Nov 252009
 

Malia estar pre-xubilado como profesor, sigo a ter a sorte de manter contacto co alunado de ensino secundario. Grazas á petición dalgúns profesores, nomeadamente de Lingua e Literatura Galegas, doulle conferencias sobre temas relacionados coa materia de cando en vez. Nos últimos tempos, a política lingüística acapara a preocupación e o interese de profesores e alunos. Gostaría de compartir algunhas experiencias e algunhas conclusión que delas teño tiradas. Sen teren un valor paradigmático global e menos abrangueren a realidade na súa complexidade, considero que son valiosas como indicios ou síntomas da dialéctica conflitiva que estamos a vivir e da súa incidencia na consciencia colectiva e individual. Para ben e para mal, algo se moveu nos dous últimos anos, como consecuencia da abafante campaña mediática, política, de ataques contra os procesos reais ou ilusorios de normalización das linguas cooficiais que non son o castelán. Na Galiza, após grave confusión na sociedade e intimidación dos sectores favorábeis ao proceso normalizador, acabou por se producir unha reacción popular significativa, co PP xa na Xunta, contra a súa política hostil coa lingua do país, e as medidas práticas de involución legal, até violación explícita da Lei de Normalización Lingüística de 1983. As experiencias ás que me vou referir, abranguen momentos diferentes deste período e diversos espazos do país.

Na primavera de 2009, en pleno activismo de Galicia bilingüe, amplificado polo amparo do españolismo mediático e político, impartín unha conferencia no Instituto de Nigrán para máis de 100 mozos e mozas de BAC. Atención durante a exposición, explosión de intervencións no coloquio, moi ben organizado e impulsado polo experimentado profesor que me convidara: queixas e discrepancias contra unha abafante imposición do galego. A liña argumental enfiábase a través dos estereotipos, falsidades, medias verdades e prexuízos espallados a eito desde radios e televisións españolas, especialmente privadas. Un mundo imaxinario interiorizado como real pola reiteración da ideoloxía dominante. A única xustificación empírica estaba en que, no seu Instituto, a maioría das materias, segundo a súa versión, se impartían en galego. A negatividade contra o galego como lingua veicular do ensino mudábase en comprensión para o inglés, lingua na que se impartían algunhas, con efectos de selección clasista e "intelectual" que non se discutían. O castelán, que falaban ostentosamente e sen cancelas , debía hexemonizar o ensino a costa do galego A réplica que máis incidiu no pudor daquel coro contestatario foi o convite a cavilaren sobre canto galego tiñan que aturar nas súas diversións da fin de semana, nos lugares de ocio. No seu rosto apareceu unha luz de recoñecemento da marxinalidade e ocultación do noso idioma. Tiven a impresión de que aqueles mozos e mozas tan espelidas expresaban tamén unha atmosfera familiar, produto do adoutrinamento imperante, na que a bo seguro aínda ficaría paradoxalmente algún falante do noso idioma. Os que non compartían o discurso hostil, calaban intimidados ou ancorados en pretextos xustificativos ( a liorta normativa)?Foi proba de canta incidencia tiñan os ataques imperantes nunha sociedade indefensa, fráxil e pouco blindada pola autoestima. Xa non había indiferenza ou aparente neutralidade respeito do noso idioma. Porén, ao rematar, achegouse a min un grupiño, a maioría mociñas, para me comunicar que me agradecían moito que viñese alí, que comprenderan moitas cousas e que non fora en balde. Non había que consideralo unha derrota?

Pouco antes da grande mobilización de Queremos galego, no mes de outubro, falei para rapaces e rapazas, tamén de BAC, no Instituto de Forcarei. Segundo a entusiasta e comprometida profesora de galego, que fora miña aluna na Estrada, todos galegofalantes no centro e no ambiente familiar. Sobre uns corenta, atención e afectación emocional nos seus rostos, anuencia implícita ás conclusións derivadas de exemplos sobre a función subordinada do galego. Malia tanto galego ambiental e familiar, nas súas vidas cotiás, recoñecían a discriminación e a marxinación, a dificultade, para levaren o seu, noso, idioma, á totalidade da existencia. Daba a impresión de que alí o efecto mediático era máis fácil de contrarrestar con argumentos, razóns, análises e evidencias. A penas tempo para o coloquio. Ao día seguinte a profesora preguntoulles por que ficaran tan calados. Concordaban en que era difícil replicar que o dominio, a forza e a imposición estaban co castelán. Funme coa impresión de que o seu ser galego ?no que dependía da lingua- estaba ferido, sinalado ou controlado- pero non negado ou aniquilado. Cavilei sobre o seu futuro económico, profesional, económico, persoal, lingüístico. De ser a nosa sociedade normal, deberían poder manterse no seu, noso, idioma, aperfeizoalo, gozalo e desenvolvelo con naturalidade plena?

Finalmente, este mes, aterrei no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, centro no que estudei o bacharelato. Convidado pola Equipa de Normalización Lingüística, fun apresentado tamén por un ex-aluno, hoxe profesor e amigo, paciente pedagogo e entusiasta da causa. Amplo salón de actos, repleto de mozos e mozas de segundo de BAC ( máis de 150). Escenario de cinema e teatro, micrófono e equipa de megafonía. Alí subidos, contemplamos como unha grande bandeira española, "roja y gualda", era axitada ao fondo con balbordo por un grupiño organizado. Progresiva e sorprendida atención pola consciencia de seren aludidos nas clasificacións atitudinais que fun debullando?Nen recato nen cautela no coloquio. Asunción plena pola vangarda española de que o da lingua era un debate ideolóxico e político. Como tal, había que asumilo sen complexos. Unha foi a idea central: "Galicia no es un país; España, si?Todos somos españoles". Así pois, non hai lugar para o galego e os seus dereitos, porque non hai pobo nen nación galega. Algo de histeria perante as miñas respostas, manifestacións de autoodio agachadas en cosmopolitismo e universalismo, afán de triunfo, equivalente a promoción fóra, lonxe deste curral de limitacións. O mundo é dos ambiciosos. Ser ambicioso é renunciar ao idioma orixinal, que non se recoñece como tal. No eido cultural, Torrente Ballester e Valle Inclán como modelos?Unha contradición paradoxal: este curral de vacas que é Galiza debería preocuparse de promover e gabar as súas auténticas glorias, os que contribuíron ao engrandecemento da cultura española renunciando conscientemente ao emprego do idioma de nós. Nós, os que acreditamos na cultura galega en lingua galega, somos os responsábeis da súa preterición. Resposta expeditiva do meu cerebro pasmado: protestade perante o Ministerio de Cultura de España para estas glorias seren debidamente promovidas?Resulta chocante e sádico que nos apuñades tais responsabilidades a indíxenas que non renunciamos a selo?Nunca vin tanta fe en cifrar as perspectivas de éxito nun mundo globalizado enarborando a negación da Galiza e a afirmación infantil de España ( il será que algunhas clases de literatura española serven para afondar nesta ambición suicida?). A información localista de matriz colonial era tan xenuína nalgún daqueles cachorros que chegaba até á xustificación da ridícula e non orixinaria denominación "Prioriño chico", agora en curso polos que teñen mando oficial en praza, porque "hubo allí un llamado puerto chico hoy desaparecido". O colonizador ten dereito a designar os lugares como lle veña en gaña, sexan híbridos, deformacións esperpénticas ou traducións grotescas?

Os sectores favorábeis, moitos españolfalantes, acabaron por reaxir. De entre os rostos asombrados polo descaro ideolóxico e tan aberta negación de sermos galegos, foron saíndo progresivamente discursos de identificación coa nosa lingua, afirmacións da nosa identidade e reivindicación de dereitos co ponto culminante a
cargo dunha moza resolutiva, unha miga cabreada, que espetou algo así como: Dicionario da RAE, gallego=tonto; xa está ben, son galega e falo galego?

Dúas horas de participación, nada aborrecidos, ríos de comentarios a posteriori?A maioría tirou a conclusión, após o debate, de que a opción estaba entre ser galegos ou españois ou todo o menos entre ser primeiro galegos e despois españois ou ao revés. Entre as confesións finais, destaco dúas: unha rapaciña, militante dunha organización xuvenil española, após rexeitar o que consideraba mala educación dalgúns intervintes, comentoume que tiña problemas semellantes ao que acababamos de vivir na executiva do seu grupo. Ela dicíalles aos compañeiros que era primeiro galega e despois española?Outra, que estivera en silencio e arrepiada, de estética algo gótica, mirándome piadosamente, mostroume a súa solidariedade e identificación con palabras que eran case borboriños?

Non foi para tanto. Apareceu o que hai. Non foi desprezábel a corrente a favor habendo tantos poderes en contra. Iso que os favorábeis non estaban organizados nen baixo amparo de ningunha bandeira ameazante (por que será que a española sempre me produce esta sensación?) e mesmo permaneceron algo intimidados ao comezo. En todo caso, fagamos todos os matices que queiramos. Non se pode reducir o problema da lingua a un problema político. Alias, non permanezamos cegos perante a evidencia de que, de forma non mecánica, as atitudes lingüísticas estiveron sempre e estano máis aínda hoxe condicionadas pola ideoloxía e as perspectivas de futuro que a sociedade galega asuma sobre si mesma. Os inimigos, organizados, do galego parecen telo clarísimo?

 Posted by at 18:10

Sorry, the comment form is closed at this time.