Xan 022010
 

Vai para un mes entrei en contacto coa Directiva do Patronato da Cultura Galega de Montevideo e puiden comprobar en carne propia o importante traballo que as e os que se declaran galegos voluntariamente realizan para manter viva a memoria e o coñecemento da súa nación de orixe. Estes días coñecémonos e intercambiamos temores, preocupacións e as firmes determinacións que nin os deseños máis ruíns para o noso futuro conseguirán que abandonemos. Falan con orgullo dunha biblioteca de 10000 volumes e de ser unha das entidades galegas centradas exclusivamente no traballo cultural. Traen canda elas un libro do Manuel María, Versos pra cantar en feiras e romaxes, que debeu publicarse en Montevideo e que tiña por obxecto contar a verdade do país. Está ilustrado por Seoane. Cóntanme entón que hai uns días fotografaban o portal da casa en que vivira Seoane. Uns mozos preguntáronlles o porqué de retratar aquel lugar vulgar e elas explicaron o motivo. Desoladas comprobaron non só que os mozos non sabían quen era Seoane, senón que tampouco lles importou grande cousa. Pobre impresión a que a elas e nós mesmos nos produce esta anécdota ilustrativa que tanto se repite, e a conversa flúe preguntándonos sobre como pode ser posíbel que se ignore tanto do que somos, que a miles de quilómetros aqueles que xa non naceron na nación da súa estirpe saiban moito máis de nós mesmos, entendan moito mellor tantas cousas. Hai un dito que o ilustra. O certo é que cómpre querer ver e oír, amarnos a nós mesmos. E armarnos cos versos dos poetas nestes días escuros, mentres agardamos o peso da gadaña, dispostas a parar o seu gume de odio.

Marta Dacosta, 28 de decembro de 2009

 Posted by at 20:01

Sorry, the comment form is closed at this time.