Mar 162011
 

María Pilar García Negro

2011 ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional. Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.
 Mais será en  -e a partir de-  1980 cando se abra paso o inicio da que ben podemos denominar NOVA ROSALÍA, o deseño da súa vera effigies, sintomaticamente a máis fiel á súa propria textualidade, ao que ela depuxo e escrebeu, non a que, ortopedia violenta mediante, se desfigurou, para rebaixala a símbolo xibarizado e admisíbel dentro de Galiza e dentro de España. Após varios artigos divulgativos e decisivos estudos publicados no ano 1985  -en que se celebrou o centenario do falecemento da escritora-, no 15 de Xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, cun título, por reducionista, abertamente  desafortunado: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora. Con efeito, tendo realizado un minucioso e prolixo repaso da bibliografía rosalianista anterior, esta obra contiña novidades hermenéuticas e interpretativas primordiais: en primeiro lugar, o seguimento e análise completa de toda a obra rosaliana, en verso e en prosa, en galego e en español; en segundo lugar, o debuxo rigoroso do pano de fundo histórico en que ela se insire; en terceiro lugar, a construción dunha biografía profunda, extraíbel  -tal e como Murguía pedía-   dos seus proprios textos. Era, en fin, last but not least, a primeira obra rosaliana que se preocupaba de analisar e valorar o feminismo da autora como principio organizador da súa obra, aspecto que hoxe semella que todos aplauden e celebran mais que, insisto, é nesta obra onde ten a súa orixe circunstanciada, referida ás novelas, aos ensaios, ao “Conto gallego” e, por suposto, á súa obra poética.
O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX. Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado.
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.

 Posted by at 09:35

Sorry, the comment form is closed at this time.