Nov 042009
 

Estes días sentín un forte arroallo, unha disposición anímica a recuperar algo dun pasado tanxíbel. Unha cabaza, modelada en caveira polas miñas torpes mans, asentou no balcón do primeiro andar na miña casa. Nunca desapareceu, ao longo dos sesenta e tres anos da miña vida, a imaxe dos nenos a roubar cabazas e cabaciñas, nunha determinada época do ano, para convertérenas en fantasmas inxenuamente arrepiantes, con candea mortuoria incluída. Corredoiras, fontes, lavadoiros, becos, muros, leiras e mesmo a carón das casas… eran os lugares máis a propósito para ubicármolas. Formabamos, en conxunto, unha atmosfera sensorial, uns retallos de natureza cobrando sentido momentáneo. Auga, noite, lúa, luz, a terra e os seus froitos, intervención humana sobre eles, simulacións intencionadas, mesturábanse para logralo. Nunca souben como se chamaba aquel ritual, nen sequera cal era o seu percorrido, a súa tradición. Simplemente participaba activamente, con tanto devezo que aínda aboiou agora no entusiasmo con que traballei o cabazo e na satisfacción contemplativa de velo, caveira humana, no meu balcón. Nunca relacionei esta tradición coa cristiá católica do Día de Todos os Santos. Nen sequera me ficou conexa coa de facermos colares de castañas para polos colgando do pescozo. Todo está fragmentado e sen voz, sen palabra. Imaxes de xentes e de cousas ao lonxe, no pasado, de lugares con vida, a penas un quilómetro do centro de Ferrol, pero non falan, non nomean. É isto normal? Facer cousas e non ser comunicadas nen transmitidas pola palabra?. Parece como se estivesemos privados do dereito á existencia histórica. Foi como resistir á marxe, nun submundo condenado á desaparición, ao esquecemento. Porén, resulta moi difícil vivir con amnesia colectiva, por moito empeño que se teña posto para logralo?

Nalgúns lugares, por exemplo a vila de Cedeira, estase a recuperar esta tradición, de raíz celta, co nome de Samaín, unha divindade desa mitoloxía. Pero era así como nós a denominabamos? En todo caso, benvida sexa a recuperación dunha festa pagá de nós, viva non hai máis de 50 anos. Enfíanos nunha tradición que se quer borrar precisamente desde o mundo académico. Xa saben que agora o científico consiste en afirmar que Galiza non forma parte dos países celtas. É curiosa a coincidencia da ciencia cos obxectivos da eliminación da personalidade específica de Galiza. Coa españolización. Qué máis ten que tantos feitos e tradicións contundentes indiquen o contrario!!! Por outra banda, provoca unha triste ironía contemplar como moitos galegos e galegas se apuntan ao Halloween, unha festa popularizada en moitas partes de USA por influencia irlandesa, agora exportada, pola forza impositiva do seu cinema, da súa cultura, a outros países occidentais, algúns tan miméticos dos poderosos como desprezativos co diferente. Pero si nós temos o orixinal!! Eis todo un exemplo de como funcionan os mecanismos de dominación cultural. A amnesia, a ignorancia, e o autodesprezo son a chave para un mimetismo ridículo?

Por certo, parece que a Igrexa Católica non gosta deste rexurdir dunha tradición pagá, á que acusa, ademais, de non ser española?Permítaseme a brincadeira: unha razón máis para o meu entusiasmo infantil perante a cabaza humanizada do meu balcón, obra mellorábel, pero xenuinamente asentada na miña condición de galego?

 Posted by at 20:31

Sorry, the comment form is closed at this time.