Dec 112009
 

Até hai pouco vivimos, no tocante ao futuro das nosas Caixas de Aforros, unha auténtica comedia de enredo. Agás o BNG, cunha opción clara desde o inicio do actual proceso, os demais permanecían nunha indefinición calculada. Parecían contentarse con que o paso do tempo fixese irreversíbel unha opción deseñada fóra, en Madrid, ao gosto do Banco de España, do bipartidismo español, dos directivos de FUNCAS, entre outros. Era un secreto a voces que o futuro de Caixa Galicia se vinculaba a Caixa Madrid e o de Caixa Nova a Caixa Astur e Caixa Murcia. Porén, o presidente da Xunta mantíñase no mutismo, na pasividade, á marxe, pretextando que unicamente o criterio de solvencia e a despolitización debían fundamentar o resultado. O PSOE disimulou mal as súas contradicións. Axiña, por boca de José Blanco, nunha desas visitas de ministro da Corte, sentenciou que a mellor galeguidade se expresa cando saímos fóra. Falando con realismo, cando nos pomos ao servizo de outros.

 No plano político, as iniciativas do BNG, nomeadamente a súa proposta de Lei de Caixas no Parlamento Galego, tornaron difícil a indefinición de Feijóo e disparatou aínda máis a incongruencia de Patxi Vázquez. De forma inesperada, o PP, após considerala primeiro improcedente, acabou aceitando a toma en consideración da iniciativa lexislativa do nacionalismo, para o seu debate urxente. A seguir, de forma protocolaria e intencionada, o Presidente da Xunta decidiu encabezar, aparentemente, a opción a prol dunha fusión de Caixa Galicia con Caixa Nova, como preferíbel á fusión con Caixas alleas, en nome precisamente de manter a sede aquí e de contar con poder financeiro galego. Intelixentemente comprendeu que, coa dialéctica política que se estaba a crear, unha posición de clara submisión ás fusións externas evidenciaría, de maneira grave por intelixíbel para un amplo sector social, as súas dependencias de deseños madrileños nocivos para Galiza. Esta traizón teríalle custos eleitorais, afondando xustamente na tese, consoante coa súa política lingüística, de que o PP é un partido anti-galego. Unha certa clarificación tardía e á forza ten chegado. Afortunadamente os sindicatos, coa súa clara opción a prol da fusión interna, coas lóxicas prevencións sobre o impacto laboral, cumpriron un papel louvábel. A verdade é que o enredo inicial se está agora mudando nun acoutado histerismo tráxico-cómico protagonizado polo inefábel Abel Caballero, empeñado en emular, cun noxento localismo viguista, o podre coruñesismo vazquista. Claro que, segundo oufano declara, ten a certeza de que o Goberno español se encargará, decreto-lei en man, de abortar unha solución galega. ..A fusión, que nunca poderá ser máis que un acordo entre iguais, contribuiría á conformación dunha consciencia galega por enriba dos penosos localismos que nos abafan?

Hai un feito elocuente e contundente. A fusión interna non gosta nada a Mafo. Xa chamou discretamente a Raxoi, a quen tampouco gosta. Como non gosta nen a Rato, nen a Montoro, nen a Quintás e a moitos máis dos que andan no choio. Non gosta en Madrid, goberno incluído, que xa se expresou a través do emisario de Palas, antes, e ameaza cunha nova Lei de Caixas estatal, agora. Mais, por que só cabrea desta maneira a hipótese dunha fusión interna galega, mentres son toleradas, e mesmo impulsadas polo Banco de España, as andaluzas, cataláns ou castelán-leonesas? Cavilemos. Galiza non pode nen debe acreditar na súa potencialidade, incluída a que provén do seu aforro. Non debe reaxir en chave nacional. Debe seguir sendo colonia da Corte. É probábel que o PP galego estea a facer un paripé, unha simulación (intentámolo, pero non houbo maneira) para ficar absolto de responsabilidade; é posíbel que acabase por asumir unha fusión interna agora para favorecer a externa máis tarde. Algo comezaremos a detectar nas súas emendas á Lei de Caixas do BNG e no debates conseguintes. Porén, é positivo que, maioritariamente e no plano das ideas, perante fusións inevitábeis, se opte, desde o poder político polas internas como única forma de manter a sede aquí, contar con poder financeiro propio e polo ao servizo da nosa economía. Obxectivamente, unha confrontación coa centralización, a bancarización e a privatización que, á longa, se perseguen. Tamén é unha oportunidade para unha verdadeira democratización. Aproveitémola.

Dispoñámonos para a seguinte fase. Esta primeira xa non foi como eles a tiñan deseñado. O que queda por andar vai estar condicionado tamén pola nosa capacidade política, pola nosa consciencia colectiva. Foi Feixóo quen se tivo que aproximar á posición do BNG, enunciada con clareza, após debate interno non exento de dificultades, desde hai tempo polo noso portavoz Guillerme Vázquez. Seguramente non perseguimos o mesmo obxectivo final. Mais só a fusión interna permitiranos dar as seguintes batallas, práticas, non só ideolóxicas, desde as institucións políticas e desde a sociedade galega a prol da necesidade de contar con entidades de crédito de nós…

 Posted by at 11:07

Sorry, the comment form is closed at this time.