotiá no Parlamento galego por ser un dos poucos espazos laborais deste país no que se vive case integramente na nosa lingua. Mais desta volta –por primeira vez en toda a súa historia– hai deputados que non interveñen en galego porque rexeitan a imposición.

 

 Posted by at 00:00