Out 132009
 

Son asiduo da Biblioteca Universitaria do Patín, un fermoso edificio do século XVIII rehabilitado para tal fin, sito no campus de Esteiro (Ferrol). Alí pasei revista a grande parte dos libros que posúen onde puider achar referencias á historia medieval galega. É unha bibliografía case sempre en español e de orientación españolista, anuladora de nós como entidade política, mais moitas veces capaz de fornecer ao leitor advertido moita información proveitosa sobre Galiza. Sen querer, poñen en evidencia o que, consciente ou inconscientemente, desexan agachar ou dan como naturalmente inexistente. Nela albiscamos e constatamos a existencia da Galiza cunha vitalidade, un poder e un dinamismo innegábeis. Colaboran os seus autores e autoras nestas versións académicas a suplantarnos politicamente por León ou Asturias, na Alta e na Baixa Idade Media, pero a forza da verdade aboia. Canta máis rigorosa é a súa erudición, máis asombra o que, inxenuamente, nos descobren moitos destes libros, maiormente publicados polas Universidades de Castela-León, coa colaboración económica da Junta. Traballan nunha liña de investigación ad maiorem gloriam suam, na que inevitabelmente o "solar galaico" é inesquivábel.  

O contraste coa Universidade de Santiago, por exemplo, é elocuente. A nosa miseria investigadora para descubrir a memoria histórica do país, en termos políticos, nesa etapa medieval resulta reveladora: unha orientación académica perfeitamente intencionada para maior auto-negación e despiste dos nosos mozos e mozas e para reforzar a españolidade en base á ocultación e a desvalorización histórica. Dilapidamos os diñeiros públicos para, no campo das Humanidades, seguir lavando cerebros, esquecendo o labor pendente máis necesario para a nosa sociedade: recuperar a memoria de nós, o que hai detrás do noso patrimonio artístico e cultural, o que hai de sociedade, de vida, de poder político, de opcións estratéxicas?Malia o seu descoido, abandono e espolio segue esperando a que revelemos o grupo humano, xenuíno, galego, a dinámica social e política autóctona, que o criou, o contexto histórico real que o posibilitou. Nesta tarefa e con este obxectivo, unha Faculdade de Humanidades tería hoxe sentido teórico e prático total. Cumpriría o papel de procurar e espallar unha información que aínda gardan, como un tesouro, por exemplo, os documentos medievais depositados no Arquivo Histórico Nacional de España, no seu momento espoliados dos mosteiros galegos, pendentes de seren analisados globalmente e desde unha perspectiva conscientemente galega. Non é difícil responder á pergunta de por que non se fixo aínda nen se fai. Teñamos claro unha cousa. Ninguén o vai facer por nós. Máis ben o están facendo á nosa costa e co noso colaboracionismo suicida. E !ollo!, de facelo, teríamos uns profesionais mellor preparados para o que o país necesita neste campo, desde o plano turístico ao escolar, do informativo ao investigador con efectos e incidencia social e económica. Mentres seguirá a ser patético ler eses anuncios, aparecidos na imprensa destes días, prometendo marabillas europeas aos que se matriculen nunha Faculdade de Humanidades de Ferrol, por exemplo, un precioso edificio de comezos do século XX, tamén rehabilitado, que merecía, dentro da súa temática, outros contidos, outros obxectivos e outra incardinación na nosa sociedade, que tan necesitada está?

 Posted by at 19:58

Sorry, the comment form is closed at this time.