Nov 012009
 

Campamentos en Tinduf

Para moitos dos nosos compatriotas o Sáhara é ese sitio descoñecido do que cada verán veñen uns nenos e nenas morenos que pasean polas nosas vilas e cidades, coñecendo o primeiro mundo e estrañándose de ver tanta auga saír dunha billa ou no mar; nenos e nenas que ao rematar o verán voltan aos campamentos de Alxeria. Incluso moitos dos que os acollen descoñecen que forman parte dun pobo negado, un pobo que hoxe mesmo está a ser masacrado por Marrocos sen que apenas se saiba; e este descoñecemento sobre a realidade dos nenos e nenas aos que acollen a min lévame a reflexionar sobre si é positivo ou negativo ese acollemento; pode soar demasiado forte pero nalgúns casos, e agardo que sexan os menos, non se considera o acollemento como un labor solidario co pobo saharaui senón que se ignora totalmente a sú loita e tómase o acollemento como un elemento máis do verán ao mesmo nivel que as vacacións escolares, as festas patronais ou os días de praia.
Hai uns días lin as declaracións dun dirixente da Fronte Polisaria nas que denunciaba que nas últimas semanas a represión estase intensificando e que o pobo saharaui está valorando seriamente voltar a coller as armas ao considerarse esquecido e traicionado pola comunidade internacional.
Ao ler esas declaracións voltei a vista atrás lembrando que hai tres anos máis ou menos por estas datas tiven a honra de ser un dos catro galegos, os outros eran o compañeiro Permui de Ferrolterra e María e María Xosé da Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que nos colamos nos territorios ocupados por Marrocos; e durante algo menos de dous días poidemos coñecer directamente a actuación do exército ocupante, a realidade dos ocupados e a pasividade da MINURSO (Misión das Nacións Unidas para Referendum do Sahara Occidental).
Naqueles días e despois de múltiples idas de vidas por amplas avenidas e rúas estreitas nun auto conducido por un membro da resistencia saharaui conseguimos chegar ao noso obxectivo, unha vivenda na que mantivemos unha reunión cun grupo de persoas que se nos presentaron como dirixentes e membros da resistencia, algúns deles con máis de 15 anos de prisión sobre as súas costas, e un voltou a ser detido de novo hai poucas semanas segundo se desprende dunha información aparecida en internet.
A maioría dos nosos interlocutores amosaban a súa queixa polo esquecemento ao que estaban sometidos, un esquecemento do que era e é consciente Marrocos que sigue explotando as súas riquezas en fosfatos e caladoiros de pesca fundamentalmente ao tempo que mantén unha brutal represión xenocida sobre a poboación do Sahara ocupado; e falo de xenocidio conscientemente, só por dar un dado no Aaiún, a cidade na que estiven, segundo os saharauis un 20% dos habitantes é de orixe saharaui mentres que hai arredor de quince anos os saharauis supoñían máis do 50% da poboación; a colonización coa instalación nas súas cidades de milleiros de persoas procedentes de Marrocos, a represión ou o claro convite a coller a patera son elementos que van facendo desaparecer a este pobo do seu propio territorio.
Na conversa algún dos meus interlocutores con máis experiencia comentaba que nese momento a desesperanza era tal en moitos mozos que podía levalos a adoptar medidas desesperadas vendo como diante das cargas policiais, arrestos, secuestros e asasinatos as forzas da MINURSO non interviñan e a comunidade internacional non presionaba a Marrocos. E así decíanos que algúns estaban valorando voltar ás armas poñendo como exemplo a realidade Palestina ou do Iraq que recibían mostras de solidariedade porque se enfrontaban coas armas ao invasor, as súas palabras foron "as futuras xeracións serán violentas, a actual xeración moza está disposta a coller as armas e non ten nada que perder. En dez anos aquí vivirase un inferno. Isto ten que solucionarse de presa porque se nos vai das mans".
A conversa era no Aaiún nunha habitación escura e tendo como interlocutores a persoas que sabían que en calquera momento podía entrar o exército marroquí e levalos, nesas circunstancias é fácil pensar que alguén busque a resposta violenta fronte ao agresor; pero as declaracións que lin hai uns días eran as dun ex-ministro saharauí feitas na capital alxeriana, por tanto deberíamos reflexionar todos e todas sobre si as promesas incumpridas da comunidade internacional non poden abocar a moitos saharauis desesperados a atarse un cinto de explosivos na cintura e facelo estoupar en calquera cidade do mundo desenvolvido para que dunha vez por todas se lles faga caso.

 Posted by at 20:04

Sorry, the comment form is closed at this time.