Xul 262010
 

Esta páxina do Consello da Cultura Galega  é un centro de documentación dixital para divulgar e investigar as contribucións das mulleres á sociedade e cultura galegas. Ligazón

 Posted by at 00:00
Xul 152010
 

A sociedade é dinámica e está cambiando a cotío. Novas dúbidas que en tempos pasados existían en menor medida son na actualidade os problemas candentes que nos xorden á hora de educar os nosos fillos e filla. As novas estruturas familiares, o consumo de drogas, o tratamento que debemos darlle á aparición da sexualidade dos nosos nenos e nenas son temas que interesan e preocupan ás familias de xeito particular e á sociedade en xeral. E por suposto tamén temas como a educación en igualdade.

Mais esta preocupación xeral non impide que existan sectores da sociedade que se senten garantes dun sistema de valores que hoxe non son os maioritarios e que procuran, a través de institucións por eses mesmos sectores controladas, xa sexan educativas, relixiosas, económicas ou informativas, prolongar no tempo e estender socialmente un sistema de valores impropio da sociedade actual.

Naturalmente, os órganos de poder non son alleos a esta circunstancia e os Gobernos amparan este tipo de actuacións, case sempre en nome da liberdade de opción/elección de pais e nais, permitindo que prevalezan os dereitos de pais e nais sobre o dereito dos fillos e fillas a recibir unha educación que os forme como persoas capaces de poderen decidir, con coñecemento e fundamento, as opcións que no futuro mellor os capaciten como persoas.

Veñen estes comentarios a propósito dun vídeo que circula estes días por Internet e que nos mostra unha festa fin de curso do alumnado do 2º Ciclo de Educación infantil do Colexio Maristas de Sanlúcar la Mayor.

Podemos ver a patética escenificación do verdadeiro adoutrinamento, practicado de maneira máis brutal do que na etapa franquista, por canto o franquismo non se preocupaba aínda dos nenos e nenas destas idades, alonxados do sistema escolar e catequizador, e vémolo con todos os aditamentos, mesmo a división sexual de roles sociais: as nenas enfermeiras (ou damas auxiliares, na nomenclatura da época) e os nenos aguerridos militares dispostos a defender o propio honor en singular batalla, indo máis alá da realidade,ou é que non hai mulleres no exército e homes nos servizos de enfermería?

Os que traballamos no ensino sabemos que as festas fin de curso non se improvisan, que supoñen ensaio e planificación e que, en certa maneira, pretenden exteriorizar parte do traballo desenvolto nas aulas ao longo do curso. E cando se presenta publicamente, perante pais e nais, quere dicir que o centro educativo responde e se fai responsábel dos contidos e idearios que se transmiten.

Por iso causa pesar, por non dicir asco, comprobar como certos centros educativos e certos grupos de poder aproveitan o sistema educativo para adoutrinar e non para educar; por iso resulta decepcionante comprobar como pais e nais aproban cos seus risos de fondo a escenificación do machismo, do militarismo, da intolerancia.

En fin, de todos os valores que unha sociedade democrática non debe permitir por atentar contra a dignidade humana e por fomentar a exclusión social.

 Posted by at 13:52
Xul 082010
 

Agrega é un proxecto que  pretende xuntar os esforzos de xeración e aplicación de contidos dixitais curriculares en liña que veñen desenvolvendo as Administracións públicas e o sector privado, e sentar as bases para potenciar a participación de ambos os dous sectores na xeneralización do emprego destes contidos nas aulas. 

Ligazón con agrega

 Posted by at 00:00
Xul 052010
 

Baixo o título O Clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, a editorial Sotelo Blanco publica este traballo de María Pilar García Negro que propón a consideración de Rosalía como inauguradora do ensaio, como xénero literario, na literatura  galega contemporánea. O libro foi, ademais, Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A autora analiza os prólogos de Cantares Gallegos e de Follas Novas, demostrando o seu carácter de obras que van moito para alén dos prólogos ao uso.

 Posted by at 00:00
Xul 012010
 

Ao longo da anterior semana estiven atenta aos comentarios que suscitaba a aprobación da Lei para as Mulleres Xestantes promovida por grupos antiabortistas. Aínda que non me causou sorpresa, si que sentín certo desencanto cando todo o debate público se quedaba na superficialidade da demagoxia, isto é, algo así como vida si ou vida non. Acaso existe alguén que non estea a favor da vida? Ese é o terreo de xogo e as regras que marcan os grupos ultradereitistas sobre o aborto e a familia mais coido que un tema tan complexo e tan enraizado nas nosas crenzas, expectativas e anceios vitais deberiamos ser quen de poñelo fóra desa lóxica infantil e bivalente dos bos e os malos.

En primeiro lugar, cómpre lembrar que foi o incremento lexislativo en materia de igualdade o que mellorou os dereitos e as axudas para as mulleres xestantes e as nais, e que tamén creou e desenvolveu redes de apoio e información para as mulleres. Incentivar unha rede paralela privada só para as mulleres embarazadas non trae outra cousa que non sexa financiamento a esa propia rede. A normativa para ese apoio existe e é a administración quen ten a obriga de desenvolver servizos que permitan o apoio efectivo. E só un exemplo a este respecto, pódese elixir redactar unha lei para enxalzar a maternidade ou abrir prazas públicas de gardería. O primeiro ten unha finalidade de propaganda e de voltar as mulleres ao seu rol tradicional. O segundo é desenvolver un dereito que beneficia a toda a sociedade, mais fundamentalmente as mulleres. Ese foi o compromiso do anterior goberno creando unha rede de escolas infantís. Pode que menos ideoloxizante mais sen dúbida máis práctico para as mulleres que necesitan este espazo de conciliación.

O  mesmo poderiamos dicir sobre as declaracións desta fin de semana a respecto da próxima Lei de Familia. A propia conselleira Beatriz Mato vencellou a lei xa aprobada das mulleres embarazadas, o modelo que supoñen as familias numerosas, a próxima Lei de Familias e o suicidio demográfico de Galiza. Semella que voltamos ao discurso de culpar as mulleres dos cambios demográficos dunha sociedade que ten un dos seus deberes sen facer, isto é, crear unha rede pública de servizos. As sociedades onde se apostou por estes e por incrementar as medidas de igualdade entre mulleres e homes mudaron a súa curva demográfica.

A crise económica tamén está mudando o sistema de valores desta sociedade. O racismo e a xenofobia medra de forma alarmante, o discurso da familia como piar fundamental volve impoñerse desde as institucións, ao tempo que medra a desconfianza sobre estas… Falar en termos de suicidio demográfico e, de seguido, eliminar comedores e escolas no rural galego non é un acto azaroso. É parte dun proceso que vivimos en Galiza e que revertelo require que non miremos para outro lado.

Este artigo tamén se publicou n’ A Nosa Terra

 Posted by at 09:09