Out 292009
 

Novo éxito de público para Amenábar, polo menos no Estado español. O seu filme "Ágora", versión orixinal en lingua inglesa, con actores e técnicos de diversas nacionalidades, nomeadamente anglosaxóns, aposta por tratar un tema de actualidade: o fanatismo relixioso. Faino retrocedendo a fins do século IV e comezos do V após o nacemento de Cristo, no Exipto, concretamente a cidade de Alexandría, aínda sob o Imperio Romano. O cristianismo ten entón xa moita introdución social e un poder organizado, capaz de intimidación. Representa un ameazante e excluínte fanatismo, irracional xustamente na súa belixerancia contra a tradición secular do pensamento filosófico pagán, grego sobre todo, e as súas conquistas científicas. A Biblioteca de Alexandría, depósito da sabedoría acugulada durante séculos, centro para o aprendizaxe e a leitura, é o alvo da furia destrutiva da nova fe, que fai depender a salvación do home dun Deus e dun Máis Alá fóra de toda racionalidade, negando a liberdade de pensamento.

O filme de Amenábar limítase á roupaxe discursiva, no plano relixioso, a través da que se expresaba e articulaba un conflito social, económico, cultural e lingüístico, que só insinúa. Este esquematismo subliña o que lle interesa: o poder aniquilador, a violencia inquisitorial da relixión cando aspira a acadar un valor absoluto, universal, anulando a discrepancia e perseguindo o pensamento libre. Nesta febra é onde o filme resulta máis incisivo nos espectadores de formación católica ou cristiá ( quen non?), atinxidos por unha historia real da antigüidade que lles evoca moitas cuestións espiñentas do presente. Amenábar sabe aproveitar as oportunidades do contexto, segundo as súas preocupacións ideolóxicas e morais. Ventea onde viaxar no pasado para evocarmos as cruzadas de intolerancia relixiosa actuais, concretamente da Igrexa Católica, oposta a toda política que afirme a capacidade da persoa a pensar e decidir por si mesma, a se realizar sen discriminacións, e hostil contra a investigacións e os avances científicos dirixidos a coñecer o universo, mellorar a vida humana, combater a enfermidade ou paliar o sufrimento. Responde así o director ao seu compromiso ideolóxico e moral de librepensador. Non deixa de ser positivo que contribúa a facer cavilar, no mundo occidental, aos cristiáns sobre o papel histórico e actual da súa relixión, avogando implicitamente polo diálogo relixioso e cultural (pagáns, xudeus e cristiáns na realidade histórica do filme). O grande ausente, o islamismo, pode estar presente como substrato para moitos espectadores, por ser, xustamente hoxe, no imaxinario occidental de moitos deles, a representación xenuína do fanatismo relixioso que o filme denuncia…

Non facemos obxección a Amenábar polo seu oportuno olfato para escoller temas de actualidade, dentro do seu xenérico e abstrato universo ideolóxico progresista. Tampouco á súa formulación algo esquemática para funcionaren con eficacia pedagóxica. A nosa obxección diríxese ao papel superior, determinante, que teñen nel algúns artificios formais, á súa incapacidade para conformar personaxes psicoloxicamente densos e situacións emocionais non estereotipadas. Iso que algún crítico sinalou como falta de vida, corrección formal, pero sen convulsión emotiva. Abusa dos planos tan intencionadamente abertos e desde arriba que parecen propios dun aspirante a demiúrgo. Non é quen de recoller o calor dunha relación íntima, desviado por planos revirados dos personaxes, alén das limitacións do guión. E, sobre todo, parece descoñecer que a cor pode ser un poderosísimo factor comunicativo. A monotonía cromática contribúe máis a unha visión de cartón pedra, amplificada polos efectos dixitais.

Non falamos nada de Hypatia, o personaxe simbólico central, muller filósofa e científica, vítima da intolerancia cristiá. É un corpo pensante e discursivo, algo de cartón pedra tamén. Non é así por responsabilidade de Rachel Weisz , senón do guión e da concepción hexemónica do filme. Prescíndese da súa psicoloxía e mesmo das súas potenciais contradicións humanas. É unha abstracción ideolóxica sen vida. É un estereotipo. Tamén estaba chea de estereotipos "Mar adentro", o filme que representou o inicio da oportuna exposición das preocupacións morais e ideolóxicas e das intencións pedagóxicas de Alejandro Amenábar.

Naturalmente, os voceiros da Igrexa católica, orgánicos ou mediáticos, buliron a atacar "Ágora". Fano porque se senten aludidos pola súa forma de proceder no presente. Nesta dialéctica Amenábar convértese nun director político. O público responde positivamente á súa forma de plasmar a visión dun conflito vixente, a través do formato dun cine con longa tradición en Hollywood e tamén na Europa mimética, o peplum. Non sei se este éxito é un fenómeno máis español que occidental. Malia a vocación cosmopolita de Amenábar e da súa habelencia técnico-formal, o principal público valedor é o español, nomeadamente a mocidade e os sectores de adscrición progresista, para os quen ten certo carisma. Digamos, de paso, que todo vai acompañado dun soporte mediático e propagandístico, consoantes cunha verdadeira industria, detrás dos cais están grandes compañías de televisión de capital transnacionalizado. Cómpre dicer que contribúe tamén ao éxito as tan planificadas como dosificadas aparicións dos seus filmes ( tamén as del como personaxe público), o que os fai máis esperados…

 Posted by at 12:51

Sorry, the comment form is closed at this time.