Out 182009
 

“Que sabedes vós, vellos piñeiros?, Para quen lanzades brandos rumores?”

Lin estes versos unha e outra vez. Non, non son de Eduardo Pondal. Foron escritos mil cen anos antes, nos antípodas do Monte Branco, pola man de Li Bai, poeta chinés que, para min, garda máis ca esta semellanza co autor de noso. Así, Pondal considera os corvos aves maxestosas que representan o bardo, lonxe dunha tradición popular que os reducía a simples agoireiros. Li Bai identifícase coa ave Peng, unha ave fabulosa de grandes dimensións que é quen de acadar alturas inmensas, representado así a sabiduría e a liberdade. Escribe Li Bai antes de morrer: “O gran Peng levanta o voo… o vento remanente axitará xeracións.” E si, porque aquí estamos, trece séculos despois, admirando o seu verso. Din as biografías que Li Bai era un vagabundo, un aventureiro, un excéntrico, e a min ségueme lembrando a Pondal, ao Pondal que se reunía na Cova Céltiga e debatía sobre o pasado glorioso da nosa terra, en tertulias como as que compartía Li Bai con outro poetas do seu tempo, mentres viaxaban na procura de mecenas. Mais hai un punto de unión entre ambos os autores que vai máis alá da súa obra, unha ponte que une, por riba do tempo, dúas culturas tan diferentes, como distantes. Escribe Guojian Chen que a poesía chinesa, máxima expresión desa cultura oriental, destaca pola presenza da natureza e explica que non podía ser doutro xeito nun país que durante milenios viviu da agricultura e está moi vencellado á terra. Borremos a palabra chinesa e leamos de novo, é da poesía galega do que estamos a falar.

Tan pequenos e afastados, mais tan universais.

 Posted by at 20:54
Out 132009
 

Son asiduo da Biblioteca Universitaria do Patín, un fermoso edificio do século XVIII rehabilitado para tal fin, sito no campus de Esteiro (Ferrol). Alí pasei revista a grande parte dos libros que posúen onde puider achar referencias á historia medieval galega. É unha bibliografía case sempre en español e de orientación españolista, anuladora de nós como entidade política, mais moitas veces capaz de fornecer ao leitor advertido moita información proveitosa sobre Galiza. Sen querer, poñen en evidencia o que, consciente ou inconscientemente, desexan agachar ou dan como naturalmente inexistente. Nela albiscamos e constatamos a existencia da Galiza cunha vitalidade, un poder e un dinamismo innegábeis. Colaboran os seus autores e autoras nestas versións académicas a suplantarnos politicamente por León ou Asturias, na Alta e na Baixa Idade Media, pero a forza da verdade aboia. Canta máis rigorosa é a súa erudición, máis asombra o que, inxenuamente, nos descobren moitos destes libros, maiormente publicados polas Universidades de Castela-León, coa colaboración económica da Junta. Traballan nunha liña de investigación ad maiorem gloriam suam, na que inevitabelmente o "solar galaico" é inesquivábel.  

O contraste coa Universidade de Santiago, por exemplo, é elocuente. A nosa miseria investigadora para descubrir a memoria histórica do país, en termos políticos, nesa etapa medieval resulta reveladora: unha orientación académica perfeitamente intencionada para maior auto-negación e despiste dos nosos mozos e mozas e para reforzar a españolidade en base á ocultación e a desvalorización histórica. Dilapidamos os diñeiros públicos para, no campo das Humanidades, seguir lavando cerebros, esquecendo o labor pendente máis necesario para a nosa sociedade: recuperar a memoria de nós, o que hai detrás do noso patrimonio artístico e cultural, o que hai de sociedade, de vida, de poder político, de opcións estratéxicas?Malia o seu descoido, abandono e espolio segue esperando a que revelemos o grupo humano, xenuíno, galego, a dinámica social e política autóctona, que o criou, o contexto histórico real que o posibilitou. Nesta tarefa e con este obxectivo, unha Faculdade de Humanidades tería hoxe sentido teórico e prático total. Cumpriría o papel de procurar e espallar unha información que aínda gardan, como un tesouro, por exemplo, os documentos medievais depositados no Arquivo Histórico Nacional de España, no seu momento espoliados dos mosteiros galegos, pendentes de seren analisados globalmente e desde unha perspectiva conscientemente galega. Non é difícil responder á pergunta de por que non se fixo aínda nen se fai. Teñamos claro unha cousa. Ninguén o vai facer por nós. Máis ben o están facendo á nosa costa e co noso colaboracionismo suicida. E !ollo!, de facelo, teríamos uns profesionais mellor preparados para o que o país necesita neste campo, desde o plano turístico ao escolar, do informativo ao investigador con efectos e incidencia social e económica. Mentres seguirá a ser patético ler eses anuncios, aparecidos na imprensa destes días, prometendo marabillas europeas aos que se matriculen nunha Faculdade de Humanidades de Ferrol, por exemplo, un precioso edificio de comezos do século XX, tamén rehabilitado, que merecía, dentro da súa temática, outros contidos, outros obxectivos e outra incardinación na nosa sociedade, que tan necesitada está?

 Posted by at 19:58
Out 122009
 

En poucas semanas a Plataforma QUEREMOS GALEGO! petou no corazón e na cabeza de milleiros de galegos e galegas e de varios centos de agrupacións de diverso tipo; hoxe podemos entrar na súa páxina web e atopamos clubes deportivos, asociacións de veciños, grupos musicais, mestras, obreiros, pensionistas, estudantes, etc…, todos e todas unidos baixo unha mesma reivindicación QUEREMOS GALEGO!

Nun anterior artigo comentaba que desgraciadamente a posta en marcha desta iniciativa estaba a atoparse cos mesmos problemas, críticas e paus nas rodas que outras que ao longo dos anos xurdiron promovidas polo segmento social máis comprometido co país e co seu futuro, o nacionalismo; pero tamén manifestaba a miña confianza en que o proceso iría cara adiante, e o tempo poría coma sempre a cada un no seu lugar. E así foi, nalgunhas xuntanzas todo xiraba arredor dunha suposta necesidade de non politizar o idioma, de que algunhas siglas asustan e por iso hai quen non se sobe a este tren, que si o nacionalismo debía dar un paso atrás e deixar protagonismo a unha sociedade civil da que polo visto nós non debemos formar parte, etc…Coma sempre moita paciencia, man esquerda, horas de conversa para vencer reticencias e preconceitos, e o tren púxose a andar.

Centos de persoas, unhas con carné e outras só con militancia patriótica ou cultural, levan semanas facendo chamadas telefónicas, mantendo reunións con asociacións, organizando os itinerarios de autobuses, colando cartazes, chamando a coñecidos para que se adhiran á Plataforma, etc…Ese labor a pé de rúa é o zume que alimenta ao nacionalismo galego e a calquer movemento que teña por obxectivo perdurar no tempo até transformar a sociedade. Unha vez máis comprobamos como as nosas mans as constrúen futuro e non podemos agardar que nos axuden a facer camiño medios de comunicación do sistema, grupos económicos, ou gurús pesebristas que rapidamente abandonaron o carro.

Certo que sempre os tivemos na nosa contra, pero eu non lembro no últimos anos unha situación na que o silencio ao respecto dunha iniciativa que está a mobilizar o país de norte a sul e de leste a oeste fora tan unánime e brutal. Esa desaparición do universo mediático fai que algunha xente que participa neste proxecto deixando moito do seu tempo nel pergunte a quen temos máis experiencia como pode ser que non sae nada nos xornais, na radio ou no telexornal; a min algunha vez cando mo perguntan escápaseme un sorriso lembrando as moitas veces que teño escoitado o mesmo comentario de persoas que con toda a súa boa intención participaban por primeira vez nunha mobilización ou conflito e até aquel momento consideraban que os medios eran de "comunicación" e non de "desinformación".

Este proceso ademais do éxito da manifestación en si mesma ten outros moitos aspectos positivos, e entre eles está o de ir clarificando o panorama ao igual que noutras ocasións; hai críticos de algunhas semanas atrás que hoxe arriman o ombro conscientes da importancia do momento, outros que normalmente son pesimistas sei que están a facer chamadas telefónicas e envían correos animando a participar, e afortunadamente son cada vez menos os que seguen atobados agardando un mellor momento.

Como dicía nunha asemblea hai uns días o meu compañeiro Moncho Bouzón é moi fácil, só temos que ir todos e cada un de nós debe levar a unha persoa que non foi á manifestación de maio. Por tanto, vémonos o 18 en Compostela ás 12 na Alameda, ou como cando eran as do Prestige, a ver se non te vexo porque iso quererá dicir que a marea de xente impide atopar moitos coñecidos e coñecidas que de seguro tamén estarán alá.

 Posted by at 22:05
Out 052009
 

A Real Academia Española acabou por entrometerse na cuestión para lles dar un balón de osíxeno a todos os que non soportan que unha cidade galega se denomine pola forma orixinaria, como o resto dos topónimos do país, sometidos secularmente a unha deformación esperpéntica (Vivero, Mellid, Sanjenjo, Puenteareas, Lage, Rianjo?). Non é unha cuestión de uso de linguas, senón de oficialidade das denominacións. A norma non debe, nen pode, ter excepcións, porque a deformación abrangueu o máis amplo espectro da nosa toponimia e ao longo de varios séculos. Naturalmente na lingua oral cada quen é libre de empregar a forma, a orixinaria galega ou a deformada, pretensamente catelá, que lle viñer en gaña. Mais todos sabemos que a oficialidade dunha forma acaba por favorecer un determinado uso. A RAE alíñase coa intolerancia e anima á desobediencia da lei cando ditamina que, falando ou escribindo en español, en calquera ámbito ou función, debe usarse "La Coruña". O seu criterio avala consecuentemente patentes deformacións ou híbridos sen sentido: Vivero, Sanjenjo, Mellid, Puenteareas?a carón dos naturais Pontevedra, Ortigueira, Ribeira, por exemplo, que non foron deformados. É un criterio coerente, rigoroso, sancionar academicamente formas orixinadas pola imposición irracional marcada a golpe de burocracia castelanizadora e forza pública represora, espalladas loxicamente na escrita e na fala non só da lingua allea e dominante senón tamén no galego oral, ás veces desde hai séculos e outras mesmo a comezos do XX? Non daba crédito cando comprobei que, a comezos dese século, aínda se facía o intento, nada menos que no Boletín das Cortes, de converter Redondela en Redondilla.

En rigor cómpre optar por un sistema coherente, orixinario, e socialmente xenuíno na oficialización das denominacións. No caso da nosa toponimia a única posibilidade é instaurar oficialmente a que foi criada polo pobo galego, non a que, con saña deformadora e arbitraria, impuxo o colonizador. O produto foi a deformación, a contradición e a burla. Aínda hoxe, sen que ninguén o puidese remediar, tal é a arrogancia poderosa de calquera insolente autoridade estatal, asistimos ao bautizo oficial do cabo Prioriño como "Prioriño chico" pola Autoridade Portuaria de Ferrol, híbrido redundante que evoca a displicencia dun aficionado ao chotis?Con esta mentalidade, como non van querer salvar, para a máis pura e excluínte españolidade, a denominación dunha cidade que, segundo o alcalde renegado e torturador, o vaticanista Paco Vázquez, e agora o seu substituto, o acomplexado, Javier Losada, "es la mejor de Galicia, la que más aporta y la que más tira del resto"?Está claro que este localismo paifoco e ignorante se fundamente, como sempre, nunha negación servil e caricaturesca de Galicia.

Como pode ser que un determinante galego, A, sumado a un topónimo prerrománico, espalle un olor tan inconfundíbel como para non poder ser tolerado polos gardas das esencias de España? Non hai outra explicación: cómpre non recoñecer quen somos nen de onde vimos. Hai que dar por natural, libre e única, a nosa condición de pobo anormal, servil, dependente e sen capacidade de decisión. Hai que asumir tanto a nosa condición de españolizados que se debe reprimir calquera mínimo síntoma que lembre a nosa condición de galegos. Cómpre autoferirnos. Un pobo habituado a tanta autonegación represiva, esperpéntica ao cabo, que gosta de se ver reflectido no engano e na deformación, sen memoria da historia, é o desexado e alimentado pola españolidade e por estes políticos autóctonos sen escrúpulos ao seu servizo. Eles son caricaturas, gozosas na súa exasperación agresiva contra o propio. A esta altura do conflito, mal fai o PSOE en pensar que pode restar votos ao PP empoleirándose novamente nesta espiral de xenofobia antigalega. A claudicación e o seguidismo, os comportamentos contraditorios e inconsecuentes, as xogadas puramente taticitas, nunca axudan ,e menos nunha cuestión como esta. Competir con Negreira e Feijoo na súa cruzada contra a legalidade e contra a nosa condición orixinaria non ocasiona máis que descrédito e confusión. Certamente foi co PP na Xunta cando se aprobou a Lei do Parlamento Galego de 1983 que estableceu as formas legais das denominacións toponímicas de Galiza. Tamén foi co PP no Goberno español que, en 1998, sen a maioría absoluta nas Cortes, se aprobou a denominación A Coruña para a provincia, en consecuencia coa recoñecida xa para a súa capital, pois é unha competencia do Estado. Por certo, hai que saber que o tan despótico e fachendoso contra os de dentro subgobernador da cidade-estado, o Sr. Paco Vázquez , tamén de hobby deputado, non ousou aparecer polo Congreso o día da votación para emitir un alporizado non. Non foron leis de especial querencia do PP, pero eran outros tempos e outras circunstancias. Non se decataron do que facían? Máis ben entón non valoraban tan aguda e incisivamente a importancia deste cambio, que se foi desvendando en paralelo co medre inducido da intolerancia e a exclusión no Estado español?

Memoria, pegada de sermos galegos e galegas de orixe, dereito á existencia, recoñecemento de procesos violentos de deformación, pertenza a unha sociedade distinta?isto é o que significa o topónimo oficializado, A Coruña, de forma senlleira. Non é pouco, e menos nos tempos que corren. Os inimigos da dignidade de Galiza sábeno ben. Non estaría de máis que nós mesmos tivésemos conciencia plena do que está en xogo. O alcalde. Paco Vázquez, nunha das súas badocadas que pretendían ser graciosas, obrigou a banda municipal a tocar o "La, la, la?" eurovisivo mentres centos dos seus seguidores, imitando a bravura española de Massiel, o cantaban na Praza de María Pita, para manifestaren a súa esperpéntica rebeldía contra a lei, pero non era máis que manifestación de servilismo de espírito, ben orquestrado e longamente inxectado polos que desprezan Galiza?

 Posted by at 16:54
Out 042009
 

Falaba no artigo anterior da consideración e a proxección da poesía entre os chineses. Debo recoñecer que quedei impactada por moitas das cousas que lin na introdución a "Poesía china elemental" de Guojian Chen, de aí que comezase procurar máis poemas de Li Bai dos que contén a antoloxía, pois este autor co que se inicia, acapara, nestes momentos, toda a miña atención.

  Así que recuperei "A punto de partir" do andel. Trátase dunha compilación de 100 poemas feita e traducida por Anne-Hélène Suárez Girard, para a a editorial Pre-Textos. Suárez Girard recolle tamén na súa introdución que en tempos da emperatriz Wu Zhetian (684-704), a poesía pasou a formar parte das probas dos exames imperiais que daban acceso á función pública. Mais Suárez explica cales foron as motivacións de Wu Zhetian para realizar este tipo de probas: "precisamente para apartar do goberno ás grandes familias da nobreza e consolidar o seu propio poder facilitando o ascenso de homes procedentes doutras capas sociais". Esta aclaración dálle aínda máis valor á estratexia seguida pola emperatriz, de quen debemos saber que antes de raíña foi concubina, e tamén que parece que estivo disposta a calquera táctica para acadar o poder e manterse nel, pois, para alén de que tivese un carácter máis ou menos cruel, o certo é que a sociedade do século VII, e a posterior, non aceptaba unha emperatriz.

  Mais, historia e lendas a parte, volvo falar hoxe de poesía para pór enriba da mesa un tema no que quedei pensando estes días, despois da publicación do último artigo, e é o concepto de "cultura xeral".

  Hai quen se escandaliza se unha, para quen a ironía é unha das ferramentas preferidas, fala de pedir que nas probas á función pública a poesía sexa proba excluínte. E entón penso eu, e logo Manuel Curros, Rosalía Castro e Eduardo Pondal non forman parte dos programas de literatura da escolarización obrigatoria, como forman parte Cervantes ou Shakespeare? Pois creo que moitas persoas son quen de repetir aquilo de: "Nun lugar da Mancha de cuxo nome non quero lembrarme, non hai moito tempo que vivía…" ou "Ser ou non ser, velaí a cuestión". Entón non van poder dicir dous ou tres versos dos autores anteriores despois de estudalos na ESO (ou en EXB ou en BUP) e ter oído algunhas cancións baseadas nos seus poemas? Parece que é excederse pensar que forme parte dos nosos coñecementos habituais algún daqueles versos que denunciaron as políticas de emigración masiva no XIX, "Adiós ríos, adiós fontes" ou "Unha noite na eira do trigo"? (por que non me atrevo a considerar que puidese ser de dominio común quen eran Roi Xordo, Pardo de Cela ou Lugrís)

  En fin. Parece que saber quen era El Cid, que o Hamlet o escribiu Shakespeare, que Velazquez pintou as Meninas, que El Greco pintara figuras moi estilizadas, saber o nome dos reis da Casa de Austria ou dos Borbóns si forma parte da cultura xeral, mais coñecer algo dos tres autores modernos máis representativos da nosa literatura, quizais é pedir de máis. Un médico ten que saber diagosticar unha gripe ou unha conxuntivite, mais escribir con certa corrección ou ter algo de cultura literaria, élle absolutamente innecesario.

  O caso é que, metáforas por medio, ironía na man e poesía na boca coma sempre ando, eu do que quería falar era de que andamos arredor de nós e non nos dá chegado o mapa de Fontán que nos oriente, aquel que fixo que Adrián Solovio se recoñecese e se atopase a si mesmo, despois de procurar en tantos outros lugares que non eran a terra nin a cultura de seu.

  En todo caso, perdóenme a literatura! 

 Posted by at 22:52
Out 042009
 

Veñen de ser coñecidos os resultados do referendo celebrado onte en Irlanda e ¡por fin! o pobo irlandés dixo si ao Tratado de Lisboa, e digo por fin dado que o día 12 de xuño do 2008, a primeira vez que se someteu nese país a referendo o pobo irlandés "trabucouse" e tivo que ser convocado de novo para que se decataran de que debían votar afirmativamente. E non era a primeira vez, dado que en xuño do 2001 deran a vara ao resto de Europa co seu rexeitamento do xa esquecido Tratado de Niza, para despois aprobalo o 19 de outubro de 2002; por tanto unha de dúas ou estes irlandeses son uns repugnantes ou na Unión Europea o da democracia ten un significado distinto ao que nos ensinaron na escola.

Non vou ser eu quen dea certificados de democracia ao pobo irlandés nin a ningún outro pobo, pero si creo que este fenómeno dos referendos repetidos unha e outra vez até que o resultado sexa o que ten que ser debería levarnos a reflexionar un pouco sobre a tan cacarexada democracia, e a preguntarnos quen manda na Unión Europea si os gobernos dos estados membro sexan máis ou menos democraticamente elixidos ou determinados lobbys de presión con sucursais en Bruxelas pero coa sede central no departamento de Estado de USA ou na sede dalgunhas multinacionais que forman parte do seu entramado de intereses.

No estado español o Tratado de Lisboa non foi levado a consulta popular, supoño que por medo a que a posibilidade nada remota dunha participación semellante ou incluso inferior ao 42% da consulta da Constitución Europea de febreiro de 2005 botara por baixo o mito do "compromiso del pueblo español con Europa", e iso que daquela até os Borbóns sairon da Zarzuela para iren votar. O Tratado de Lisboa foi aprobado polas Cortes, votándose o 18 de xuño de 2008 no Congreso con só seis votos en contra, entre eles os do BNG; tamén neste tema PP e PSOE foron da man ao igual que na reelección de Durão Barroso hai uns días.

Cando o nacionalismo galego houbo de definir postura sobre a fenecida Constitución Europea e o seu fillo o Tratado de Lisboa moitos chamáronnos montunos, trogloditas, anti-europeos, anticuados, etc?, sen poñer argumentos e falando só de que "hai que ser europeos"; cando os Irlandeses rexeitaron Niza e Lisboa a cantinela foi a mesma, desagradecidos, illacionistas, etc?. Eu aínda gardo un titular de El País que decía "O voto de 76.000 cidadáns pon en cuestión un proxecto para 490 millóns de europeos", e hoxe cando veñen de darse a coñecer os resultados provisionais do cuarto referendo europeo irlandés, a emisora de radio referencial dese mesmo grupo mediático acaba de recoñecer que o sí non tería triunfado sen a "presión das multiunacionais" (supoño que se lles escapou).

U-la democracia e a soberanía do pobo irlandés?

 Posted by at 22:45
Out 012009
 

Reavívase a obsesión do PP e tamén de grande parte do PSOE por recuperaren para a oficialidade institucional o acastrapado "La Coruña". A fartura, o cansanzo perante este conflito, que dura xa máis de 25 anos, parece ter asolagado a boa parte da sociedade coruñesa e provocado algunha indiferenza pasotil nalgúns sectores ben intencionados que consideran esta cuestión baladí, sen importancia. Certamente, outros non deixan de preocupárense e irritárense por esta contumacia tan mal intencionada.

O españolismo, na súa actual fase de exasperación axitativa, Pte. da Xunta ao fronte, recupera a aspiración aniquiladora xusto cando o Concello non tivo máis remedio que asumir a legalidade polo pacto que estableceu o goberno bipartito PSOE-BNG. Desde entón, o respeito pola legalidade, pola denominación orixinaria galega, tal e como prescrebe a Lei de Normalización Lingüística, comezou a ser un feito tamén na Coruña. Rompeuse así con anos de chulería, de ilegalidade ostentosa e agresiva, que contou coa conivencia de grande parte do aparato xudicial. Tiña que desautorizar, e así o fixo, como non acorde coa lei a posición do goberno municipal, pero nunca acusou ao alcalde do delito de desacato nen sequera lle indicou a obrigatoriedade, a prescritividade do topónimo A Coruña. Desde o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo até os xuíces ordinarios foron claros nos seus ditames non avalando o uso de "La Coruña" a efectos de oficialidade administrativa, pero tan inoperantes como maioritariamente conchavados para non producírense consecuencias prácticas negativas contra quen, de forma tan repetida e ostentosa, desobedecía unha lei autonómica de 1983 e outra das Cortes Xerais de 1998, esta última para o nome oficial da provincia ser concordante co que xa se tiña restaurado para a capital. Fechábase así o cerco legal, sen posibilidade de burla. Os meios de comunicación de ámbito estatal, tanto de titularidade pública como os privados que respeitan a legalidade democrática, usan desde entón a denominación oficial A Coruña na letra escrita.

Xa sabemos que a arrogancia imperial non resiste estas conquistas democráticas nen a razón fundada na restauración das orixes sen renuncias nen deformacións. 

 Posted by at 23:02