Mar 112010
 

Aquí temos a proba do algodón do consenso lingüístico tan predicado e magreado até a saciedade polo PP: A Mesa do Parlamento, órgano no que o PP ostenta a maioría, mais tamén co apoio “gratuíto” do representante do PSOE nesa instancia, vén de lle impedir á Plataforma Queremos Galego a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular presentada formalmente pola Comisión Promotora designada para ese fin, prohibindo, daquela, a recollida regrada de sinaturas (mínimo de 15.000) para o posterior debate parlamentar.

Por suposto, non se trata dun problema técnico-xurídico o que fundamenta a decisión negativa da Mesa do Parlamento. Iso é só unha coartada, un pretexto estúpido. Moi pola contra, é unha decisión política ben meditada do PP, adoptada de xeito consciente e deliberado, instrumentalizando de maneira bochornosa e vergoñenta o Parlamento ao servizo exclusivo dun proxecto político aberta e desacomplexadamente españolista, incompatíbel co mínimo respecto ás regras de xogo democráticas e, evidentemente, coa mera existencia da lingua galega.

Para quen tivese a máis mínima dúbida, este episodio escandaloso, auténtica bomba de reloxaría contra o corazón da democracia (limitada e controlada) que “desfrutamos”, só vén certificar que democracia e defensa da lingua galega son dous conceptos intimamente xunguidos. Así, o combate á democracia debilita non só os dereitos civís e políticos, como neste caso: tamén os lingüísticos. E á inversa, o reforzo da democracia e dos dereitos democráticos consolida a lingua e os dereitos lingüísticos. Porque son de verificación imposíbel os uns sen os outros. Porque en Galiza non haberá democracia merecente de tal nome mentres o noso idioma se discrimine e a nación non se normalice políticamente.

Repárese na burla e no desprezo que alcanza unha decisión política de tal magnitude, que reviste unha extrema gravidade pola forma, mais fundamentalmente polo fondo, tendo en conta contra quen vai dirixida. E é que a Plataforma Queremos Galego, quéirase ou non, é a expresión organizada da vontade libre dunha parte moi importante (e desalienada) do pobo galego, conformada por máis de 600 entidades, organizacións e colectivos sociais de todo tipo, que ten protagonizado as mobilizacións máis importantes e masivas de toda a historia da nación na defensa do noso idioma. Tanto lles ten. Ou se cadra, é precisamente por iso.

Mais tanta soberbia non pode ficar impune. Non van poder evitar que a Plataforma Queremos Galego, por vía legal, ou se cómpre, pola para-legal, sexa quen de levar adiante a súa campaña social de recollida de sinaturas, que culmine na presentación e defensa no Parlamento de Galiza da Proposición de Lei sobre o uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino. Pois usaremos outros métodos. Por unha vía ou pola outra, nin o PP, nin a maioría da Mesa do Parlamento, nin Alberte Núñez Feixóo, nin ninguén, o van impedir. Que se vaian decatando. A este pobo, cando se pon en pé, non o cala ninguén.

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.