Out 042009
 

Veñen de ser coñecidos os resultados do referendo celebrado onte en Irlanda e ¡por fin! o pobo irlandés dixo si ao Tratado de Lisboa, e digo por fin dado que o día 12 de xuño do 2008, a primeira vez que se someteu nese país a referendo o pobo irlandés "trabucouse" e tivo que ser convocado de novo para que se decataran de que debían votar afirmativamente. E non era a primeira vez, dado que en xuño do 2001 deran a vara ao resto de Europa co seu rexeitamento do xa esquecido Tratado de Niza, para despois aprobalo o 19 de outubro de 2002; por tanto unha de dúas ou estes irlandeses son uns repugnantes ou na Unión Europea o da democracia ten un significado distinto ao que nos ensinaron na escola.

Non vou ser eu quen dea certificados de democracia ao pobo irlandés nin a ningún outro pobo, pero si creo que este fenómeno dos referendos repetidos unha e outra vez até que o resultado sexa o que ten que ser debería levarnos a reflexionar un pouco sobre a tan cacarexada democracia, e a preguntarnos quen manda na Unión Europea si os gobernos dos estados membro sexan máis ou menos democraticamente elixidos ou determinados lobbys de presión con sucursais en Bruxelas pero coa sede central no departamento de Estado de USA ou na sede dalgunhas multinacionais que forman parte do seu entramado de intereses.

No estado español o Tratado de Lisboa non foi levado a consulta popular, supoño que por medo a que a posibilidade nada remota dunha participación semellante ou incluso inferior ao 42% da consulta da Constitución Europea de febreiro de 2005 botara por baixo o mito do "compromiso del pueblo español con Europa", e iso que daquela até os Borbóns sairon da Zarzuela para iren votar. O Tratado de Lisboa foi aprobado polas Cortes, votándose o 18 de xuño de 2008 no Congreso con só seis votos en contra, entre eles os do BNG; tamén neste tema PP e PSOE foron da man ao igual que na reelección de Durão Barroso hai uns días.

Cando o nacionalismo galego houbo de definir postura sobre a fenecida Constitución Europea e o seu fillo o Tratado de Lisboa moitos chamáronnos montunos, trogloditas, anti-europeos, anticuados, etc?, sen poñer argumentos e falando só de que "hai que ser europeos"; cando os Irlandeses rexeitaron Niza e Lisboa a cantinela foi a mesma, desagradecidos, illacionistas, etc?. Eu aínda gardo un titular de El País que decía "O voto de 76.000 cidadáns pon en cuestión un proxecto para 490 millóns de europeos", e hoxe cando veñen de darse a coñecer os resultados provisionais do cuarto referendo europeo irlandés, a emisora de radio referencial dese mesmo grupo mediático acaba de recoñecer que o sí non tería triunfado sen a "presión das multiunacionais" (supoño que se lles escapou).

U-la democracia e a soberanía do pobo irlandés?

 Posted by at 22:45

Sorry, the comment form is closed at this time.