Out 122009
 

En poucas semanas a Plataforma QUEREMOS GALEGO! petou no corazón e na cabeza de milleiros de galegos e galegas e de varios centos de agrupacións de diverso tipo; hoxe podemos entrar na súa páxina web e atopamos clubes deportivos, asociacións de veciños, grupos musicais, mestras, obreiros, pensionistas, estudantes, etc…, todos e todas unidos baixo unha mesma reivindicación QUEREMOS GALEGO!

Nun anterior artigo comentaba que desgraciadamente a posta en marcha desta iniciativa estaba a atoparse cos mesmos problemas, críticas e paus nas rodas que outras que ao longo dos anos xurdiron promovidas polo segmento social máis comprometido co país e co seu futuro, o nacionalismo; pero tamén manifestaba a miña confianza en que o proceso iría cara adiante, e o tempo poría coma sempre a cada un no seu lugar. E así foi, nalgunhas xuntanzas todo xiraba arredor dunha suposta necesidade de non politizar o idioma, de que algunhas siglas asustan e por iso hai quen non se sobe a este tren, que si o nacionalismo debía dar un paso atrás e deixar protagonismo a unha sociedade civil da que polo visto nós non debemos formar parte, etc…Coma sempre moita paciencia, man esquerda, horas de conversa para vencer reticencias e preconceitos, e o tren púxose a andar.

Centos de persoas, unhas con carné e outras só con militancia patriótica ou cultural, levan semanas facendo chamadas telefónicas, mantendo reunións con asociacións, organizando os itinerarios de autobuses, colando cartazes, chamando a coñecidos para que se adhiran á Plataforma, etc…Ese labor a pé de rúa é o zume que alimenta ao nacionalismo galego e a calquer movemento que teña por obxectivo perdurar no tempo até transformar a sociedade. Unha vez máis comprobamos como as nosas mans as constrúen futuro e non podemos agardar que nos axuden a facer camiño medios de comunicación do sistema, grupos económicos, ou gurús pesebristas que rapidamente abandonaron o carro.

Certo que sempre os tivemos na nosa contra, pero eu non lembro no últimos anos unha situación na que o silencio ao respecto dunha iniciativa que está a mobilizar o país de norte a sul e de leste a oeste fora tan unánime e brutal. Esa desaparición do universo mediático fai que algunha xente que participa neste proxecto deixando moito do seu tempo nel pergunte a quen temos máis experiencia como pode ser que non sae nada nos xornais, na radio ou no telexornal; a min algunha vez cando mo perguntan escápaseme un sorriso lembrando as moitas veces que teño escoitado o mesmo comentario de persoas que con toda a súa boa intención participaban por primeira vez nunha mobilización ou conflito e até aquel momento consideraban que os medios eran de "comunicación" e non de "desinformación".

Este proceso ademais do éxito da manifestación en si mesma ten outros moitos aspectos positivos, e entre eles está o de ir clarificando o panorama ao igual que noutras ocasións; hai críticos de algunhas semanas atrás que hoxe arriman o ombro conscientes da importancia do momento, outros que normalmente son pesimistas sei que están a facer chamadas telefónicas e envían correos animando a participar, e afortunadamente son cada vez menos os que seguen atobados agardando un mellor momento.

Como dicía nunha asemblea hai uns días o meu compañeiro Moncho Bouzón é moi fácil, só temos que ir todos e cada un de nós debe levar a unha persoa que non foi á manifestación de maio. Por tanto, vémonos o 18 en Compostela ás 12 na Alameda, ou como cando eran as do Prestige, a ver se non te vexo porque iso quererá dicir que a marea de xente impide atopar moitos coñecidos e coñecidas que de seguro tamén estarán alá.

 Posted by at 22:05

Sorry, the comment form is closed at this time.