Mantemos o noso compromiso

Nesta fin de semana producíronse en Galiza tres mobilizacións, unha na defensa da sanidade pública, outra polo noso idioma e a terceira en apoio ao pobo cubano, nelas o papel do nacionalismo foi fundamental convocando, divulgando e participando.

CLASES POPULARES: o venres en Pontevedra, ao igual que se veu facendo nas pasadas semanas noutros lugares de Galiza, milleiros de persoas reivindicamos unha sanidade pública e neste caso concreto rexeitamos o proxecto da Xunta de que con cartos públicos as construtoras fagan e xestionen un hospital para a zona norte da provincia de Pontevedra.

LINGUA: a Plataforma Cidadá Queremos Galego! organizou o sábado no recinto feiral de Pontevedra un concerto no que 15 dos mellores grupos musicais da nosa nación amosaron o seu bon facer e o seu compromiso coa nosa cultura diante de perto de 6000 persoas que desfrutaron das actuacións e reivindicaron o noso idioma.

ANTIIMPERIALISMO: o domingo en Compostela celebrouse unha manifestación, moito menos concorrida pero igual de combativa que os outros dous actos, en contra da farsa informativa contra Cuba e en defensa do dereito do pobo cubano a decidir sobre o seu futuro sen inxerencias.

Estes tres actos facían referencia a elementos do corpus ideolóxico do nacionalismo.

O idioma galego é un dos elementos que nos define como nación, sendo o nacionalismo consciente desde as súas orixes de que a súa promoción, utilización en todas as circunstancias e defensa cando é agredido non podían ser accesorios da nosa actuación senón elemento vertebral. E hoxe a Plataforma Cidadá Queremos Galego! distínguese entre as diversas entidades que defenden o noso idioma pola súa capacidade de unir baixo o seu nome a un grande abano de entidades que veñen amosando unha capacidade de mobilización e reivindicación que hai moitos anos non se daba na defensa do idioma. O sábado xeracións que levan anos empregando o galego como acto de militancia coherente e mocidade que se incorpora á loita pola plena súa normalización compartimos música e compromiso. Agora temos que darlles nos fuciños aos que impediron por acción ou omisión na Mesa do Parlamento Galego que poideramos presentar a ILP acadando milleiros de sinaturas; e seguro que o vindeiro mes Queremos Galego! voltaranos chamar cara o Dia das Letras Galegas.

A defensa das clases populares e por tanto a defensa da maioría social de Galiza tamén está presente desde sempre no nacionalismo; clases populares que son as máis agredidas en momentos de crise económica como o actual e sobre as que os xestores do sistema neoliberal queren cargar as consecuencias negativas da crise poñendo en marcha medidas que só servirán para aumentar os beneficios que seguen tendo a gran banca e o empresariado. A loita contra a privatización progresiva de servizos públicos como a sanidade e o rexeitamento á xa presentada contra-reforma laboral é o xeito que temos neste momento de defender ás clases populares; e aí están en primeira liña o BNG e a CIG articulando movemento reivindicativo fronte ao entreguismo do españolismo; amosando unha vez máis que é mobilizando como podemos crear a conciencia que nos permita aumentar a nosa base social entre os sectores obxectivamente comprometidos co noso programa.
E non esquezamos que o 25 de abril temos unha nova cita na defensa dos servizos públicos e o primeiro de maio o sindicalismo nacionalista chamaranos a enfrontarnos ás políticas neoliberiais dos gobernos galego e español.

Somos antiimperialistas por considerar que todo pobo ten dereito a decidir o seu futuro sen inxerencias, partindo da súa propia realidade e sen ter que adoptar modelos importados; este principio fainos solidarios con outros pobos que loitan fronte ao hexemonismo ianqui e dos seus aliados. Hoxe é de novo Cuba a atacada política e mediaticamente e nós non podemos facer deixación dos nosos principios, con todos os erros que poida ter hoxe o réxime político do que se dotou o pobo cubano que os ten, eles deben decidir o seu futuro. Cuba que significou e significa a esperanza para moitos pobos do mundo subsdesenvolvido, hoxe é infinitamente máis democrática que varios dos países do seu entorno no que está pousada a bota do veciño do norte, e aínda que o bloqueo económico que sofre desde o 1960 provoca na illa situacións moi difíciles quen lles dera a outros países do patio traseiro dos EEUU ter algunhas das vantaxes que ten o pobo cubano en medicina, cultura ou seguridade. Moitos, tamén no noso país, só se lembran das carencias que hai en Cuba e non das que hai noutros países supostamente democráticos.

O nacionalismo no último ano tivo que readaptar a súa actuación política, institucional e social á nova situación creada pola agudización da crise económica neoliberal e a actuación do goberno do PP; toda readpatación crea problemas, roces e incomprensións porque non todos somos conscientes no mesmo momento da necesidade deses cambios tácticos. Eu considero que os exemplos desta fin de semana amosan que as modificacións tácticas van na liña correcta porque non conlevan abandono dos nosos principios, pola contra reafírmannos neles.

Comments are closed.