Mar 242010
 

Desde hai un par de meses circula en ámbitos políticos e educativos un documento titulado "Propuestas para un pacto social y político por la educación" unha proposta presentada polo Ministerio de Educación, que segundo manifestou publicamente o ministro Ángel Gabilondo, ten por obxecto acadar o tan anceiado Pacto pola Educación, un acordo que permita estabilizar o sistema educativo e impedir dese xeito que cada vez que entra un novo inquilino na Moncloa se faga unha nova lei educativa.

Somos moitas as persoas  que coincidimos en que non se debe xogar con algo tan importante como é a educación, dado o seu carácter de servizo público fundamental, o mesmo poderíamos dicir da sanidade ou dos servizos sociais. Por tanto esa iniciativa do PSOE pode ser ben aceptada pola cidadanía ao transmitir un suposto desexo do goberno español de mellorar o servizo público educativo e garantirlle unha estabilidade que o permita estar alleo aos cambios políticos. E aqueles que manifesten a súa opinión contraria a esa proposta teñen un problema dado que a equipa de marqueting de Zapatero xa conseguiu que moita xente estea predisposta a considerar como radicais, pechados e inmobilistas aos que decidan non apoiar o documento.

Non sei, aínda que teño unha sospeita, como vai ser o documento final, pero o que neste momento está sobre a mesa no fundamental o que fai é poñer por escrito o programa educativo da dereita española e entregar o sistema público de ensino ao empresariado do ensino privado (eu sigo chamándolle "privado" e non "concertado" dado que eses centro de ensino son empresas cuns empresarios que son os seus donos e que como é lóxico buscan obter un beneficio xa sexa económico ou ideolóxico). E digo isto porque en todo o documento se equiparan a rede pública e a rede privada, chegando a decirse que é obriga do goberno dotar de maiores recursos aos centros privados para favorecer e garantir a libre elección das familias.
O anterior é só un exemplo das cuestións negativas incluídas no documento, un documento que deixa en boas intencións os poucos aspectos positivos que contén, e non fai referencia algunha a reivindicacións que hoxe son urxentes para mellorar o traballo do profesorado nos centros de ensino e que levan vinte anos sen ser abordadas como a diminución do numero de alumnos e alumnas por aula.

Podería referir outras ausencias de reivindicacións laborais do colectivo docente ou de mellora do servizo público, que son defendidas desde hai anos por aqueles que consideramos que unha sociedade verdadeiramente avanzada só pode ser a que garante á cidadanía uns servizos públicos de calidade, precisos sempre pero aínda máis en momentos de crise como o actual. Pero non vou profundar máis no documento nin nas reivindicacións laborais do profesorado galego, dado que o primeiro é facilmente accesíbel na rede e as segundas son perfectamente defendidas pola CIG e apoiadas nos centros de ensino. O que si quero é dar a miña opinión sobre a razón que leva ao goberno español a facer isto agora e dese xeito.

Nun momento de forte bronca mediática entre PSOE e PP, e digo mediática porque á hora da verdade nos temas de fondo están defendendo posturas que se diferencian en matices pero teñen o mesmo fondo, Zapatero estase lanzando a unha campaña de imaxe, transmitindo a idea de que fai o que non fai e de que busca o que non busca. Por tanto si o PP non asina un pacto que inclúe a meirande parte das súas reivindicacións será porque está botado ao monte negándose a calquer diálogo quedando de bó o presidente do goberno do estado; e si pola contra rematan por asinalo Zapatero ponse unha medalla por baixar do monte á dereita e acadar un pacto estábel nunha cuestión tan sensíbel.

Xa veremos como remata a cuestión pero haxa ou non haxa pacto, o texto que está enriba da mesa hoxe non vai supor unha mellora do sistema público de ensino no estado español. Sexa cal sexa o remate nós seguiremos traballando por acadar un sistema educativo propio adaptado á realidade e ás necesidades da nosa nación.

 Posted by at 11:01

Sorry, the comment form is closed at this time.