A Consellaría de Educación está a pór en marcha o proxecto Abalar, unha iniciativa que, entre outros obxectivos , pretende ” maximizar o aproveitamento dos recursos” e acadar “o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais”
Da improvisación con que se está a levar a implantación deste proxecto xa se ten falado moito, así como da falta de perspectivas didácticas e pedagóxicas que o orientan e que ceden o seu espazo ao equipamento en infraestruturas, moito máis rendíbel.
Esta carencia de perspectivas mesmo se fixo máis evidente estes días, cando, nun momento en que se aduce a necesidade de aforro como unha xustificación para recortar prestacións do sistema, se entregan sen problema, millóns de euros a multinacionais do software para traducir
os interfaces dos seus programas a galego tendo, como temos, software coas mesmas prestacións libre e en galego ou, cousa aínda máis chamativa, nen siquera se traducen os ODE (obxectos dixitais educativos) que figuran no espazo Abalar. Sabe a Consellaría de Educación da existencia en Extremadura ou en Castilla-La Mancha de ferramentas como Cuadernia ou Constructor, postas a disposición de toda a comunidade educativa para a creación e difusión de materiais educativos dixitais?
A abundancia de recursos dixitais en galego non é moita e en todo o caso non é suficiente para desenvolver os contidos curriculares que os centros educativos han de levar a cabo.
Flocos.tv, viña ocupando para moitos e moitas docentes un espazo único para a presentación ao alumnado de contidos educativos, creativos ou documentais, que agora fica baleiro. E fica baleiro non por falta de usuarios ou por ofrecer recursos inadecuados.
Mais ben fica baleiro por esa constante e ben planificada actitude da Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellaría de Cultura, de fechar todos os espazos posíbeis para que a nosa lingua e a nosa cultura, xa non digo que medren senón, simplemente, para que non se asfixien.
Abalar. Haberá que abalar as conciencias dos nosos gobernantes até conseguir que Flocos.tv
poda estar de novo presente nas aulas porque os nosos alumnos e as nosas alumnas teñen dereito a coñecer, e a valorar, materiais de valor
educativo contrastado e que en moitos casos foron realizados con fondos da propia Consellaría que agora, como Cronos, devora os seus propios
fillos.
Xoán Costa
Sorry, the comment form is closed at this time.