Out 302009
 

Tanto ten que a TVG combata o suceso da mobilización histórica do pasado 18 de Outubro, neste caso non polo número de manifestantes (éralles difícil), senón coa xa clásica asociación entre defensores do galego e violencia. Que vergoña comprobar como o 19 de Outubro, na televisión pública galega, no seu Telexornal e no espazo “Bos Días Magazine”, as imaxes da manifestación contan cunha lexendaxe impresa coa seguinte sentenza literal: “Atacan un equipo da TVG na manifestación a prol da lingua”. Que indecencia sinalar, en concreto, denigrando e calumniando, un home de 95 anos, Avelino Pousa Antelo, como suposto agresor.

Tanto ten que PP, organizacións ideoloxicamente afíns e medios de comunicación privados ben subsidiados, tamén significadamente o “xornalista” e “analista” “independente” Carlos Luís Rodríguez, combatan de xeito tan desproporcionado como feroz o éxito mobilizador. Evidencian así a súa derrota, o laio por comprobaren que o pobo galego está vivo e sabe defender o seu. O evidente divorcio entre a mediática servil e dependente do poder e a dinámica social, popular, que venceu e se sobrepuxo á ocultación e á censura informativa previa, ao autodesprezo e aos peores complexos. A demostración, en definitiva, de que o pobo galego non se rende e sabe defender na rúa o que os gobernantes pretenden roubar.

Tanto ten. Porque sabemos que están doídos no PP. Agora non saben como facer. Pretenden lavar a cara e presentárense como galeguistas. Como Carlos Negreira, citando a Castelao no Pleno Municipal da Coruña que pretendía a oficialización do castrapo imposto polo franquismo. Tanto ten. Nós a seguir adiante. Cómpre agora un traballo de popularización da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma Queremos Galego, e de organización de actividades e accións, durante os próximos meses, que manteñan acesa a chama da reivindicación lingüística. E que gañen novos simpatizantes e activistas para tan nobre causa. Podemos facelo, e ímolo facer.

Quero lembrar o compañeiro e amigo Miguel Pazos, concelleiro do BNG en Poio e Patrón Maior da Confraría de Pontevedra. Meu amigo Miguel. O que máis nos animaba. Mariscador a pé, orgulloso da súa condición, patriota exemplar e traballador incansábel polos dereitos de mariñeiros e mariscadoras. Até sempre, compañeiro Miguel. Sempre contigo, meu amigo. Meu compañeiro.

 Posted by at 20:51

Sorry, the comment form is closed at this time.