Dec 112009
 

Queren facernos ver que a solución pasa por decidir si Aminattou Haidar debe ser alimentada contra a súa vontade ou debe deixarse que morra, con esta simpleza atopámonos unha vez máis cos que nos poñen diante dos ollos unha imaxe impactante que nos impida saber do verdadeiro problema; e desgraciadamente, para aqueles que aínda cren na obxectividade e na información aséptica, a meirande parte dos medios de comunicación convencionais apréstanse disciplinadamente a esta vella táctica do poder estabelecido.

Para que unha persoa decida deixar de inxerir alimentos e poñer en grave perigo a súa vida ten que estar moi segura das súas conviccións e ter sofrido moito, ese é o caso de Aminattou Haidar porque non estamos diante dunha tola que de súpeto decide suicidarse nin dunha "radical fundamentalista" que se cre elexida por Alá para inmolarse en contra dos infieis. Aminattou Haidar é unha muller cunha historia de loita, unha muller que pertence a un pobo negado tres veces, un pobo negado polos ocupantes marroquís, un pobo esquecido polo antigo colonizador o reino de España e un pobo traicionado pola pasividade nas Nacións Unidas.

Son perto de 190.000 os saharauis que viven nos campamentos alxerianos nunha situación de dureza física como só se pode experimentar no deserto e cunha dureza psíquica como só poden experimentar os que viven no exilio, e calcúlase que máis de 150.000 saharauis viven nos territorios ocupados por Marrocos sofrindo directamente a represión e a discriminación no seu propio territorio, represión e discriminación que exerce sobre eles a monarquía alauita do rei Mohamed VI que é íntimo do rei de España igual que o foi o seu pai Hassan II, pero esta íntima relación apenas aparece estes días nas informacións sobre o "problema" que neste momento ten o goberno español no aeroporto de Lanzarote.

A República Árabe Saharaui Democrática está recoñecida internacionalmente por 82 países, e entre eles non están nin o estado español que foi o seu colonizador até novembro de 1975 nin Franza e os Estados Unidos que son os mellores aliados que ten Marrocos na esfera internacional e os seus principais defensores diante de calquer intento de que se cumpran as distintas resolucións da ONU sobre o proceso de descolonización e sobre a celebración do referéndum de autodeterminación que despois de ser adiado varias veces tiña como última data oficial para a súa celebración o 31 de xullo de 2000. Pasaron xa máis de nove anos desde esa data e a situación vai a peor, cunha ditadura marroquí que campa polos seus respetos intensificando a represión sobre os saharauis ao comprobar que non lle ten costes na esfera internacional, e un pobo saharaui que comproba como os anos pasan e as promesas non se cumpren.

É certo que a folga de fame de Aminattou Haidar semella ser unha decisión persoal pero que ninguén se bote as mans á cabeza si abre camiño a novas formas de resistencia ou á radicalización de algunhas xa coñecidas como a intifada saharaui que desde maio de 2005 organiza actos pacíficos de protesta nos territorios ocupados, actos que son brutalmente reprimidos. Hai poucas semanas facía referencia noutro artigo a que neste momento está dándose un forte debate entre sectores do pobo saharaui sobre a necesidade de voltar a coller as armas e rematar co alto o fogo acordado en setembro de 1991, e sinceiramente a actitude de algúns está botando cada vez máis leña para prender ese lume dado que non fan máis que dar argumentos ao sector da mocidade saharaui que considera que só a forza das armas fará que se atendan as súas xustas reivindicacións.

 Posted by at 11:05

Sorry, the comment form is closed at this time.