Xan 092010
 

Nos pasados días voltaron a producirse manifestacións na capital iraniana en contra do goberno de Mahmud Ahmadineyad, manifestacións con grande repercusión nos medios de comunicación ocidentais e unha condena unánime ás actuacións represivas do goberno iraniano esixindo o respecto pola oposición. Unha vez apareceron o Irán e o seu presidente Mahmud Ahmadineyad á cabeza dos países que non cumpren coa democracia. Pero é a preocupación polo cumprimento dos principios democráticos o que de verdade move a determinados gobernos liderados polo dos Estados Unidos e pola Unión Europea a condenar e presionar a cada pouco ao Irán, ou son outros intereses máis crematísticos e menos éticos os que os guían? Non sendo a República Islámica do Irán un exemplo para as persoas que loitamos por unha sociedade máis xusta nin o goberno de Mahmud Ahmadineyad un exemplo de democracia avanzada senón todo o contrario, resulta cando menos curioso que nas eleccións de xuño do ano pasado o candidato apoiado por occidente fora Hossein Musavi, alcumado xa por moitos medios como "o reformista" ou "o Obama de Irán", alguén que non é novo na política iraniana dado que foi primeiro ministro dese país entre o 1981 e o 1989 e considerábase adscrito ao sector máis radical e fundamentalista do réxime nalquel entón. Ademais Musavi está considerado co-responsábel do asasinato durante o seu mandato de milleiros de presos políticos, entre eles grande parte da direccción do Tudeh (partido comunista), moitas mulleres feministas, intelectuais e dirixentes kurdos. Con esa carta de presentación, e aínda que a todo o mundo se lle debe dar o dereito á rectificación, extraña bastante que hoxe poida ser ese o candidato apoiado polo democrático occidente. Aos gobernos occidentais non lles preocupa para nada a situación dos dereitos humanos no Oriente Medio, pois de ser así tiveron oportunidades dabondo para modificar situacións en países "amigos" como Arabia Saudí, os Emiratos Árabes ou Israel, e lembremos que nestes días cúmprese o primeiro cabodano da última grande matanza de palestinos cometida por Israel con máis de 1400 vítimas. O que verdadeiramente preocupa de Irán, país que posúe a segunda reserva máis importante do planeta de gas e petróleo, aos Estados Unidos e aos seus aliados é o empeño do seu presidente en levar adiante unha política independente non deixándose condicionar polas presións externas, destacando nesa política un programa nuclear propio que segundo manifesta o propio Ahmadineyad ten un obxectivo pacífico, manifestación que até hoxe foron incapaces de desmentir con probas as axencias de expionaxe estadounidenses e os técnicos internacionais que repetidas veces visitaron o país; curiosamente nin uns nin outros abren a boca contra a realidade constatábel da existencia de armas nucleares no veciño Israel. Xunto co programa nuclear destaca a importante actividade comercial e diplomática a nivel internacional, liderada polo presidente iraniano nos últimos anos co obxectivo de crear un contrapeso plural alternativo á hexemonía dos Estados Unidos e dos seus intereses. Por iso o que preocupa en occidente non é que as mulleres estean discriminadas na república dos Ajatolahs, ao igual que non lles procupa a situación de cidadás de segunda que teñen en Kuwait ou Pakistán; o verdadeiramente preocupante para os seus intereses é esa actividade internacional que leva ao Irán a asinar convenios con Brasil, China, Rusia ou Venezuela, dado que iso bota por terra o de que Ahmadineyad é o demo. Contan que o presidente Delano Roosevelt nunha ocasión para referirse ao primeiro ditador nicaraguano da saga dos Somoza empregou as seguintes palabras "sí, é un fillo de puta, pero é O NOSO fillo de puta"; e semella que ese grande presidente estadounidense creou escola porque as eleccións do 12 de xuño do pasado ano en Irán non foron moi diferentes ás do 29 de novembro en Honduras en canto a garantías democráticas, pero mentres que na pequena república centroamericana gañou quen tiña que gañar, é decir, "un dos nosos" na antiga persia voltou gañar quen non debía, é decir "un que quere ir por libre". Mentres que da situación en Honduras cada vez se fala menos a represión do rexime iraní e a falla de democracia neses país neste 2010 que vimos de empezar vai ser unha constante nos medios de comunicación; e se fai falla algúns repetirán o que fixo hai uns días un informativo da cadea de televisión francesa France 2 que empregou imaxes da represión dos golpistas contra o pobo hondureño para ilustrar a represión en Irán.

 Posted by at 19:26

Sorry, the comment form is closed at this time.