Out 192009
 

Canta alegría provoca constatar a potencialidade do noso pobo!!!. Foron clases populares conscientes, coa súa diversidade, as súas convicións e as súas expectativas, as que encheron, até o colapso, as rúas de Compostela o domingo 18 de outubro, seguindo o chamado da plataforma "Queremos galego". Simbolizan unha representación senlleira da sociedade galega que acredita na nosa capacidade como pobo, no respeito aos seus dereitos, expresión da aspiración a vivirmos con dignidade e sen servilismo. Esta aspiración ten no uso normal, sen renuncias nen subordinacións, do idioma galego na nosa Terra un dos eixos centrais. Malia o noso individualismo, ás veces extremo, a nosa fraxilidade, por tanta discriminación, a nosa desconfianza, por tanto poder á contra, está claro que a nosa capacidade colectiva é quen de superar estas eivas precisamente se se tratar de defender o idioma que nos define e que pode ter a virtude de nos coesionar: o idioma galego, marcado polas pegadas de tanta marxinación social e a hostilidade dos poderosos. De seguro que se traballou moito e de forma organizada, para lograr esta grande mobilización popular (50.000 persoas, segundo cálculos da policía, moi por enriba, en termos relativos, do que a dereita española é capaz de mover desde todo o Estado en Madrid, con grande axuda mediática, para as súas cruzadas reacionarias). Mais a resposta foi posíbel pola predisposición existente, pola sentida necesidade colectiva de dar resposta reiterada, continua, á agresión incesante contra o noso idioma, veiculizada desde o propio goberno galego.

O PP está a empregar as institucións de autogoberno para aplicar desde elas unha sobredose de imposición do español, desprezando toda a lexislación autonómica en materia de normalización de usos do galego precisamente nos ámbitos da administración e os servizos públicos. Manipulou, e intenta seguir facéndoo, a un importante sector da sociedade galega, xogando cos seus prexuízos, a súa desinformación e o seu individualismo desconfiado do propio, para poder xustificar o cambio de política lingüística, co recurso previo a, supostamente espontáneas, organizacións sociais que a demandaban. Curiosamente, nunca foi relevante a capacidade mobilizadora destas organizacións, amparadas por praticamente todo o poder mediático e mesmo contando co chamado explícito do PP a prol das súas convocatorias. Eis o seu problema: a insidia falsificadora pode atordoar ou confundir, pero non chega para mobilizar, a axitación ideolóxica confesamente anti-galega provoca retraemento individual e a intoxicación política por exceso desconfianza sobre os obxectivos perseguidos. Neste sarillo méxense os que o PP considera maioría para xustificar a súa cruzada de aniquilación. Desde unha óptica democrática e galega, resulta paradoxal e gravísimo que un Goberno de Galiza aposte descaradamente por acentuar o servilismo social, a falta de autoestima e a anormalidade lingüística conseguinte.

Nós debemos seguir apostando pola ampliación da base social consciente dos dereitos lingüísticos do pobo galego, contando con todas as variábeis de comportamentos e coa pedagoxía máis axeitada. Canto máis estrutura na base teña o movemento de defensa da lingua galega maior será a súa capacidade de resistir e avanzar na conquista de dereitos, nas adesións individuais ao uso da nosa lingua propia, como parte dunha conciencia social e política galega. A Plataforma "Queremos galego" é o instrumento máis útil co que contamos para realizar este labor. É a maior expresión de unidade, de capacidade e de inciativa social, claramente demostradas. A todos os que somos conscientes da gravidade da situación e da necesidade de actuarmos consecuentemente no terreo social e político merécenos respeito e recoñecemento. Estamos seguros que vai seguir planificando a resposta colectiva incisiva para lograrmos o fin deste pesadelo e podermos iniciar un camiño real verdadeiramente democrático en materia de oficialidade de linguas.

O éxito da dinámica mobilizadora ten provocado xa o illamento político do PP. Non partillemos nen lle deamos carta de natureza á súa artillaría intoxicadora. Non é privilexiando no noso discurso tamén os seus ideoloxemas como bilingüismo ou liberdade, como conseguiremos derrotalo e clarificar a sociedade. Xa padecín a experiencia de comprobar como un deputado autonómico do PP defendía, sen complexos, nun debate previo á manifestación do día 18, a política lingüística do seu partido facendo uso das críticas que algúns intelectuais, desde as páxinas galegas de "El País", proxectaron contra o que consideran discurso avellado do nacionalismo galego neste tema. Non debemos agachar a realidade, pensando que é máis proveitoso o auto-engano ou os termos equívocos, por aconflitivos, que non aclaran nen convencen a ninguén. En todo caso, de facelo, é bo que vallan para combater os inimigos do galego, non precisamente para deslexitimar os seus defensores.

Foi positiva a adesión do PSOE á manifestación, malia ser tardía e após declaracións pouco afortunadas ou apostas intolerábeis nalgúns dos seus dirixentes. A presenza do Ministro Caamaño hónrao tanto como resulta incongruente e gravemente contraditoria con ela a posición e as declaracións do alcalde coruñés en relación co topónimo da cidade. Se o PSOE quer ter credibilidade neste tema, debe acabar con estes xogos tan perigosos, acatando a legalidade dunha vez por todas.

É moi importante, na cuestión lingüística, actuar conforme se predica e predicar tratando de procurar uns mínimos de consenso, que favorezan a unidade. Parece que o factor de unidade mínima, como ponto de partida, debe estar na confluencia para restaurar a legalidade que o PP está a destruír. Nun tema de tanto calado social, a mobilización vai ser chave para o logro deste obxectivo. A articulación do movemento a prol da lingua para facelo evidente popularmente, socialmente, como está a facer "Queremos galego", é o camiño necesario.

 Posted by at 19:13

Sorry, the comment form is closed at this time.