Nov 172009
 

Miles de inquéritos chegaron aos centros de ensino no mes de xuño. Miles de folios cubertos de tinta tóxica repartíronse entre o alumnado. Algúns menos chegaron aos fogares galegos. Anuncios nos xornais, cuñas na radio, propaganda por xalundes. Un conselleiro buscando o seu triunfo mediático a través da súa conversión a sociolingüista, un sociolingüísta convertido en político e a comunidade educativa sumida no total asombro. Sen rigorosidade, sen metodoloxía, coa soa finalidade de seguir a afondar na mentira da imposición, miles de inquéritos contribuíron a poñer en dúbida a capacidade das autoridades educativas para poñer na práctica os acordos do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Talvez estas autoridades educativas non desexan gobernar para promover o galego como é a súa obriga? Talvez non sexan quen de superar a contradición na que eles mesmos se enredaron? As palabras igual que os pequenos pinchos das silveiras teñen conta de nós e non nos deixan escapar facilmente. Dicir que a lingua galega é un “filete duro que tes que comer aínda que non queiras”, como afirmou o responsábel de Educación no verán, ao igual que as silveiras vai desfacendo pouco e pouco as sofisticadas roupaxes da mentira até rematar con elas. O goberno de Feijoo está espido. Deixou nestes meses todos as ropaxes de austeridade e liberdade nas beiras dos camiños da destrución as políticas galegas do bipartito.
Agora perde unha das pequenas pezas de roupa que en política lingüística se tentaba, a modo de espellismo, manter, isto é, a da sensación de imposición. Hoxe poidemos almorzar coa noticia do fallo do Supremo a respecto da posibilidade de que os pais e nais poidan escoller o idioma no que estudan os seus fillos e fillas. Recoñécese que no sistema educativo galego non se discrimina o castelán e que o que pide o demandante é unha clara discriminación para o galego.

Supoño que a Consellaría de Educación estará arestora preparando como desculparse diante de toda a comunidade educativa e de toda Galiza polo espectáculo dado durante os últimos meses, estará xa preparando os anuncios e cuñas publicitarias para mostrar o seu sin igual arrepentimento –na clave relixiosa que tanto profesa últimamente este goberno– e sen pensalo autoemendará os orzamentos para no 2010. Deste xeito, cando menos lle devolverá a dignidade orzamentaria ao departamento de política lingúistica deixando a súa redución na media do resto dos departamentos.

Tamén supoño que todo isto o estará revisando persoalmente Alberte Núñez Feixóo.

 

Este artigo tamén foi publicado no xornal A Nosa Terra

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.