Dec 272009
 

O ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega é unha boa nova. Galiza, nestes tempos que corren, está necesitada de escritores que non deserten dos compromisos básicos: a defensa de Galiza como pobo, como nación; o dereito á existencia da nosa lingua e a súa identificación como propia; o respeito por quen, de formas diversas pero ben intencionadas, traballa politicamente a prol destes compromisos. Por circunstancias históricas, a nosa cultura, nomeadamente a nosa literatura, ocupou un papel senlleiro como símbolo e síntoma da consciencia nacional. Desde a súa autonomía artística, foi parella ao impulso ideolóxico, social e organizativo que reivindicou a nosa diferencia, a nosa existencia específica. Este paralelismo non ten desaparecido totalmente tampouco nos últimos tempos, malia a pretensión infantil de quen aparenta vivir unha situación normal.

A anormalidade caracteriza, hoxe tamén, a Real Academia Galega, non tanto por ser un cenáculo de sospeitosos, como lle gorentaría ao bo Rivas, senón máis ben por custarlle achar unha ubicación natural e positiva. Leva mal posicionarse con acerto na dialéctica de tensión entre o poder político e económico hexemónico, como mínimo nada entusiasta da nosa lingua e da nosa cultura, e os esforzos sociais e populares a prol delas, maioritariamente vinculados a unha causa nacionalista. Paradoxo e contradición que, para ben e para mal, foi progresivamente medrando nun marco autonómico con organismos e institucións públicas ou semipúblicas destinadas teoricamente a promoveren e ampararen a lingua e cultura de nós. Todas elas están moi condicionadas por un oficialismo que, alén dunha forte dependencia española, preme para a adaptación a unha concepción marxinal da cultura galega, no canto de asumila como plenamente nacional. Aparentemente contentes con controlar e xestionar esta leiriña do marco autonómico, certo corporativismo universitario, algunhas editoriais e moitos escritores, máis ou menos, inseridos na tradición piñeirista conformaron o holding oficial da cultura galega. Tamén as maiores eivas e limitacións da Real Academia Galega actual proveñen de aquí. Paira aínda a tendencia ao sectarismo indisimulado contra o discrepante, mesmo após a morte ( Carvalho Calero), ao elitismo de raíz académica universitaria (canto filólogo corporativista excluinte!!), á zunía ignorante contra os que non forman parte do holding ( escritores independentes ou de clara militancia nacionalista prática?)

A presidencia de Barreiro resultou, malia grosas contradicións e incomprensións, a aparición dunha raiola de luz, certa naturalidade de trato con todos, seguramente pola súa proclividade popular e o seu coñecemento da historia de Galiza. Foi ás veces cauteloso e mesmo contemporizador de máis cos inimigos da nosa lingua. Pero non se deixou abafar totalmente polos prexuízos institucionais nen de grupo. Non era un sectario confesional do holding. Esperemos que o sucesor avance máis, porque cómpre osixenar a Academia, actuando con sentido de país, non de clan, superando o corporativismo e o elitismo sectario. Il será premonitorio o ingreso de Manuel Rivas co seu espírito de comprensión e respeito desde unha compenetración tallante coa idea de que Galiza existe e de que a nosa lingua é insubstituíbel como ferramenta para todos os usos?. Nunca se caracterizou por teimas nen por proclividades a desacreditar, nas súas colaboracións xornalísticas, a compatriotas que, con acertos e erros, se identifican e serven ao pobo galego. Non é amigo de leiriñas nen de pauliñas contra os xa demonizados polo poder, concretamente os nacionalistas actuantes, escritores ou non, polo feito de séreno?

Lóxico que o futuro presidente sexa un escritor acreditado e recoñecido. Sen dúbida, Méndez Ferrín éo. Fronte ás descualificacións tan anti-democráticas como puerís dalgún comentarista pola súa ideoloxía, diremos que, na súa esencia, é coincidente coa que debe fundamentar a Real Academia Galega da Lingua. Non virán dela os perigos para un bo funcionamento da institución. En todo caso, terá que superar prexuízos, resistencias, rutinas, que o poidan confundir ou ancorar no corporativismo elitista ou na zunía sectaria. Malia ás forma esotéricas e ás veces pretensamente irreverentes, sempre se identificou co holding. Esperemos que a súa presidencia represente unha vontade nacional, de irmandade, de avance para a lingua e a cultura do país, de respeito polos esforzos, incluídos os políticos, de todos os que acreditamos na capacidade e no futuro do pobo galego, en particular da nosa lingua?

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.