Mai 302010
 

Darth Vader avanza cara ao Obradoiro desde a Estrela da morte que hoxe ocupa o mesmo lugar da Cidade da Cultura. Atrás del as tropas imperiais. Atravesando as rúas da cidade vai deseñando na súa cabeza a estratexia a seguir para destruír Alderaan, porque é o seu obxectivo converter o país-planeta temperado de fermosas paisaxes nunha poeirenta nebulosa de asteroides, símbolo da súa destrución final. Atrás del camiña o Conde Dooku, quen acaba de demostrar definitivamente a súa conversión. Despois de perpetrar o crime, poñendo os seus coñecementos ao servizo do Imperio, recibirá en premio o nome de Darth Tyranus e guiará as tropas androides, tan inconscientes e manipulábeis, contra a República.
Darth Vader pasará a historia como o exterminador dos que nobremente gardaron as tradicións da República e a súa identidade. O seu nome produce terror a uns e repulsión a outros. Alí onde a Alianza Rebelde se mobiliza para reclamar os dereitos que lle corresponden, preséntase Darth Vader para ocultar coas súas repulsivas artimañas a lexítima loita dos rebeldes. Todo o destrúe e manipula, sempre ao servizo de Darth Sidious, que comodamente observa desde a capital do Imperio.
Por iso camiña cara ao Obradoiro, corazón de Alderaan, será o primeiro lugar en ser destruído, derrubará todos e cada un dos edificios que o rodean, esfarelará as pedras do chan, para que non quede proba das manifestacións rebeldes. É a súa misión estender o Imperio, e nada, nada se pode interpor.
Só co derradeiro alento de vida, Darth Vader asumiu o erro cometido e, sen folgos xa, renunciou ao lado escuro. Teremos que agardar tanto?

Marta Dacosta, maio de 2010.

 Posted by at 09:08
Mai 262010
 

Hai cifras que adquiren especial significado nas nosas vidas, e a outras a memoria transpórtanos unha e outra vez, cunha insistencia  que mesmo dá medo. Cifras que son referentes supersticiosos, relixiosos, eróticos, históricos etc. Acaba de se publicar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e só ler Decreto 79 rexorden en min episodios dun tempo pasado, de hai máis de trinta anos. Non podo deixar de o asociar con aquel Decreto, chamado de Bilingüísmo, promulgado en xullo de 1979 nacido como resposta ao previsto nai Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentaban. Por sermos herdeiros daquel contexto e daquela situación,  non debemos esquecer que nos debates que se deron nas Cortes, con Antonio Rosón – despois Presidente da Xunta- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das "linguas maternas" para desde aí  aprender mellor o castelán. É o tempo, tamén, en que comeza a abandonarse o termo español e pasa a falarse de “castellano”. Aquel Decreto do 79 serviu de instrumento legal para iniciar unha persecución do elemento que debía ser legalizado, isto é, o ensino en galego. Non por casualidade o apartado 2 do artigo 3  condicionaba esta posibilidade  “a la lengua materna de la población escolar” e “ a las opciones manifestadas por los padres de los alumnos a quienes afecte”

Desde aquela, e xa van anos, nin o ferrete da lingua materna nin a espada do dereito dos pais foron tan partidista e ideoloxicamente  utilizados como alicerce da política lingüística da Administración como o foron na elaboración do Decreto que agora o DOG fai norma, mais, proba de que aquela filosofía nunca foi desbotada e se mantivo hibernada, móstrao con total evidencia a conduta da actual Administración, cun Presidente máis preocupado en intereses alleos que nos propios de Galiza.

Un proceder que leva a practicar a lexislación preventiva, xa que non de outro modo se pode entender que, despois de todas as análises e estudos que demostran a precaria situación do galego, moitas delas avaladas por quen ostenta a máxima representación en materia de Política Lingüística, se poda argumentar, como se fai na exposición de motivos do Decreto, que o Decreto 124/2007, que se derroga,  ao non establecer o número mínimo de materias impartidas en lingua castelá “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía”. Claro que si, o mesmo argumento polo que se eliminaban os xudeus: poderían chegar a contaminar a raza aria.

Agora xa temos Decreto.

Decreto 79.

Un Decreto que utiliza a sociolingüística de modo perverso, que procura xustificación na enxurrada da forza dos votos do Partido Popular (cando xa sabemos que foron menos que os da oposición) nas elección de marzo de 2009.

79.  Unha cifra para a memoria que agora nos transporta  cara o 24 de agosto do ano 79 en tres cidades itálicas. Como un novo Vesuvio este Decreto 79 ameaza o noso dereito a existir, a vivir en galego e pretende converter a nosa lingua nun parque arquelóxico no que os turistas admirarán a gloria do seu pasado.

Mais non ha de ser así xa que o volcán verdadeiro é o que desde hai un ano sae á rúa, en erupcións cada vez mais fortes. Ríos de lava que sepultarán as intencións lingüicidas de quen agora nos goberna, de quen en palabras de Novoneyra, só loitou contra o seu pobo.

 Posted by at 17:17
Mai 212010
 

Hai agora tres meses publicaba neste mesmo medio un artigo  no que falaba sobre os acontecementos que se daban naquel momento na Grecia, advertindo de que non era o do pobo grego un problema illado senón que aquel país servía como coelliño de laboratorio, e que nel estaban a experimentar medidas con idea de aplicalas a outro pobos, entre eles o noso.

Dito e feito, xa está aquí de novo a chamada socialdemocracia quitándolle as castañas do lume aos poderes financeiros e facendo que os de sempre teñamos que apertarnos o cinturón, pois dinnos que de non facelo a cousa vai ir a peor dado que a economía segue mal e o estado español está obrigado a reducir o déficit público e situalo nun 3% en 2013, por iso o goberno español quere reducir o gasto en 15000 millóns de euros entre o 2010 e o 2011.

Pero resulta que a crise non afecta a todo o mundo por igual e cando podíamos pensar que tamén o grande empresariado podería estar a pasar os seus apuros os datos amosan que seguen acumulando beneficios.
O IBEX-35, que inclúe ás 35 empresas con maior liquidez das que cotizan nas catro bolsas do estado, indica que esas empresas en conxunto gañaron nos tres primeiros meses deste ano un 31% máis que nos tres primeiros meses do 2009, pois de xaneiro a marzo de 2009 tiveron uns beneficios de 8.853,76 millóns de euros e de xaneiro a marzo do presente ano os seus beneficios ascenden a 11.598,53 millóns de euros. Só por poñer os exemplos máis avultados dicir que Endesa aumentou os seus beneficios nun 201,57% , Repsol nun 30,6%, Iberdrola nun 16,24% e o Santander nun 5,68%.

Hoxe no mundo da información semella que eses datos non son noticiábeis, por iso non os tivemos día tras día nas primeiras páxinas dos xornais como temos outros e para atopalos houbemos de meternos nas aburridas páxinas económicas; pois de ser de coñecemento público ao mellor as chamadas continuadas que fan os partidos do sistema a sermos solidarios e apertar o cinturon non terían tanta audiencia.

Na Grecia levan meses mobilizándose contra as medidas que lles queren aplicar o seu goberno, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional; na Galiza até hoxe foi o nacionalismo en solitario quen puxo enriba da mesa alternativas á crise, e en concreto a CIG xa hai máis dun ano que está chamando ás organizacións sindicais españolas que actúan no noso país a mobilizarse conxuntamente en contra da crise e por un novo modelo económico e social.

Até a semana pasada a resposta foi o silencio e agora veñen de saírnos cunha convocatoria mediática; xa veremos si o espírito reivindicativo lles chega até o 8 de xuño, e se esa data para eles é algo máis que unha escenificación. Cando menos os primeiros contactos e a negativa dos sindicatos españois a asinar co sindicalismo nacionalista unha táboa reivindicativa conxunta e un calendario amplo de mobilizacións na función pública son sinais moi pouco esperanzadoras.

 Posted by at 20:43
Mai 182010
 

Sr. Presidente da Xunta, 

Falou onte vostede, no Courel dos tesos cumes, da necesidade dun pacto pola lingua baseado en catro principios: cooficialidade entre o galego e o castelán; consideración da lingua galega como lingua propia de Galiza; acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e  aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Catro principios, Sr. Presidente, cos que seguramente concordan millares de persoas, mais a realidade é que estes catro  puntos reproducen, textualmente,  o artigo 5 do vixente Estatuto de Autonomía.

"ARTIGO 5

1.A lingua propia de Galicia é o galego.

2.Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3.Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

4.Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua."

O pacto a que se refire, Sr. Presidente, tamén xa existe e ten nome: Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, de setembro de 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento.

Que propón, daquela, de novo o Sr. Presidente en día tan sinalado, cando nas súas propias barbas a Academia lle reclama unha rectificación na súa política lingüística e no Obradoiro millares e millares de persoas lle recordamos que foi o PP quen rompeu ese pacto por unha presa de votos e que algúns dos seus conselleiros colaboraron activamente coas súas declaracións a crear centos de falsías en torno á lingua?

Habemos de crer na palabra dun Presidente que mantén como responsábel de política lingüística unha persoa que se gaba de non ter ouvido as críticas ao proxecto de decreto?

E que dicir das palabras do Sr. Rueda, un día antes de vostede  nos convidar a un pacto, cando afirma que os que nos manifestamos só saímos "ás rúas para criticar a política lingüística do equilibrio e da liberdade e para clamar por unha ditadura que se baseaba en que os políticos decidisen en que lingua se tiñan que expresar os cidadáns"  O Sr. Rueda, que acode ás manifestacións de Galicia Bilingüe, fálanos de equilibrio e liberdade!!!

Oh tempora, oh mores! Ou o que dicía unha veciña miña, que non sabía ler nin sabía latín mais  amaba o galego: Tempo andando, cousas vendo.
Habemos de o crer, Sr. Presidente, cando nos dea algunha mostra de credibilidade, pois aquí sómoslle moitos os que cremos despois de meter o dedo na chaga e despois de tanta mentira pareceralle razoablemente humano que non o creamos: retire o decreto, cese o Conselleiro de Educación e con el o Secretario Xeral de Política Lingüística, lea, cada día, unhas páxinas do Plan Xeral  de Normalización e baixe da burra, pois non o vexo como un imitador de  Saulo, caendo do cabalo, e xa que o Secretario Xeral de Política Lingüística non ouve nada, polo menos abra vostede os ollos á realidade e abandone a ficción da imposición, que os premios de Cannes, deste ano, xa están dados.

 Posted by at 00:00
Mai 122010
 

Había unha vez un país e nese país había eleccións. Tamén había campaña electoral e candidatos e candidatas. E contan as vellas crónicas que, nunha ocasión, estando un candidato abrindo o fardel das promesas durante un mitin, en plena euforia discursiva,  anunciou a construción dunha ponte para unir as dúas marxes do caudaloso  río que atravesaba a cidade. E o público asistente, afervoado, aplaudía e prometía un apoio sen equivalente no proceso electoral que se aveciñaba. Advertido o candidato polos seus asesores de que a cidade non tiña río e que a auga era transvasada doutras paraxes e era máis ben escasa, parece ser que respondeu cun rotundo:
-Non importa, traeremos tamén o río.
Algo parecido lle aconteceu ao Sr. Feijoo na campaña electoral de 2009 e nos días previos en que, alá lonxe,  nunha terra sen ríos que cruzar, se xestou a idea da carencia de liberdade lingüística: prometeu construír unha ponte e os cidadáns terían liberdade de a cruzar ou non, e máis faría, construiría varias pontes e poderían elixir por cal delas cruzar o río do conflito resultante do que el chamaba “imposición” do galego e a perda de espazos do español.
Cando desde todos os sectores sociais se lle advertiu que o galego continuaba perdendo espazos, que o sistema educativo estaba aínda moi lonxe de garantir a plena igualdade de usos e de competencias, que non existía tal imposición nin tal conflito, parece ser que respondeu cun rotundo:
–    Non importa, criaremos o conflito.
E para iso contrataron os mellores especialistas. Foi así como se iniciou o proceso de substitución do Decreto 124/2007, un texto con apenas un ano de vixencia e que contara con todos os avais políticos, sociais e mesmo xurídicos para a súa elaboración e posta en marcha, alegando que ese texto era un foco de conflitos no ensino, un foco que cumpría erradicar, controlar. Abórdase a elaboración dun novo texto que, en toda a súa tramitación, non contou co informe favorábel de ningún grupo nin entidade representativa da cultura galega e parece que, polo que se filtrou, tampouco contará co informe favorable do Consello Consultivo que, lembremos, foi o grande argumento do PP para xustificar a derrogación do Decreto 124/2007.
 Mais resulta que Galiza ten ríos, e os ríos teñen pontes e os galegos e galegas cruzamos pontes e pontellas cando queremos e cando non cruzamos o río a pé, ou choutando dunha a outra beira. Por iso resulta difícil de comprender o empeño do  Goberno do Sr. Feijoo en seguir adiante e en gobernar sen escoitar a opinión da sociedade por máis que o Secretario Xeral de Política lingüística teime nas bondades dun texto rexeitado pola totalidade do sector educativo e mentres os galegos e as galegas seguimos a nos organizar para resistir as agresións dun Goberno teimoso en desmontar todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade  e a construírmos todas as pontes necesarias para cruzarmos ese río de autoodio que erosiona desde hai tanto a nosa pel, o río dos que nos queren deixar sen nome, sen soños, sen futuro.
O 17 de maio acudiremos a un OBRADOIRO de pontes. Millares de pontes para millares de ríos que reflectirán unha única idea: queremos galego, queremos Galiza.

 Posted by at 17:00
Mai 112010
 

Había unha ameixeira ao pé da casa
en que eu sen saber, souben da lingua
aquela que tiñamos agachada
aínda que sempre alí, ao pé da casa.
(Setembro, 1998)

Cando era pequena pensaba que as ameixas e as "ciruelas" eran cousas distintas. O certo é que as ameixas soamente as había na miña casa, verdes por fóra e marelas por dentro, con aquela pel que cegaba os dentes e a carne brandiña e doce. Porén, as "ciruelas" adoitaban ser brancas, e soamente as vira na tenda. Pode parecer unha anécdota un pouco parva, mais a min resúltame triste e volvo a ela porque é o resumo da realidade do Vigo dos anos setenta: a cidade cada vez máis distante da súa identidade.

Nas rúas urbanas da cidade en que nacín, fun descubrindo aos poucos unha lingua agachada. Era a lingua das donas do supermercado que falaban entre si cando a clientela non estaba presente. Era a lingua das peixeiras da Ribeira. Era a lingua dos meus avós, a que usaban entre eles, a que nunca lle falaron ás súas fillas, e que só lle falaron á súa neta máis vella cando tomou a decisión máis importante da súa vida.

A lingua en que falaba a ameixeira da miña casa non estaba na escola. Apareceu timidamente no curso 80-81 nas aulas do instituto. Con grandes dificultades conseguimos ter unha profesora de galego aquel ano, pois o profe que nos correspondía, Freixanes, accidentárase e tivo que ser substituído, mais a substituta non daba chegado. Así que, mentres, Xosé Manuel Rodríguez deunos clase a dúas aulas xuntas, con aquel libro branco cun enorme título: LINGUA. Eramos moitas e moitos na aula e o profe facía o que podía, eu só lembro o moito que gozaba naquelas primeiras aulas de galego, primeiro con Xosé Manuel e logo con Loli. Máis tarde foron Anxos ou Mercedes.  

O certo é que en Vigo, en varios centros educativos, por exemplo no mesmo instituto en que eu comezaba ver o mundo, había varias profesoras e profesores que daban as súas aulas en galego desde había tempo. Así que, moitas mozas e mozos estudaron as matemáticas en galego daquela, e ben que lles aproveitou.

Non podo explicar por que a nena que pensaba que as "ciruelas" e as ameixas eran cousas distintas, a que nunca falara en galego, sentía tal inclinación por esta lingua. Tampouco de onde me saía a forza para defender en solitario que as aulas no instituto debían, ou podían, ser en galego. E non cansaba porque, aínda que aquelas alumnas e alumnos de 3º de BUP do IES Santo Tomé de Freixeiro no curso 1982-83 non o entenderan, estabamos falando da nosa lingua. Da nosa propia lingua. Como moitos outros e outras fixeron tamén naquela mesma altura.

É a miña historia de amor. A que hoxe me fai erguer a voz, premer o teclado, saír da casa, pensar e pensar e pensar… porque non quero que un día as posíbeis netas que non sei se terei crean que no noso país non se dan as "ciruelas" ou non sexan quen de entender que significa que un lugar se chame Ameixeiras.

E non aceptarei que, despois de anos de ocultarme a lingua, tentando educarme nunha realidade que non era a miña, despois de anos de negarme o que son realmente, tentando que me sentise culpábel polas miñas ideas e os meus feitos, hoxe veña ninguén a dicirme que impoño nada ou que acabei con paz ningunha. Levo anos sendo responsábel, responsábel de manter viva a miña identidade e de lla transmitir aos meus. Porque esta lingua é miña, tan miña como de todos e todas as que con fachenda e amor saen cada día á rúa dándolle vida, poñéndoa no lugar que lle corresponde, levándoa do Caurel a Compostela ou de Ortegal ao Miño. Ou como no Correlingua de Santiago a Vigo, pasando por A Coruña, Ferrol, Ribadeo, Lugo, Monforte, Ourense, Verín, Tomiño, Pontevedra, Vilagarcía, a Estrada e Rianxo.

Para volver de novo o 17 a Compostela, ao Obradoiro, onde fagamos resoar de novo toda a forza do noso amor, o noso existir. 

 Posted by at 00:00
Mai 072010
 

Desde a presentación das bases para o "Pacto social e político de Educación" até o texto definitivo que nos presentou o ministro de Educación, o día 22 de abril, a CIG percibiu que estabamos ante unha proposta que, dificilmente, poderiamos asumir porque diverxía do obxectivo de reforzar o ensino público, de descentralizar o sistema educativo, de dotalo de financiamento suficiente e de apreciar o traballo docente. Todas elas cuestións imprescindíbeis para prever e reducir  o fracaso escolar, ampliar a escolaridade, favorecer a cohesión social e garantir a máxima calidade educativa posíbel a toda a cidadanía. Mais isto non foi óbice para achegarmos, nas diferentes reunións, as nosas valoracións e propostas que se concretizaron, ao final, en  oitenta e catro emendas que, de ser consideradas, estariamos ante un texto totalmente antagónico ao proposto.

O Pacto foi concibido e desenvolto co fin de sumar o apoio do Partido Popular, renunciando así a calquera acordo fundamentado noutros postulados ideolóxicos e educativos tendentes a desmercantilizar a educación, reducir os concertos educativos e asumir o estado plurinacional e plurilingüístico. Así se explica que todo o coro de entidades ultraespañolistas do ámbito do ensino, afíns ideoloxicamente ao PP, defensoras de modelos educativos ultraliberais, non escamotearan eloxios ao Ministro polo seu empeño e polo resultado final do contido do Pacto. Ao final, estamos ante un pacto que o PP non asinará, por pura táctica electoral e política, e que, porén, plasma as súas propostas e o seu modelo educativo.

Os grandes beneficiados son, sen lugar a dúbidas, a patronal do ensino concertado coa creación da Mesa Sectorial do ensino concertado, da que formaran parte, que se transformará no marco adecuado para coaccionar, condicionar e  ampliar a privatización. O pacto comprométese a ampliar as contías dos módulos dos concertos educativos e dotar os centros concertados dos mesmos recursos e profesorado que teñen os  públicos. Por primeira vez, outórgaselle ao ensino privado concertado o mesmo estatus que ao público, socavando a potestade de ordenación do sistema educativo ás administracións educativas, favorecendo, aínda máis, a "liberdade de elección de centros" para unha maior mercantilización e control ideolóxico. Garánteselle unha maior autonomía para conformar proxectos educativos que, moitas veces, nin sequera observan os dereitos máis elementais. Todo isto financiado, na súa totalidade, co erario público para que os centros concertados continúen segregando o alumnado por razón de sexo, aproben idearios de centros retrógrados, carezan da mínima transparencia e funcionamento democrático e os titulares seleccionen o profesorado sen ningún tipo de proceso nin control público.

Sempre que se promove unha nova lei ou acordo estatal, procúrase minar o xa reducido teito competencial para afianzar máis aínda o centralismo, co fin de impedir que se ordene o sistema educativo galego en función da nosa realidade nacional, social, cultural e lingüística para conseguir os mellores resultados educativos e académicos posíbeis. Estamos ante unha proposta de acordo que uniformiza a política educativa para todo o Estado, participa da falacia do perigo que corre o español nas nacións e territorios que temos lingua propia, impide a nosa normalización lingüística, invade competencias educativas que estamos exercendo e pretende centralizar, aínda máis, as relacións laborais, reducindo o marco galego de negociación.

Supostamente, a razón fundamental deste pacto era reducir a ampla taxa de fracaso escolar e de abandono prematuro do sistema educativo, moi superior á media do países da UE. A única medida, moi controvertida, para atallar, mais non solucionar, o fracaso escolar é a elección ao remate de 3º da ESO do itinerario que conduce ao Bacharelato ou á Formación Profesional. Onde están as medidas indiscutíbeis para reducir o fracaso escolar, mellorar a convivencia nos centros, atender a diversidade e progresar na calidade do ensino? Algunhas medidas, sendo imprescindíbeis, no aparecen recollidas: redución do número de alumnado por aula, desdobres, incorporación de educadores/as e mediadores/as sociais, reforzo da orientación escolar e ampliación dos cadros de persoal dos centros.

Mais unha vez, estamos ante un acordo sen financiamento. O único previsto, de incerto cumprimento, é o anuncio do Ministro dunha achega que suporía, aproximadamente, un gasto de 100 euros anuais por alumno/a. Hoxe, é inaceptábel, despois da carencias acumuladas de moitos anos, un acordo que non comporte o financiamento suficiente e o compromiso de adxudicar á educación o 7% do PIB.

Non deixa de ser unha farsa que as autoridades educativas repitan acotío a necesidade de promover un maior recoñecemento social da función docente, mais, á hora de verdade, no pacto non se estabelecen propostas que teñan en conta que hoxe son maiores os cometidos, a carga de traballo, dedicación e formación á que o profesorado ten que facer fronte. Cada vez máis, movémonos nun contorno menos estimulante, temos que enfrontarnos a unha sociedade máis complexa e realizar funcións que non nos son propias ou para as que non estamos debidamente formados. Faltan compromisos e propostas para unha maior preparación e formación no desenvolvemento psicolóxico do alumnado, na situación sociolingüística, nos cambios e diferentes enfoques tecnolóxicos e didácticos, nos comportamentos sociais e na conflitividade escolar. A falta de aprecio polo traballo docente e a súa real consideración amósase, claramente, por exemplo, en non admitir que o profesorado consolide o dereito indefinido a xubilarse anticipadamente, que vén gozando desde hai 20 anos, cuestión moi sentida polos docentes e que nin sequera se asegura a súa prórroga neste Pacto.

En definitiva, a CIG-Ensino non dará apoio a este pacto educativo (a data límite finalizaba hoxe, día seis de maio) porque non respecta a nosa realidade nacional e cultural, non responde ás necesidades educativas, non se sustenta na laicidade e non se asenta no fortalecemento inequívoco do ensino público. A nosa sinatura non formará parte dun pacto social e político que non beneficia nin a educación galega nin o seu profesorado

 Posted by at 16:50
Mai 032010
 

"Hai que"  é unha expresión que se repite demasiado a miúdo en conversas e xuntanzas nos últimos tempos en determinados ámbitos de Galiza.

Cando iniciamos a resposta á política lingüistica do goberno do PP había persoas que decían  "hai que facer algo máis que manifestacións", "hai que abrirse á sociedade", "hai que mobilizar a algo máis que á militancia nacionalista"  e outros "hai que" semellantes.  Pasaron a manifestación do 18 de outubro, a folga xeral no ensino do 21 de xaneiro e o concertazo de Pontevedra que amosaron a nosa capacidade para liderar un masivo movemento de reivindicación do noso idioma que vai moito máis alá do nacionalismo, pero sigo atopándome cos mesmos que repiten "hai que facer outras cousas", "hai que ter un espírito unitario", hai que contar con todo o mundo".

O nacionalismo está a crear  conciencia na sociedade galega descubrindo os verdadeiros responsábeis da crise económica que non son nin a clase traballadora nin os pequenos e medianos empresarios que están a sofrer as súas consecuencias; e o labor de crear conciencia facémolo como fixemos sempre, falando co pobo e explicando as políticas alternativas; pero seguimos tendo nalgunhas xuntanzas as mesmas ladaíñas "hai que falar de temas que lle importen á xente", "hai que ser menos radicais", "hai que facer outro tipo de actos para que atraian a máis xente".

Diante da desfeita urbanística na que quere aprofundar o PP co POL e con outras medidas somos nós os únicos que estamos a enfrontarnos aos seus proxectos, pero aínda así hai quen di "hai que ser máis contundente no ataque ao PP".

Hoxe participei na manifestacion do primeiro de maio convocada pola CIG en Pontevedra, alí estaban moitos membros do sindicato, delegados e delegadas, afiliados e e afiliadas e outros traballadores que están coa CIG. Estaban as compañeiras das factorías de Alfageme no Salnés, a xente de Treves, extraballadores de Cedonosa, traballadoras e traballadores da sanidade amosando o seu rexeitamento ao hospital privado, profesorado defendendo os servizos públicos, o alcalde de Pontevedra, o portavoz nacional do BNG; e tamén outras moitas persoas e colectivos afectados pola crise que amosaban na rúa o seu rexeitamento ás medidas que queren aplicar o PSOE e o PP, e denunciaban a actuación cómplice do sindicalismo estatal.

Na marcha fun falando con compañeiros e compañeiras, algúns deles parados, outros con EREs en empresas que cando daban beneficios nunca os repartiron, e outros,  os menos, cun emprego estábel.

Ao rematar a marcha e mentres ía cara ao coche reparei en que non vin a ningún, e digo ningún porque até agora apenas coñezo mulleres que estean sempre co "hai que" na boca. Nese momento pensei que ao mellor ían noutra parte de manifestación, pero decateime de que non foi así, pois de estaren faríanse notar coma sempre fan cando están nalgures.
Non, os "hai que" tampouco desta vez estaban coa xente, posto que ir a unha manifestación de traballadores e traballadoras non é o que eles consideran o mellor xeito de pasar un sábado festivo.

Seguro que na vindeira ocasión terán un "hai que buscar outro xeito de manifestarse", un "hai que explicar porque foi tan pouca xente á manifestación" ou un  "hai que facer as cousas mellor"

Son o primeiro en recoñecer  que debemos mellorar o noso xeito de traballar e precisamos unha maior introdución social, tamén estou dacordo en que cometemos moitos erros na nosa actuación; pero co paso do tempo reafírmome cada vez máis en que a distancia entre o colectivo dos "hai que" e o colectivo dos "imos facer" é a mesma distancia que hai entre aqueles que teñen un compromiso real co país e os que só teñen un compromiso co seu ego.

 Posted by at 23:54