Xan 012010
 

Aprendéronnos que o 30 de decembro foi a data en que chegaron os restos do Apóstolo Santiago a Compostela. Certo ou falso, este mito deu pé a que a capital galega se convertese en lugar de peregrinación e durante a Idade Media pasase a ser unha das cidades máis importantes de Europa, núcleo dunha cultura en auxe que fixo do noso idioma unha lingua coñecida e recoñecida.

Precisamente esa data foi a que escolleu o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, para darlle unha volta máis ao garrote deseñado para reducir a presenza do noso idioma. Curiosa data, especialmente elixida para minimizar as protestas dos irredutíbeis callaeci que seguimos empeñados en reclamar o que é noso, porque é xusto e de dereito.

Calcularon a data, convocaron consello, e atopáronse con que os callaeci non quedaron estupefactos, senón que se atreveron a lle convocar unha concentración na porta do pazo. E cambiaron o lugar da reunión perversa, sentáronse na mesa e nas cadeiras compradas polo presidente anterior, as cadeiras e a mesa que tanto criticaron, mais que agora estrearon sen reparo, coma quen se pecha nun búnker insonorizado do bombardeo exterior.

  E os infatigábeis callaeci, non contentos con se xuntar uns miles no Obradoiro, van e saen na procura do Presidente e os seus Conselleiros, porque queren ser testemuñas, e mentres van indo son cada vez máis, máis e máis, aínda que a chuvia cae persistente, uníndose ao coro de voces que non calan, para lembrarlle do outro lado da ventá que "na Galiza, en galego, é o noso dereito", e as mesmas palabras de Pondal, abaladas nun coro extenso e profundo: mais só os iñorantes, os férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden non!.

Agardaron á noite para presentar a súa nova gadaña contra a lingua. O que son as cousas. Este presidente era o vicepresidente da Xunta cando Celso Currás, conselleiro de educación do derradeiro goberno de Fraga, recoñecía que o dominio lingüístico do alumnado non era o que se establecía na Lei de Normalización Lingüística e por iso se ía levar ao Parlamento un Plan Xeral de Normalización que fixaba que un mínimo do 50% das materias deberían ser impartidas en galego. Un plan que baixo a vicepresidencia de Núñez Feijoo foi aprobado por unanimidade e que o goberno presentaba como o plan para acadar a igualdade dos idiomas en Galiza. Arrepíntese Núñez Feijoo do seu labor como vicepresidente en 2004?

Os callaeci len e relén este produto da irresponsabilidade do goberno que se atreve a presentar un borrador que non só conculca os nosos dereitos lingüísticos, senón que mesmo podería dar lugar a novos conflitos para os centros educativos: preguntas por aquí, enquisas por alá, que se este en galego, que se o outro en castelá, que neste cole así, que nesoutro asá: a desigualdade na educación, a conflitividade nas comunidades educativas, iso é o que propoñen.

Os callaeci en idade escolar tamén len e relén o infame anuncio e pregúntanse se agora van ter que cursar "Historia de Galiza" in English: It?s incredible!. Ou Física e Química! Como xa era doada a materia, agora en inglés que así enténdena mellor: these governors of PP are seriously ill!

Pola nosa lingua, nin un paso atrás. A CIG-Ensino xa anunciou a súa firme determinación de non participar en ningún tipo de manobra confusionista que avale este ataque ao noso idioma. A Plataforma Queremos Galego volveu anunciar onte que o día 21 temos unha nova cita pechando as aulas de todo o país, saíndo á rúa na defensa do noso idioma. Aí estaremos de novo, outra vez sumando cada vez máis apoios, como onte sumabamos andando Compostela: porque estudar en galego é o noso dereito! Folga o 21 de xaneiro!

 Posted by at 17:30

Sorry, the comment form is closed at this time.