OBRADOIRO de pontes

Había unha vez un país e nese país había eleccións. Tamén había campaña electoral e candidatos e candidatas. E contan as vellas crónicas que, nunha ocasión, estando un candidato abrindo o fardel das promesas durante un mitin, en plena euforia discursiva,  anunciou a construción dunha ponte para unir as dúas marxes do caudaloso  río que atravesaba a cidade. E o público asistente, afervoado, aplaudía e prometía un apoio sen equivalente no proceso electoral que se aveciñaba. Advertido o candidato polos seus asesores de que a cidade non tiña río e que a auga era transvasada doutras paraxes e era máis ben escasa, parece ser que respondeu cun rotundo:
-Non importa, traeremos tamén o río.
Algo parecido lle aconteceu ao Sr. Feijoo na campaña electoral de 2009 e nos días previos en que, alá lonxe,  nunha terra sen ríos que cruzar, se xestou a idea da carencia de liberdade lingüística: prometeu construír unha ponte e os cidadáns terían liberdade de a cruzar ou non, e máis faría, construiría varias pontes e poderían elixir por cal delas cruzar o río do conflito resultante do que el chamaba “imposición” do galego e a perda de espazos do español.
Cando desde todos os sectores sociais se lle advertiu que o galego continuaba perdendo espazos, que o sistema educativo estaba aínda moi lonxe de garantir a plena igualdade de usos e de competencias, que non existía tal imposición nin tal conflito, parece ser que respondeu cun rotundo:
–    Non importa, criaremos o conflito.
E para iso contrataron os mellores especialistas. Foi así como se iniciou o proceso de substitución do Decreto 124/2007, un texto con apenas un ano de vixencia e que contara con todos os avais políticos, sociais e mesmo xurídicos para a súa elaboración e posta en marcha, alegando que ese texto era un foco de conflitos no ensino, un foco que cumpría erradicar, controlar. Abórdase a elaboración dun novo texto que, en toda a súa tramitación, non contou co informe favorábel de ningún grupo nin entidade representativa da cultura galega e parece que, polo que se filtrou, tampouco contará co informe favorable do Consello Consultivo que, lembremos, foi o grande argumento do PP para xustificar a derrogación do Decreto 124/2007.
 Mais resulta que Galiza ten ríos, e os ríos teñen pontes e os galegos e galegas cruzamos pontes e pontellas cando queremos e cando non cruzamos o río a pé, ou choutando dunha a outra beira. Por iso resulta difícil de comprender o empeño do  Goberno do Sr. Feijoo en seguir adiante e en gobernar sen escoitar a opinión da sociedade por máis que o Secretario Xeral de Política lingüística teime nas bondades dun texto rexeitado pola totalidade do sector educativo e mentres os galegos e as galegas seguimos a nos organizar para resistir as agresións dun Goberno teimoso en desmontar todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade  e a construírmos todas as pontes necesarias para cruzarmos ese río de autoodio que erosiona desde hai tanto a nosa pel, o río dos que nos queren deixar sen nome, sen soños, sen futuro.
O 17 de maio acudiremos a un OBRADOIRO de pontes. Millares de pontes para millares de ríos que reflectirán unha única idea: queremos galego, queremos Galiza.

Comments are closed.