Axilidade e visión de país

Nos primeiros días do mes de agosto, con toda Galiza de ferias, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados Francisco Jorquera comparecía diante dos medios de comunicación e publicaba un artigo baixo o título "Galiza, perante o proceso de concentración das caixas", sendo sinceiro debo dicir que naqueles días non lle prestei moita atención; sabíamos que PP e PSOE pactaran un mes antes unha norma para reestruturar o sistema bancario do estado español pero non tiñamos moi claro de que ía o tema, pois segue a ser unha realidade que as altas finanzas e as súas decisións están moi lonxe das preocupacións diarias da maioría de nós.
Naquelas datas a dirección do BNG xa tiña feito unha análise da situación e das perspectivas de futuro; ía haber fusións quixeramos ou non porque a nivel estatal estaba xa decidido e por tanto debíamos actuar sobre a realidade que tiñamos diante, e ademais os partidos estatais tiñan moi claro que esas fusións debían executarse sen balbordo mediático nin información, por iso facían fincapé uns e outros en que a política debía quedar á marxe ao tratarse de cuestións que só interesaban ás caixas e en que non se debía caer en localismos. Por experiencia sabemos que cando uns e outros falan de deixar a política á marxe queren dicir "deixádenos facer a nós que somos quen entendemos" e cando se refiren a fuxir de localismos queren decir que "España é o único importante".

Tres meses despois o panorama non é o mesmo, o futuro das caixas de aforros galegas está de plena actualidade e quenes falaban de deixar facer aos seus directivos tiveron que mollarse; sen caer en falsa modestia debemos estar orgullosos e orgullosas porque foi o nacionalismo quen os obrigou a mover ficha; de non ser polos encontros do portavoz nacional do BNG con diversos colectivos, pola presenza mediática, polas iniciativas apresentadas no parlamento galego e polo traballo feito por debaixo creando debate, o presidente da Xunta non tería convocado ás dúas caixas, ás organizacións políticas, sindicais e empresariais; só temos que recuperar as declaracións de todos eles nos últimos meses sobre este tema para ver que non se asemellan en nada a esa reivindicación da "necesaria galeguidade das caixas" na que agora todos aparentan coincidir co BNG e coa CIG.

Isto non quere dicir que acadáramos o noso obxectivo, os outros tamén xogan e Núñez Feijó actuou intelixentemente querendo transmitir a imaxe dun presidente de Galiza que lidera á sociedade en defensa dos intereses nacionais, e isto non o fai por un repentino compromiso co país senón para gardarse as costas e poder dicir que fixo todo o posíbel no caso moi probábel de que os seus xefes de Madrid decidan outra cousa. Unha escenificación diso deuse onte sábado no congreso do PP de Pontevedra cando no seu discurso baixou bastante a elocuencia de toda a semana sobre este tema dado que actuaba como simple teloneiro da estrela que era un Mariano Rajoy que non se referiu en ningún momento a este ou a outros problemas de Galiza non fora ser que lle apareceran ronchas.

O nacionalismo ten que seguir defendendo con axilidade e intelixencia os intereses de Galiza aínda que as veces no inmediato moitos dos beneficiados polas nosas actuacións non o entendan e algúns sigan agardando que mellore o marco no que nos movemos. É a función dunha forza transformadora que ten que facer política con visión de futuro, por tanto compre dar uns parabéns aos compañeiros e compañeiras da dirección do BNG.

Comments are closed.