Xan 182011
 

Un artigo de Marta Dacosta

Todos os informativos da Radio e da Televisión galegas abren falando da Cidade da Cultura. Unha e outra vez insisten na grandiosidade dos edificios e, sobre todo, na unanimidade dos visitantes que declaran sentirse impresionados ante o espectáculo arquitectónico. Incúlcannos que os centos de visitantes que a obra tivo nos seus escasos días de apertura ao público se mostraron marabillados e desde o momento en que a entrada foi libre a xente correu outeiro arriba para comprobar polos seus ollos a importancia da obra. Nas imaxes da televisión só conseguimos albiscar enormes paredes brancas e os andeis do arquivo. Mais despois de oír as reiteradas mensaxes imaxinamos milleiros de homes e mulleres embelecados e risoños ante a nova “catedral”. Impresionante.
O día 11 do mes 1 do ano 11 do segundo milenio da nosa era inaugurouse unha cidade sobre un outeiro e para iso foron convocados os representantes da coroa española, facendo coincidir o acto co 800º aniversario da consagración da catedral. Nada quedou ao azar e a data e os encargados da inauguración envían a mensaxe certa: monarquía, catolicismo. O home que deseñou a cidade fachendea de que o produto final superase a obra que el imaxinara e asegúralle ao ex ministro de Franco que verán rematado o seu soño. Impresionante.
O certo é que estamos ante un alarde de propaganda, outra vez. A presenza dos príncipes españois e do arquitecto norteamericano trasladan unha imaxe positiva dun proxecto que recibiu duras e constantes críticas. Hai esa mensaxe subliminar perenne de que a obra é magnífica e os que critican non saben do que falan e son os de sempre… agora vai parecer que a obra era necesaria, porque acabado o Xacobeo, esta mole de formigón vai ser o destino das novas peregrinacións que o presidente anuncia. Impresionante.
Algún día camiñarei até os impresionantes edificios do outeiro, para comprobar por min mesma se a alma do meu pobo cabe entre as súas paredes, se aqueles que visiten a obra arquitectónica sairán cara a Compostela sabendo un pouco máis do que significamos, de quen somos os galegos e cales son as nosas obras, cales foron os homes e as mulleres que abriron as nosas mentes e puxeron a Galiza no mesmo centro do universo, se sobre o seu chan pode estar o obradoiro da nosa creatividade incansábel. Sentirei que nesa dimensión esta cidade é impresionante e é miña?

 Posted by at 20:14