Dec 212009
 

Xa hai varias semanas que rematou a festa e pouco a pouco volta a normalidade ao planeta despois de celebrarmos todos e todas o vinte aniversario dunha suposta liberdade, unha liberdade que polo visto chegou coa caída dun coñecido muro que había en Berlín; os fastos hai que recoñecer que foron unha maravilla de orixinalidade con fogos de artificio, xigantescas fichas de dominó e parabéns entre os e as protagonistas Gorvachov, Kohl, Walesa, etc; e realmente non era para menos dado que o 9 de novembro de 1989 tal e como nos lembraron milleiros as páxinas de xornais e ducias de programas de radio e televisión é unha data que está xa escrita con letras de ouro no libro da historia universal ao ser o día da liberdade e da chegada da democracia para os alemáns e polo que din algúns gurús para o resto da humanidade co inicio do desmantelamento do imperio do mal.

O fenecido muro de Berlín foi parte da fronteira entre as duas alemanias de   agosto do 1961 a novembro do 1989,  28 anos de existencia e un número importante de persoas que morreron querendo franquealo para abandonar a RDA e chegar á que chamaban "Alemania libre"; na cifra de vítimas non hai acordo e mentres a fiscalía berlinesa contabiliza 270 mortos o Centro de estudos Históricos de Postdam reduce a cifra de mortos a 125.
As veces semella que o de Berlín era o único muro do planeta que separaba a familias e impedía circular en liberdade, ou cando menos dá a impresión de ser o que máis vítimas ten provocado, pero non é así nin era o único nin era o que estaba máis manchado de sangue. No mundo hai ouros muros pero pouco se fala deles porque aos poderosos non lles interesa.

Hai xa algúns anos que aproximadamente unha terceira parte dos máis de 3000 qm de fronteira entre México e os EEUU contan co seu propio muro; empezouse a construir no 1994 no marco dun programa de loita contra a inmigración ilegal chamado Operación Gardián, sendo a partir de 2006 cando se intensifica o proceso de construción e dotación da tecnoloxía máis moderna para facelo impermeábel (altura de entre catro e cinco metros, iluminación de alta intensidade, sensores de movemento, equipas de visón nocturna, etc.).
Desde que se construiron os distintos tramos dese muro fronteirizo a xente que quere pasar aos EEUU na procura do tan cacarexado paraíso da liberdade e das oportunidades, ten que buscar novos lugares para tentalo que son moito máis perigosos como  o deserto de Arizona ou outras zonas áridas da fronteira; e está documentado que desde a existencia deste muro foron máis de 5000 as súas vítimas, uns morreron de sede no deserto, outros afogados ao tentar cruzar o río Bravo, outros por disparos da policia de fronteiras estadounidense ou asasinados polos traficantes de seres humanos que se quedaban cos seus aforros coa promesa de pasalos.

Foi o presidente Bill Clinton, membro do partido demócrata, quen abreu o camiño para a construción desta barreira e posteriormente, na etapa de Georges Bush, cando se procedeu a aprobar unha lei que ampliaba o muro o actual presidente Barack Obama sendo senador votou a favor desa ampliación ao igual que a súa secretaria de estado Hillary Clinton. E hai un mes o actual goberno dos Estados Unidos pideu no Congreso Federal autorización para ampliar o muro noutros mil quilómetros argumentando que é o único xeito de dar unha resposta eficaz á inmigración e ao tráfico de drogas.

Ser elementos de separación entre pobos e familias igualou a ambos muros pero o número de vítimas provocadas por un e outro non admite comparación pese á presenza mediática que se lle deu a un como encarnación dos supostos males propios do comunismo e o silenzo mediático co que o outro cada día cumpre coa súa sanguenta función. E tampouco admiten comparación as circunstancias históricas dun e do outro, nin o feito de que mentres  os que na extinta RDA deron a orde de construir ou apoiaron a existencia do muro de Berlín pasaron pola cadea Bill Clinton e Georges Bush siguen a darnos leccións de democracia e Obama recolleu hai uns días o premio Nobel da Paz non se sabe con que méritos

 Posted by at 17:15

Sorry, the comment form is closed at this time.