Dec 032009
 

Sabemos da facilidade, ás veces mesmo necesidade, de os seres humanos nos aproximarmos á frivolidade e ao sensacionalismo. Coñecemos o gusto polo macabro e mesmo poderíamos comprender a sensación íntima de poder que dá a violencia e o sufrimento alleos. Quen sabe se, no máis profundo, non estaremos convencidos de que se lemos ou contemplamos as desgrazas alleas non nos estamos, en certa maneira, como se dun ritual se tratar, protexendo contra as que a nós nos poidan avir. Posuímos o gusto por estas cousas xa desde antigo. Algúns aínda lembramos o tempo en que, nas feiras, se vendían follas de cores que en forma de romance referían truculentas historias de mortes, de traizóns, de vinganzas, de amores e de desamores; e o referido naquelas follas adquiría no imaxinario colectivo carta de veracidade, tal é o poder da letra impresa nunha sociedade iletrada.

Hoxe xa non existen esas follas de cores, mais o seu espazo non ficou baleiro. Son outros os formatos e tamén as intencións duns xornais que tanto informan dun crime como che venden, co correspondente cupón, un coitelo ou un libro, un xamón ou unha colección de discos.

E mudou algo? Mudou. Certos medios pasaron o limiar do eticamente permisíbel para caer na información sensacionalista, morbosa, macabra mesmo, sendo neste caso algúns medios televisivos os pioneiros na arte de lanzar información sen contrastar, en converter a realidade nunha grande serie de ficción onde o argumento se vai construíndo en directo.

As novas follas de cores en formato dixital.

Neste contexto, a recente morte accidental dunha nena en Tenerife, e a culpabilización mediática inmediata dun mozo, é unha boa proba dun novo papel adoptado por unha parte da industria mediática: inventar a realidade ou desvirtuala de tal maneira que acabe por parecer a verdade absoluta aínda que sexa a falsidade máis aberrante.

Que un periódico considerado serio titule “Novio, canguro y asesino” para “informar” da morte dunha cativa de 3 anos e logo intente disimular a súa enorme falta de compromiso coa ética xornalística acudindo a un articulista para nos convencer de que é a sociedade, corrupta de tanta propaganda oficial e de histeria mediática a verdadeira culpábel, debería levarnos a meditar, ou a fuxir correndo para nos baixar deste mundo cada vez máis triste.

Que o director dun periódico manifeste: “Porque fuimos nosotros, los medios de comunicación y no los enfermeros, ni los fiscales, ni los guardias civiles, ni nadie más, quienes fotografiamos, titulamos y dimos la portada a Diego como el culpable…” podería parecer unha desculpa sincera se unhas liñas antes non afirmase: “No tengo el gusto de conocer a Diego y sinceramente me gustaría poder mirarlo cara a cara. También me gustaría escuchar su valoración de lo ocurrido, de las líneas y líneas que dedicamos en 48 horas a presentar la muerte de Aitana como un martirio del que él era el único responsable” Bágoas de crocodilo á espreita da próxima presa que confirman o desexo de seguir convertendo en portada mediática este caso e de continuar alimentando esa voracidade colectiva polo sensacionalismo e pola desinformación.

No meu labor docente utilizo semanalmente a prensa na aula e sei que os meus alumnos e alumnas acreditan na veracidade do que aparece escrito, perciben os diferentes enfoques ideolóxicos que podemos dar a unha noticia e comprenden que non existe o punto de vista único e que a realidade pode ser observada desde máis dunha perspectiva. Sei que, no fundamental, achan veraz a información e comprenden a pluralidade ideolóxica da sociedade. Mais non entenden que, igual que Marat poñía no seu “L’Ami du peuple” o nome de quen ía ser guillotinado no día seguinte por traidor á Revolución sen ter nunca a posibilidade de demostrar a súa inocencia, tamén agora unha persoa, un grupo, unha ideoloxía pode ser posta no albo da diana e recibir as frechas sen oportunidade de saír da encirrada. Nin sequera os medios públicos escapan a esta tendencia. Non foi así a entrevista que Carlos Luís Rodríguez fixo a Carlos Callón? Xornalismo agresivo, parece que chaman.

Só é lanzar a idea, que o resto chega só. Que outra cousa, senón, fixo a prensa máis contraria ao proceso de restauración lingüística, e a todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade, e con ela as forzas políticas que a serven e da que dependen?

Só é cuestión de achar os titulares adecuados, aqueles que venden: imposición e liberdade. Pouco importa que os informes todos digan o contrario pois a sentenza xa está ditada.

Que pensar desta prensa que opta por vender antes que por formar, por informar?

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.