Out 012009
 

Reavívase a obsesión do PP e tamén de grande parte do PSOE por recuperaren para a oficialidade institucional o acastrapado "La Coruña". A fartura, o cansanzo perante este conflito, que dura xa máis de 25 anos, parece ter asolagado a boa parte da sociedade coruñesa e provocado algunha indiferenza pasotil nalgúns sectores ben intencionados que consideran esta cuestión baladí, sen importancia. Certamente, outros non deixan de preocupárense e irritárense por esta contumacia tan mal intencionada.

O españolismo, na súa actual fase de exasperación axitativa, Pte. da Xunta ao fronte, recupera a aspiración aniquiladora xusto cando o Concello non tivo máis remedio que asumir a legalidade polo pacto que estableceu o goberno bipartito PSOE-BNG. Desde entón, o respeito pola legalidade, pola denominación orixinaria galega, tal e como prescrebe a Lei de Normalización Lingüística, comezou a ser un feito tamén na Coruña. Rompeuse así con anos de chulería, de ilegalidade ostentosa e agresiva, que contou coa conivencia de grande parte do aparato xudicial. Tiña que desautorizar, e así o fixo, como non acorde coa lei a posición do goberno municipal, pero nunca acusou ao alcalde do delito de desacato nen sequera lle indicou a obrigatoriedade, a prescritividade do topónimo A Coruña. Desde o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo até os xuíces ordinarios foron claros nos seus ditames non avalando o uso de "La Coruña" a efectos de oficialidade administrativa, pero tan inoperantes como maioritariamente conchavados para non producírense consecuencias prácticas negativas contra quen, de forma tan repetida e ostentosa, desobedecía unha lei autonómica de 1983 e outra das Cortes Xerais de 1998, esta última para o nome oficial da provincia ser concordante co que xa se tiña restaurado para a capital. Fechábase así o cerco legal, sen posibilidade de burla. Os meios de comunicación de ámbito estatal, tanto de titularidade pública como os privados que respeitan a legalidade democrática, usan desde entón a denominación oficial A Coruña na letra escrita.

Xa sabemos que a arrogancia imperial non resiste estas conquistas democráticas nen a razón fundada na restauración das orixes sen renuncias nen deformacións. 

 Posted by at 23:02

Sorry, the comment form is closed at this time.