Abr 042010
 

Lémbrase aos pasaxeiros con destino Estados Unidos que teñen que presentarse na porta de embarque unha hora e media antes da hora de partida en cumprimento de novas normas de seguridade aérea internacional.
Cada dez minutos os altofalantes do aeroporto de Madrid repetían esta ladaíña para que as persoas que por alí deambulabamos agardando o noso propio voo tiveramos claro que o chamado terrorismo internacional segue a estar presente nas nosas vidas, e o que é máis importante, que as medidas de seguridade nun aeroporto do estado español non as decide o goberno español senón que as decide o tío Sam.

E con isto non estou esaxerando deixándome levar dun anti-americanismo fanático que non razoa, estou simplemente facendo referencia a unha constatación máis de quen manda no mundo e a quen non se lle di nada non vaia ser que teña consecuencias.

Como proba de que isto é así, podemos imaxinar que estamos en Venezuela, por poñer un exemplo que podería ser o de outros moitos estados, e que o goberno lexítimo dese país decide adoptar medidas de seguridade complementarias ás que son adoptadas a nivel internacional. Unha decisión que non adopta á lixeira senón que o fai despois de analisar o perigo de ataque terrorista que pende sobre a súa soberanía, tendo en conta que hai 13 bases militares perto do seu territorio, unhas bases que pertencen todas a unha coñecida potencia que se caracteriza por levar a cabo ataques, xa sexa empregando tropas propias ou de aliados/súbditos, contra aqueles que desenvolven políticas contrarias aos seus intereses. E imaxinemos que unha das medidas que decide adoptar o lexítimo goberno venezolano é que todos os pasaxeiros con destino Venezuela deben presentarse tamén na porta de embarque dos seus voos unha hora e media antes da saída dos mesmos.

Ao día seguinte só temos que ir mercar os xornais ou ver os noticiarios de televisión para que os prisa-progres de turno nos agasallen con titulares do tipo "O rexime de Chávez ataca ao turismo", "O chavismo dá un paso máis na creación dun estado policial", "Os empresarios turísticos venezolanos enfróntanse a medidas de control do turismo que os levarán á bancarrota", e os medios da dereita que non teñen medo en decir que o son seguro que darían titulares do tipo "O ditador venezolano non contento con oprimir ao seu pobo ataca agora aos turistas", "Ataque do rexime chavista á libre circulación de persoas", "Intolerábel norma ditada polo ditadorzuelo venezolano", etc?

E seguro que me quedo corto neses titulares, dado que o que para defender aos EEUU moitos consideran lóxico se o fan outros estados hai que condenalo e consideralo propio de reximes totalitarios; e non me estou a referir só ás medidas relacionadas coa chamada seguridade aérea senón a outros moitos dereitos que pouco a pouco deixamos que nos quiten baixo o argumento de mellorar a seguridade fronte ao terrorismo ou a delincuencia: cámaras gravándonos na rúa e en estabelecementos públicos, múltiples arcos detectores e escáneres, etc?

Deixarei para outro día supostas colaboracións ou apoios a grupos terroristas simplemente por saír nunha foto ou nunha grabación con alguén ou coñecer a persoas que ao mesmo tempo son coñecidas ou están relacionadas con outras que aparecen nas listas de individuos e organizacións terroristas que elaboran os distintos servizos de espionaxe norteamericanos en función dos seus propios intereses e non en función de criterios obxectivos.

E por si alguén non o sabe, dado que isto non foi titular de apertura nos telexornais, o goberno español autorizou no pasado mes de xullo que axentes de fronteiras do goberno de Washington controlen a documentación de pasaxeiros no aeroporto da capital de España; segundo as argumentacións do ministro Rubalcaba están alí só para comprobar que a documentación dos viaxeiros está correcta dado que inmigrantes irregulares elixen Baraxas para tentar entrar ilegalmente nos EEUU.

 Posted by at 23:51

Sorry, the comment form is closed at this time.