Feb 142011
 

Un artigo de Marta Dacosta

 

Desde o século XX ollabamos cara ao século que andamos imaxinando unha modernidade que seguía os deseños dunha película de Woody Allen. Ás veces había un certo tufo apocalíptico e o certo é que o cambio climático que hoxe invocamos a cada nova treboada ou sol intenso acompaña estes anos difíciles e escuros que avanzan cara á negrume absoluta.

“Un golpe de calor para os incendios e a desesperación do nacionalismo panhispánico para os atentados” eran as conclusións que, na novela de Antón Lopo, se empregaban, entre outras, para explicar a independencia e creación da República de Compostela. O deterioro do clima e a natureza xunto cos ataques á lingua converxían nos albores dun cambio político que levaba Galiza á independencia e o galego a lingua única, despois da extinción do español. Agradábel ciencia fición afastada un século máis, imposíbel para a nosa vida.

O certo é que o século XXI anda entre arroiadas sen límite e tremores de terra, a golpe de normas contra a lingua e de recortes económicos que primeiro pechan medios de comunicación e despois afogan compañías de teatro, case impiden a realización de congresos, reducen á mínima expresión a creatividade da mocidade, tan dada noutro tempo á contestación máis radical, etc., etc., etc. Poderiamos estender a nosa listaxe, porque unha tesoira de dimensións ciclópeas recorta cada día outro lugar de refuxio para a nosa existencia. E no rexeitamento que nos producen volvemos á novela e máis alá da ciencia fición, preguntámonos: serán estas as primeiras causas para unha transformación que nos leve á emancipación tan agardada?

Onte volvín á Alba de Gloria. E como tantas outras veces non puiden evitar emocionarme ao repasar as palabras de Castelao. Fala alí da Santa Compaña dos inmortais galegos, e ao ler os seus nomes ía sumando á memoria colectiva as horas de entrega e sufrimento, aldraxes, incomprensión, mais tamén o optimismo e o alento que os impulsou e desexei que este “substractum insobornábel da patria galega” saíse esta mesma noite cara ás rúas vellas de Compostela, que andase a súa pedra e o cemento, que rodease os edificios en que conspiran contra a súa memoria e coa súa presenza lles fixese comprender aos que se negan a si mesmos cal é o tamaño da súa destrución.

O inverno vai rematando, mais aínda poden vir nevaradas intensas para o idioma, bategadas veloces contra a liberdade, ondas xigantescas contra a tecido cultural que co esforzo de tantos viñemos construíndo. E logo virá o verán e con el, se cadra, a secura e o lume.

E aínda así, non pode haber lugar para a resignación, porque cada inclemencia deste tempo presente, ha de ser carraxe de futuro

 Posted by at 13:16

Sorry, the comment form is closed at this time.