Fronte á mentira da imposición

O PP vainos agasallar nestas festas de nadal a todas as persoas que cremos na liberdade, porque en Galiza somos milleiros os que sofrimos en silenzo a discriminación e o desprezo por parte daqueles que nos queren impoñer a súa verdade.

Hoxe é imposíbel ir a un centro de saúde e atopar cun médico que che fale en español, moitas veces somos nós os pacientes os que por complexo de inferioridade nos pasamos ao galego non vaia ser que non nos entendan.

Cando colles o mando  a distancia para  relaxarte coa programación que che oferece esa novidade da tecnoloxía que chaman tdt tes que pasarte varios minutos para poder atopar unha cadea que fale no idioma cervantino porque desde as cadeas musicais até as de venda de produtos inuteis de madrugada todas emiten en galego.

Se queres agasallar a alguén cun libro máis do mesmo, chegas á libraría e a sección de libros en castelán está agochada ao fondo do local, e non só iso, cando perguntas polo último premio nobel de literatura dínche que só o hai en galego ou en portugués dado que traducilo ao español é un desperdicio de cartos e papel.

Se queres ver un partido de fútbol sempre acaban politizándoo lembrando o último trunfo da irmandiña fronte a Brasil, sendo ademais  imposíbel que poidas seguir un partido da selección española aínda que sexa amistoso.

Cando vas pola rúa e poste a ouvir en que falan os rapaces énchenseche os ollos de bágoas porque non hai un que manteña o castelán, é máis, os estudos amosan xa unha preocupante invasión dos que falan portugués que se achega ao 20% da poboación galega; e aos cativos desgrazadamente a meirande parte dos pais e nais fálanlles galego aínda que eles foran educados en castelán, fanno para que os seus pequenos se integren e non lles poñan unha cruz os aiatolás do galego.

E se te fixas nas institucións a cousa non é mellor, no Parlamento Galego mantense o castelán porque están alí doce apóstolos da liberdade lingüística fronte aos que só usan o idioma cervantino nos actos institucionais. Nos xulgados bótanche a bronca como te escoiten unha palabra no teu idioma, e os alcaldes de Vigo e A Coruña deron por perdida a batalla e pasáronse tamén ao galego non vaia ser que lles neguen as subvencións.

Grazas presidente por querer devolvernos a liberdade!

No texto anterior hai esaxeracións intencionadas pero estas non deben alonxarnos da realidade, séculos de negación da existencia de Galiza como pobo xunto co autoodio inculcado polo poder e os seus cipaios crearon un caldo de cultivo para que hoxe haxa na nosa nación moita xente que acredite eses discursos da imposición do galego, e non son só señoritos ou españolistas recalcitrantes, hai tamén xente normal das clases populares na que desgrazadamente penetrou o discurso do colonizador.

Fronte a esta realidade o nacionalismo reaxiu e buscou a unidade das institucións e persoas que queren que Galiza siga a contar cun idioma vivo en todos os ámbitos como o seu principal sinal de identidade. Os inimigos do galego a esa iniciativa unitaria que se chama QUEREMOS GALEGO! deron como resposta o desprezo e a  radicalización do seu discurso; nós debemos retrucarlles convencendo e mobilizando.

Convencendo á xente de que defenda o galego, falándooo en todas as circunstancias e transmitíndoo ás novas xeracións; convencendo á xente de que unha mentira repetida mil veces non se convirte en verdade, e por tanto a imposición do galego non é certa. Convencendo á xente de que os únicos que politizan o idioma son os do PP, dado que son os únicos que en vez de empregalo como instrumento de comunicación o empregan como arma para atacar a Galiza. Convencendo aos que aínda teñén dúbidas para que tiren polo carro e deixen dunha vez por todas de lado eses discursos resesos espallados polos inimigos de Galiza sobre o sectarismo e a falla de apertura á sociedade; por este carro pode tirar calquera que estea disposto a defender o galego.

Mobilizando porque a xente debe afacerse a defender o que é seu sen delegar a responsabilidade, só sendo protagonista desa defensa poderá o noso pobo aumentar a súa conciencia e a súa autoestima. Mobilizando conciencias para que se sumen á práctica cotián do idioma. Mobilizando no ensino no mes de xaneiro para que se vexa que non renunciamos á práctica do noso idioma. Mobilizando co envío de postais de nadal e pendurando bandeiras das fiestras.

Comments are closed.