Xan 082010
 

O idioma galego comparte con outros moitos idiomas do mundo a condición de lingua non normalizada ou en vías de normalización e desde hai tempo a sociedade galega reclama unha serie de medidas  de normalización lingüística, entendida esta como o proceso que  ten como obxectivo conseguir que unha lingua que está  minorizada, isto é, que non chega a todos os ámbitos de uso, especialmente os formalizados,  poida ser utilizada con normalidade en calquera situación comunicativa da vida cotiá, ou o que é o mesmo, o emprego normal desa lingua no seu territorio, que sexa utilizada en todas as funcións, en todos os ámbitos e por parte de todos os membros da comunidade.
Por outra parte, a normalización lingüística prodúcese cando todos os cidadáns teñen  competencia nesa lingua e cando desaparecen os prexuízos de carácter diglósico que coartan a súa utilización social.
Son necesarios pois os dous elementos: competencia e ausencia de prexuízos e mentres tanto non podemos falar de normalización, e por iso nos derradeiros trinta anos a palabra normalización estivo presente en todos os debates e documentos referentes ao idioma, porque se trata de facer normal o que non é.
É de todos e todas coñecido que, na actualidade a pretensión lingüística oficial pasa por alcanzarmos o bilingüismo amable ou cordial, antes harmónico, termos que nin sequer entran dentro da utopía e si do imposíbel, do inalcanzábel por inexistente. Esta teoría, que aparece plasmada en documentos legais, prestixiada en traballos universitarios e divulgada en debates políticos e radiofónicos desde hai máis de 40 anos procura mudar as tácticas impositivas tradicionais por outras máis permisivas na forma pero igualmente asimilacionistas. Así, na Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentan (nos debates que se dan nas Cortes, con Antonio Rosón  – despois Presidente- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das "linguas maternas" para desde aí  aprender mellor o castelán. Algo parecido se tiña feito en América do Norte co resultado xa coñecido de asimilación das linguas orixinarias por parte do inglés. 
Mais unha cousa é introducir o galego no ensino e outra é darlle carta de normalidade social, de modo que partir do final década  de 70, e como sustento legal a esta teoría, comeza a elaboración dunha lexislación que ten como finalidade encapsular a presenza do galego no ámbito do ensino desatendendo totalmente todos os demais ámbitos.
O plano Xeral de Normalización da Lingua Galega recoñece que, se ben se teñen dado avances, o galego non é a “lingua de uso normal e preferente en Galicia” e é necesario avanzar en procesos que nos permitan “vivir plenamente en galego” É evidente que se está a indicar que son precisas medidas normalizadoras. Sendo isto así, por que, entón,  no documento de Bases para a elaboración do novo decreto que regulará a presenza do galego no ensino non aparece a palabra NORMALIZACIÓN?
O actual Secretario Xeral de Política Lingüística, responsábel do texto das Bases para a elaboración do novo decreto, foi o Secretario da Comisión Sectorial número 2. Educación Familia e Mocidade, da que eu tamén formaba parte. Na introdución a aquel documento non se oculta que son necesarias medidas favorables ao galego se queremos  conseguir ese equilibrio que o plano xeral e outros documentos demandan. Nunha palabra, demándanse e propóñense medidas normalizadoras. Por que entón se foxe do termo normalización, ou o que é peor, por que se toman medidas tendentes a diminuír a competencia lingüística dos escolares, a favorecer a desigualdade entre os dous idiomas e, en definitiva, a lexislar contra as propostas do PXNL? 

 Posted by at 18:07
Xan 022010
 

Vai para un mes entrei en contacto coa Directiva do Patronato da Cultura Galega de Montevideo e puiden comprobar en carne propia o importante traballo que as e os que se declaran galegos voluntariamente realizan para manter viva a memoria e o coñecemento da súa nación de orixe. Estes días coñecémonos e intercambiamos temores, preocupacións e as firmes determinacións que nin os deseños máis ruíns para o noso futuro conseguirán que abandonemos. Falan con orgullo dunha biblioteca de 10000 volumes e de ser unha das entidades galegas centradas exclusivamente no traballo cultural. Traen canda elas un libro do Manuel María, Versos pra cantar en feiras e romaxes, que debeu publicarse en Montevideo e que tiña por obxecto contar a verdade do país. Está ilustrado por Seoane. Cóntanme entón que hai uns días fotografaban o portal da casa en que vivira Seoane. Uns mozos preguntáronlles o porqué de retratar aquel lugar vulgar e elas explicaron o motivo. Desoladas comprobaron non só que os mozos non sabían quen era Seoane, senón que tampouco lles importou grande cousa. Pobre impresión a que a elas e nós mesmos nos produce esta anécdota ilustrativa que tanto se repite, e a conversa flúe preguntándonos sobre como pode ser posíbel que se ignore tanto do que somos, que a miles de quilómetros aqueles que xa non naceron na nación da súa estirpe saiban moito máis de nós mesmos, entendan moito mellor tantas cousas. Hai un dito que o ilustra. O certo é que cómpre querer ver e oír, amarnos a nós mesmos. E armarnos cos versos dos poetas nestes días escuros, mentres agardamos o peso da gadaña, dispostas a parar o seu gume de odio.

Marta Dacosta, 28 de decembro de 2009

 Posted by at 20:01
Xan 012010
 

Aprendéronnos que o 30 de decembro foi a data en que chegaron os restos do Apóstolo Santiago a Compostela. Certo ou falso, este mito deu pé a que a capital galega se convertese en lugar de peregrinación e durante a Idade Media pasase a ser unha das cidades máis importantes de Europa, núcleo dunha cultura en auxe que fixo do noso idioma unha lingua coñecida e recoñecida.

Precisamente esa data foi a que escolleu o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, para darlle unha volta máis ao garrote deseñado para reducir a presenza do noso idioma. Curiosa data, especialmente elixida para minimizar as protestas dos irredutíbeis callaeci que seguimos empeñados en reclamar o que é noso, porque é xusto e de dereito.

Calcularon a data, convocaron consello, e atopáronse con que os callaeci non quedaron estupefactos, senón que se atreveron a lle convocar unha concentración na porta do pazo. E cambiaron o lugar da reunión perversa, sentáronse na mesa e nas cadeiras compradas polo presidente anterior, as cadeiras e a mesa que tanto criticaron, mais que agora estrearon sen reparo, coma quen se pecha nun búnker insonorizado do bombardeo exterior.

  E os infatigábeis callaeci, non contentos con se xuntar uns miles no Obradoiro, van e saen na procura do Presidente e os seus Conselleiros, porque queren ser testemuñas, e mentres van indo son cada vez máis, máis e máis, aínda que a chuvia cae persistente, uníndose ao coro de voces que non calan, para lembrarlle do outro lado da ventá que "na Galiza, en galego, é o noso dereito", e as mesmas palabras de Pondal, abaladas nun coro extenso e profundo: mais só os iñorantes, os férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden non!.

Agardaron á noite para presentar a súa nova gadaña contra a lingua. O que son as cousas. Este presidente era o vicepresidente da Xunta cando Celso Currás, conselleiro de educación do derradeiro goberno de Fraga, recoñecía que o dominio lingüístico do alumnado non era o que se establecía na Lei de Normalización Lingüística e por iso se ía levar ao Parlamento un Plan Xeral de Normalización que fixaba que un mínimo do 50% das materias deberían ser impartidas en galego. Un plan que baixo a vicepresidencia de Núñez Feijoo foi aprobado por unanimidade e que o goberno presentaba como o plan para acadar a igualdade dos idiomas en Galiza. Arrepíntese Núñez Feijoo do seu labor como vicepresidente en 2004?

Os callaeci len e relén este produto da irresponsabilidade do goberno que se atreve a presentar un borrador que non só conculca os nosos dereitos lingüísticos, senón que mesmo podería dar lugar a novos conflitos para os centros educativos: preguntas por aquí, enquisas por alá, que se este en galego, que se o outro en castelá, que neste cole así, que nesoutro asá: a desigualdade na educación, a conflitividade nas comunidades educativas, iso é o que propoñen.

Os callaeci en idade escolar tamén len e relén o infame anuncio e pregúntanse se agora van ter que cursar "Historia de Galiza" in English: It?s incredible!. Ou Física e Química! Como xa era doada a materia, agora en inglés que así enténdena mellor: these governors of PP are seriously ill!

Pola nosa lingua, nin un paso atrás. A CIG-Ensino xa anunciou a súa firme determinación de non participar en ningún tipo de manobra confusionista que avale este ataque ao noso idioma. A Plataforma Queremos Galego volveu anunciar onte que o día 21 temos unha nova cita pechando as aulas de todo o país, saíndo á rúa na defensa do noso idioma. Aí estaremos de novo, outra vez sumando cada vez máis apoios, como onte sumabamos andando Compostela: porque estudar en galego é o noso dereito! Folga o 21 de xaneiro!

 Posted by at 17:30