Nov 122009
 

Din que a liberdade. Resulta revelador que, após 20 anos, festexen pomposamente o que chaman a caída do muro. Por unha parte, unha hipérbole material para se referiren á fronteira entre as dúas Alemañas, consecuencia da guerra fría e da inimiga entre a OTAN e o Pacto de Varsovia. Pola outra, unha metáfora para aporlle falta de liberdade e represión política aos sistemas de socialismo "real", felizmente desaparecidos. Non deixa de sorprender tanta desenvoltura invocando a liberdade sen acompañala endexamais do principio de igualdade ou de xustiza. Un contrasentido. Moito máis, estando como estamos inmersos nunha crise económica, política, moral e filosófica do sistema capitalista que non anima a un triunfalismo racional. Precisamente, desde a desaparición da URSS e dos seus satélites, o mundo non foi a mellor, en termos relativos, nen no reparto da riqueza nen na convivencia pacífica e o respeito mutuo entre os pobos. O conceito de liberdade sufriu desde entón a mistificación máis grave desde que existe democracia. E non será que converten en efeméride aquela data para ostentosamente lembrarnos, por se non o sabemos ou non o aceitamos, que o único viábel é o capitalismo realmente existente? Será que necesitan contrarrestar con fastos ilusorios tanto escepticismo, insatisfacción e confusión como se ten apoderado do mundo "libre", e en particular dos países "ex-comunistas" do leste de Europa, reforzando ideoloxicamente unha memoria falsificada?
Porén, as fachendosas poses, as declaracións desbocadas e, ás veces, groseiramente propagandísticas ou haxiográficas, de actores relevantes daquela historia, reunidos para o astracán "democrático" berlinés o día 9 deste mes, serven para desvelar e desmitificar a historia real. Helmut Kohl sitúa como decisión de todas as decisións para lograr a caída do muro e a unidade alemana a ameaza contra os países do Pacto de Varsovia, cumprida pola OTAN, de despegar novos mísiles nucleares de alcance medio no territorio da RAF. Nunha palabra, a importante dirección, intimidación militar e colaboración politicamente interesada dos Estados Unidos, George Bush pai á cabeza. Paradoxalmente non era menor a intimidade e confianza persoal do chanceler alemán con Mijail Gorbachov, segundo as súas confesións. O xefe de Estado da URSS "quería a apertura do bloque do leste" e "durante todo o proceso de unificación (caída do muro incluída) mantivo unha liña pacífica". Confesa que nunca lle estarán os alemáns agradecidos dabondo. Naturalmente, recibido no mesmo 1989 en Bonn, ficou impresionado pola "gorbimanía" reinante. Anos máis tarde, a fins dos 90, desaparecida a URSS, Kohl recoñece que "crucei con Mijaíl Gorbachov a praza Vermella de Moscú e a xente afastábase del?"

Gorbi dedicouse desde a desmembración da URSS a dar conferencias de pago, así as cualifica ele mesmo (debemos aclarar nós que multimillonarias), ás veces perante miles de persoas. Como analiza a posteriori o acontecido? Asume que, desde 1985, os países do Pacto de Varsovia podían practicar a política que desexaren, que a teoría da soberanía limitada de Bréznev acabara. A URSS non impediría pola forza nen a caída do muro, nen a unificación de Alemaña nen cambios de réxime ou sistema nos Países do Pacto de Varsovia. Considérase un home de convicións democráticas. Agora denuncia que, acabada a guerra fría, apareceu de novo outra liña divisoria porque "se tiraron moitas consecuencias equivocadas tras a desintegración da URSS". Prometéranlle que a OTAN non avanzaría cara o leste e que non habería perigo para ninguén. Expresou, e considerou que se aceitaba, que o continente europeo debía ser a casa común e non un teatro de accións bélicas. Mais axiña entraron outros países do leste na OTAN, chegando a xustificalo co descaro de que o Estado ao que lle fixeran esa promesa de non ampliación desaparecera. "Un truco barato", segundo Mijaíl. E conclúe: "A esperanza de novas relacións con EEUU, con Occidente, aquela euforia non deu nada. Todos desexaban que Rusia fose feble para poderen facer o que querían. Isto ficou na memoria da xente, por iso apoian a Putin mesmo cando se lle vai a man?"?Iso si, Gorbachov , malia todos os pesares, non deixou de acudir á celebración berlinesa, como convidado de honor, partillando foto simbólica con Angela e o inefábel Lech Walesa?O ex-lider sindical polaco deixou ben sentado que "Polonia derrotou o comunismo". Convicto e agradecido católico, afirma, e seguramente non sen razón, que "o Papa Xoán Paulo II desempeñou o papel máis importante". A súa locuacidade, reberetada de populismo, acada o cumio da sinceridade temperamental: "?cando miro atrás e vexo todas as oportunidades perdidas, non me sinto satisfeito". Por que será? Segundo o "grande Walesa", en Polonia hai os fundamentos legais da democracia. Nembargantes non foron expertos en tirar proveito: "A situación das nosas carteiras é cada vez peor"?

Abafados polo ditirambo e polo un afán panexirista absorbente resulta difícil achar nos meios de comunicación, mesmo na prensa escrita, ocos para a discrepancia ou para expresión real da valoración social dos cambios acontecidos após a caída do muro nas sociedades pretensamente liberadas. Aliás, de forma marxinal, algún, como El País, procurou a opinión do derradeiro presidente da República Democrática de Alemaña, Egon Krenz, quen a expresou por escrito. Coincide con Gorbachov en que nen o día 8 nen o 9 había tanques nen houbo intencións de empregar a violencia, fronte as manipulacións oficiais da historia asumidas de forma mal intencionada mesmo polo Xefe do Estado actual, lonxe dunha interpretación obxectiva. Confiara en Gorbachov e vira nel "a esperanza dun socialismo renovado". Retirado en Dierhagen, a orelas do Báltico, nunha pequena e ascética casa, pasa desapercibido, após cumprir catro anos dos seus 72 en prisión, condenado polas autoridades da RAF, contra a legalidade da RAD, "pola súa responsabilidade nas mortes do muro de Berlín". Lamenta profundamente os mortos e os feridos na fronteira, pero con contundencia asevera que, durante a confrontación entre os dous blocos, " a RDA non tería podido mudar esa fronteira unilateralmente". Como lamenta, que os líderes de opinión reduzan a RDA aos arames de espiño, o muro e a falta de liberdade, o correspondente "inferno" do "paraíso" que sería a RAF. Revela que falou por telefone con Kohl o 11 de novembro, quen lle agradeceu a apertura da fronteira, non a caída do muro?Non houbo guerra intestina. E tres contundentes sentencias ao cabo de tres perguntas. A primeira: "Putin describiu a fundición da URSS como unha catástrofe xeopolítica do século XX. Gorbachov non é inocente desa catástrofe". A segunda: "O mundo non é nen máis xusto nen máis seguro desde 1990". A terceira: "Non critico a unidade alemana, senón a maneira na que se fixo. Que non fose de igual a igual. Moitos alemáns do Leste séntense cidadáns de segunda ou de terceira"?Condenado oficialmente ao ostracismo, recebe algúns homenaxes populares.

No mesmo xornal, como anécdotas, sob o sintomático titular "Unha oportunidade perdida", opinan catro alemáns da RDA, mozos e mozas á altura de 1989, todos eles de forma ambivalente. Cabe subliñar algúns dos seus indicios reveladores: para moitas persoas que construíron a RAD fronte ao pasado nazi de Alemaña, a súa desaparición foi un duro golpe; en 1995 a sensación era de oportunidade, que agora parece perdida; pagaba a pena ter conservado aspectos que foron liquidados sen miramentos, o sistema educativo, por exemplo; impúxose en todo o país a Constitución da RAF sen unha consulta democrática; foi unha especie de colonización dun territorio enteiro?

Todo indica que os que estaban no allo e compartían total ou parci
almente obxectivos, tiñan todo atado e ben atado, un guión escrito, ás costas mesmo de inxenuos aliados, a comezar polos dirixentes da RAD. Na esperanza da posibilidade dun socialismo renovado, moitos acreditaron na bondade dun proceso aberto desde arriba, no mesmo seo do Pacto de Varsovia, a prol da casa común e do pacifismo no continente, da desaparición dos blocos, da non limitación ou inxerencia na soberanía de ningún Estado e mesmo, no caso das dúas Alemañas, da posibilidade de articular unha confederación?Pero o proceso estaba predeterminado para inserirse obxectivamente no mercado único europeo, na introdución dunha moeda común, na unificación europea sob a éxida dunha Alemaña unida, na expansión da OTAN e a subordinación aos EEUU?Así o entendía Helmut Kohl, con todos os dados na man e con todas as colaboracións necesarias?

Que celebran? Sen dúbida a liberdade?de mercado, o capitalismo sen fronteiras, a globalización. A súa euforia aparente, os seus fogos artificiais, intentan agachar que non trouxeron nen a paz, nen a liberdade na súa acepción inseparábel da igualdade, nen moito menos, contra o que puidese parecer, o entusiasmo por termos unha vida digna para todos?

 Posted by at 23:27

Sorry, the comment form is closed at this time.