Xan 182010
 

Corren tempos de confusión. Non é menor a que aferrolla a moitos ideoloxistas que din renegar do sistema capitalista. Unha das máis pertinaces características da esquizofrenia existente é a do altermundista que non asume unha política real anti-globalizadora. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero a rectificación do proceso globalizador pasa pola asunción da política nacionalizadora, polo exercicio da soberanía ou capacidade de decisión democrática das nacións. Con esta lóxica e con este obxectivo teremos que articular unha mentalidade internacional pacifista, pois certo é que todos formamos parte dun mundo común. Se esta orientación é válida para as nacións con Estado, resulta imprescindíbel para as que non o posúen. O nacionalismo é, consecuentemente, a alternativa que, nestes casos, expresa esta aspiración.

Sorprende que, perante alternativas tan claras como as que se presentan respeito das Caixas de Aforro galegas, a algúns altermundistas lles custe tanto asumir o conflito sen ofuscacións metafísicas. Aínda máis, reaxen negativamente perante a única saída, na actual conxuntura, anti-globalizadora, nacional galega e non submisa cos deseños da oligarquía española. Porque a esta altura o dilema está en escollermos entre a fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova ou a fusión, fría ou quente, tanto ten, de Caixa Nova con Caixa Astur, Caixa Murcia e Caixa Santander, entre unha fusión interna e outra extraterritorial. Está en articular unha entidade de crédito, non totalmente bancarizada, con certo control público e ao servizo da nosa nación, ou permitir a desnacionalización, con bancarización e facilidade para a privatización. Quizais cumpra volver a lembrar que, grazas á iniciativa do BNG, este país pasou de ter, até agora, un marco legal ridículo, antidemocrático e caciquil sobre as Caixas, a ter a lei máis progresista de todo o Estado español. Con ela será imposíbel a restauración do nepotismo e do despotismo que caracterizou estas entidades de crédito na Galiza. E será que pretenden que non se aplique? Será que algúns están dispostos a facela inviábel bombardeándoa desde esferas competenciais superiores? En Madrid téñeno claro: o PSOE, co Banco de España de árbitro interesado e a través da súa sucursal política na Galiza, Ministro Blanco ao fronte, intimida, ameaza e proxecta a sombra máis anti-galega con ese monicreque de alcalde que, no exercicio do localismo máis podre, asume sen rubor a opción foránea. O PP, Rajoy, Rato, Montoro, Caixa Madrid, non agachan, nen despois da aparente, tardía e condicionada polas circunstancias aposta de Feijóo pola fusión interna, que aspiran a engulir Caixa Galicia. Estase a producir perante os nosos ollos e os nosos narices o máis descarado asalto á entidade financeira de Galiza en nome de que temos que saír das nosas fronteiras. Xa se sabe, en nome do espolio. É tan difícil non deixarse embaucar polo aquelarre de auto-negación, desnacionalización e tribalismo interior? O proceso de españolización prático ten na resolución deste dilema unha das súas armas máis eficientes para desposuír, dunha vez por todas, Galiza dunha ferramenta cun potencial significativo ao servizo do noso pobo, para diminuír, aínda máis, a nosa capacidade real de autogoberno.

Hai unha nova Lei de Caixas. Pode ser utilizada en defensa das competencias e das necesidades de Galiza. Por certo, alguén reparou na sempre compracente submisión a España dos efluvios localistas galegos e a súa incidencia negativa nos intereses xerais de Galiza? Unha Caixa Galega, democratizada, con control público, sería un bo contributo á estruturación do país, á súa coesión, por enriba de dialécticas norte-sur que só agachan o caciquismo tribal e a dialéctica política españolizadora. Pode ser lóxico que os que serven conscientemente a esta dialéctica, unha forma de ser galegos á española, segan con obediencia entusiasta as consignas madrileñas. Resulta máis difícil comprendelo en quen di ser anti-globalizador e mesmo nacionalista. A tanto pode chegar a ofuscación por motivacións colaterais? Escollan: galega ou española? Curiosamente o instinto popular máis xeral sabe cal é a opción que nos interesa.

É posíbel que o presidente Feijóo estea enredando para chegar, ao final, a un resultado acorde co previamente pactado en Madrid entre o PP e o PSOE para repartírense o botín galego ad maiorem gloriam da unidade de España. Porén, o noso deber está en actuarmos, dificultar as traizóns aos intereses do país e defender as opcións que lle son beneficiosas. Lembremos de novo: inicialmente a aposta do presidente da Xunta era, en nome da técnica, da solvencia e da despolitización (que graza!!) non facer nada, deixar que o deseño perfilado na Corte se consumase. Se non puido instalarse, definitiva e comodamente, nese guión foi pola iniciativa do BNG, o sentido da realidade dos sindicatos e de grande parte da sociedade galega que, malia a colonización, aínda ten capacidade para detectar, nesta cuestión, que opción representa a vontade de Galiza por existir e ter futuro

 Posted by at 18:17

Sorry, the comment form is closed at this time.