Nov 282010
 

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo – é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang,  sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

 E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar  co significado da cultura agrícola,  mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza  maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que  Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

 

 

Xoán Costa

 Posted by at 21:55

Sorry, the comment form is closed at this time.