Nov 282010
 

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo – é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang,  sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

 E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar  co significado da cultura agrícola,  mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza  maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que  Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

 

 

Xoán Costa

 Posted by at 21:55
Nov 252010
 

Segundo leo, e escoito, en moitos medios de comunicación, -os mesmos que animan o capital a devorar as conquistas sociais- Europa afúndese no pesimismo. Exemplifican estas teses coas protestas no Reino Unido, coa folga xeral en Portugal, con Irlanda obrigada -din- a baixar a cabeza para anunciar redución do gasto e o que foi milagre económico, sustentado en boa parte nos fondos recibidos e na facilidade para a instalación de grandes empresas (tamén podemos lembrar o que dixera Don Manuel Fraga: o milagre económico irlandés xustifícase polo feito de teren o inglés como lingua). Todo iso torna agora en despedimentos, subidas de impostos e reducións sociais (iso si, os máis ricos nin tocalos, que por algo son os rescatadores que hai que rescatar).

No mesmo sentido irían os paros en Grecia, ou en Roma, onde o Papa para aliviar a crise non considera pecado ir de burdel en burdel provistos de preservativo, que é unha maneira de santificar a prostitución.

Está Europa deprimida?

Non. Europa, xentes e nacións, está farta de especuladores e sobre todo está viva. Por iso os cidadáns se levantan contra os raptores, contra os secuestradores que se rescatan a si mesmos co diñeiro, o esforzo e o traballo de todos e todas, incluídos por suposto os galegos e galegas que sufriron unha reconversión naval ou agrícola para que quen agora solicita axuda (a banca fundamentalmente) puidese enriquecerse máis.

Igual que na mitoloxía grega Zeus, deus supremo rapta e viola a Europa despois de se disfrazar de manso touro branco, tamén agora o deus supremo do capital, encarnado non en touro senón en forma de grandes bancos, corporacións financeiras e outras mutacións, rapta os gobernos, e con eles os cidadáns, e viola as conquistas sociais-educación e sanidade en primeiro lugar-logradas no derradeiro século.

Non é logo un rescate de nada, é un simple rapto.

Zeus violaba doncelas e, como deus supremo non tiña que responder dos seus actos perante ninguén, como moito sufrir o divino enfado de Hera.

Tamén van quedar impunes os modernos violadores de Europa restándonos só aos cidadáns e cidadás o humano enfado?

 Posted by at 21:35