Nov 232009
 

Cada ano hai unha doenza que nos afecta a case todos, cunha sintomatoloxía que foi descrita por Hipócrates hai uns 2400 anos; por tanto forma parte da nosa cultura clásica desde sempre, é a gripe; uns anos aparece máis forte outros menos, ás veces chega xa cos primeiros fríos de novembro e outros anos agárdanos cando estamos pasando a costa de xaneiro.

Chegue cando chegue o certo é que nunca falla á súa cita dado que forma parte do noso calendario de acontecementos anuais xunto coas festas patronais, o día da Patria, o Día das Letras ou o famoso cocido anual que lles ofreces aos amigos na túa casa. Pero aínda sabedores de que cada ano cumpre coa súa cita desta vez andabamos un pouco coa mosca detrás da orella por se ía haber cambios; alá polos primeiros días de marzo algúns anunciaban que desta vez se adiantaría e teriámola aquí a mediados da pasada primavera sendo moito máis perigosa que nunca, incluso falaban de que ía ser moito máis daniña que as famosas pandemias de principios do século pasado que tantos mortos provocaron, e outros incluso falaban de que desta vez levaría un apelido que sería "gripe porcina" ou "gripe A".

Ao final a gripe chegou e, toco madeira non vaia ser, afortunadamente tampouco semella ser tan distinta que a doutros anos; e para pasala non hai mellor tratamento que o tradicional, repouso, tranquilidade, cabeciña, firmeza, lealdade  e traballo.O nacionalismo galego como todo ser vivo tamén ten as súas doenzas periódicas e unha delas semella que entrou nas últimas semanas; peticións de "democracia", críticas a un suposto "hexemonismo", golpes de peito reivindicando unha "igualdade de todos os militantes" que algúns poñen en dúbida; até aquí non hai novidade pero resulta que a mutación da gripe deste ano trae un concepto novo que para min era descoñecido, refírome ao que os analistas de pandemias cualifican como "a interinidade do nacionalismo".

Todas as cousas da vida teñen unha orde lóxica estabelecida unhas veces por costume, outras por necesidade e outras por consenso; así un cando á noite se deita quita os zapatos e volta poñelos ao erguerse e non fai ao revés, despois de ducharse un vístese e non fai ao revés, cando queremos entrar nun local primeiro abrimos a porta e non se nos ocorre entrar pola fiestra; e do mesmo xeito cando queremos actuar en política primeiro analisamos, reflexionamos, acordamos e despois actuamos en base a todo o anterior. Todo isto vén a conto porque desde hai unhas semanas ao escoitarmos determinadas declaracións públicas teño a desagradábel sensación de que algúns compañeiros e compañeiras estiveron de vacacións estes últimos oito meses e non se enteiraron de todo o que estivemos facendo, ademais de que confunden as normas das que nos dotamos todos e todas cun trofeo futbolístico dos que se xogan en partidos de ida e volta.

O nacionalismo galego perdeu as eleccións do 1 de marzo e acto seguido iniciou un proceso de reflexión interna, cun pequeno período de inestabilidade debido a unha dimisión aínda non moi ben explicada, proceso que rematou nunha Asemblea Nacional Extraordinaria que foi a de maior debate e participación na nosa historia e na que aprobamos un documento político co 78,85% dos votos a favor e eliximos unha nova dirección. Aínda onte estiven relendo ese documento que debe guiar o noso traballo político e no atopei por ningures esa "situación de interinidade" que polo visto preocupa a algúns compañeiros e compañeiras, cousa que lle gostaría moito ao PP e ao PSOE. Aos duros de ouvido e aos despistados atrévome hoxe a lembrarlles que todos e todas tivemos oportunidade de facer as nosas aportacións e puidemos presentarnos para as responsabilidades que se elixiron, por tanto non vale de nada agora dicir "eu estou disposto ou disposta a liderar" e non ter presentado candidatura no seu momento ou virnos co de que "existe certa sensación de provisionalidade" porque a militancia non o elixiu a un.

Cos deberes feitos o nacionalismo galego afrontou desde o primeiro día as súas responsabilidades propondo alternativas para os problemas existentes en Galiza, centrándose na crise económica e nos ataques do PP ao noso labor de goberno e aos nosos sinais de identidade, e todo isto estamos facéndoo coma sempre combinando a mobilización social co labor institucional. Na rúa amosamos xa varias veces que non estamos en situación de interinidade e nas institucións tamén, ou é que nalgunha institución hai alguén que está de paso agardando outro destino?.

O nacionalismo non é propiedade exclusiva de ninguén, é un movemento construído con múltiples aportacións e no que somos necesarios todos e todas, por iso cando alguén acusa de supostos "hexemonismos" primeiro debería predicar co exemplo asumindo que unha parte non pode apoderarse do que é de todos e todas, xa sexan símbolos ou nomes.

Hai momentos para o debate e momentos para actuar, só aqueles que non asumen a realidade perden o tempo reabrindo debates que a militancia deu  democraticamente no seu momento e adícanse a enviar continuamente vía medios de comunicación mensaxes confusas como esa novidade da "sensación de interinidade"; son como nenos pequenos enfurruñados agardando que a realidade se adapte aos seus desexos sen actuar na sociedade e adicándose a intrigar; visto desde fora alguén podería interpretar que se ten moita presa porque hai medo a que se descubra que ao mellor alguén si que se atopa nunha complexa situación de interinaxe no seu grupo.

Se agora despois de termos decidido a liña de actuación seguimos con este debate estéril e a destempo estarémoslle dando unha munición preciosa ao inimigo e dicíndolle ao pobo galego que non somos merecedores da súa confianza.

Reflexionemos e fagamos realidade o que predicamos, asumamos as decisións soberanas da militancia e todas esas enerxías que desperdiciamos no confronto interno empreguémolas no combate social contra o españolismo. Sei por experiencia que a algúns todo isto non lles fará reflexionar dado que o que lles vai é dar leccións e ou gañan todo ou non xogan porque non entenden o traballo en equipo, pero que non se preocupen xa tivemos outras moitas gripes e esta como as anteriores  tamén acabará pasando.

E para rematar non podo deixar de referirme a unha sorpresa que tiven este domingo, por primeira vez puiden ler que un medio de comunicación cando informaba dun acto daba unha cifra de asistentes superior á que daban os organizadores, será que ese medio ten algún interese particular na cuestión ou tratarase dunha simple casualidade?

 Posted by at 19:57

Sorry, the comment form is closed at this time.