Feb 042012
 

O ministro de Educación, en comparecencia parlamentar o pasado día 31 de xaneiro, anunciou o que serán as próximas liñas de actuación no sistema educativo, xustificadas porque a educación “é un dos principais piares do proxecto de reformas do Partido Popular” e porque chegou o momento de “centrarnos na mellora da calidade” agora que, dise desde o ministerio, xa temos todos os recursos necesarios.
O ministerio propón unha serie de actuacións, despois de navegar nun mar de datos e porcentaxes que, descontextualizados, nada xustifican e acaba por concluír que o problema non é de recursos senón de mentalidade, inmersos como estamos na cultura do acomodo e da vagancia, cousa que encaixa totalmente dentro das campañas de desprestixio do sector público.
Centraríase esa reforma en varios eixos:
1.- O profesorado, coa elaboración dun estatuto docente que contempla unha carreira profesional cun salario ligado a “facer ben o traballo” e sometidos a avaliación externa.
2.- Os centros educativos, que terán autonomía no plano organizativo, curricular e de xestión económica. Por suposto, este incremento de autonomía esixe á súa vez un incremento na súa rendición de contas, polo que se proporá incrementar as competencias dos directivos e promover a profesionalización na xestión dos centros.
3.- As familias, que a través de probas externas estendidas a todo o alumnado, poderán utilizar eses datos para elixir centro. Se ben os resultados destas probas non van afectar os expedientes académicos dos alumnos si servirán para premiar os que obtiveren mellores resultados e máis se esforzaron. O propósito destas probas é serviren de benchmarking, é dicir, para comparar e difundir boas prácticas.
Mais se iso non é suficiente, xustifícase o cambio na estrutura da educación secundaria que pasaría de 4+2 a 3+3 como unha medida para “reducir a taxa de abandono escolar”. A xustificación que o Ministerio dá para abordar esta reforma produciría risa se non for porque supón, na práctica, reducir un ano a escolarización obrigatoria e ofertar man de obra barata, pois esta reforma, sobre todo no que respecta á FP, converte estes estudos nunha “alternativa atractiva para quen desexar acceder ao mundo laboral o máis axiña posíbel (‘mas tempranamente’, di o orixinal), promovendo ao mesmo tempo o espírito emprendedor e o autoemprego”.
A comparecencia do Sr. Ministro non ofrece moitos datos para saber como se vai facer a reforma (xa hai uns días dixo: “Non vou entrar en tecnicismos nin na forma de o resolver” ) máis si establece as liñas ideolóxicas básicas dun sistema que terá os seus piares, entre outros, nos seguintes tres elementos:
1.- Na autoformación do profesorado, cuxa carreira docente, e salario, irá ligada á produtividade desde o mesmo momento do ingreso no sistema mediante un mecanismo (avaliación externa) que “relacione o progreso dos seleccionados cos resultados que obteña”
2.- Na segregación do alumnado: “os alumnos que presenten necesidades educativas específicas serán atendidos especificamente, pero á vez tamén abriremos vías e oportunidades aos que destacan polas súas capacidades ou o seu traballo”
3.- No establecemento de diferentes tipoloxías de centro segundo os seu recursos, ubicación e procedencia social do alumnado en base a “crear centros de especialización curricular” pois do que se trata é de “dar máis marxe de acción aos centros para que teñan capacidade de adaptarse ás necesidades dos seus alumnos”.
E todo isto tendo como pano de fondo a privatización do sistema, a non aportación de recursos xa que segundo o Ministro agora o Estado español está por enriba «da media en dotación que os países máis industrializados do mundo: España é o 8º país con máis gasto por alumno na escola pública da OCDE, 9.833$ fronte aos 8.146$ da UE-21 e os 8.027$ da OCDE. España gasta en cada alumno da escola pública case 2.000$ máis que a media dos países da OCDE”
Con estes argumentos non é de estrañar que o ministerio desvíe a atención cara ao problema do adoutrinamento na materia de Cidadanía, mais na realidade voltamos ás vellas ideas que o PP xa propuxo hai anos avaladas agora coa experimentación que se fai nalgunhas comunidades, Madrid por exemplo, onde os indicadores de calidade á que acode o Ministerio non son precisamente os máis elevados (como tampouco é xustificar a reforma de secundaria para nos aproximar aos modelos francés e alemán, pois estes sistemas non se encontran entre os máis valorados de PISA).

Así que por máis que se diga que:“A reforma que pretendemos vai encamiñada a unha mellora substancial da calidade, mantendo e reforzando a equidade básica, que é a igualdade de oportunidades” non é fácil encontrar estas motivacións na comparecencia ministerial.

E non sabemos que pensa de todo isto o goberno galego. Xa veremos.

 

Xoán Costa

 Posted by at 00:12
Feb 012012
 

En conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Castelao, feito que tivo lugar no recén acabao ano 2011, a AS-PG convoca este campionato de Trivial centrado na figura e obra de Castelao. Nado en Rianxo en 1886 e finado no exilio (Bos Aires) no 1950, Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade". Polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade.

BASES

   1. Participantes.

Poderá participar calquera persoa que o desexe con independencia do seu lugar de residencia. Para se inscribir, debe cubrir os datos que se recollen na ficha de inscrición que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relaciionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com. O Campionato rexerase polas normas do Trivial.gz.

    2.- Inscrición.

O Campionato desenvolverase entre as 15 horas do día 13 de febreiro e as 15 horas do día 17 de febreiro de 2012. As datas de inscrición serán entre o 1 e o 11 de febreiro de 2012. 

O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá un único tema obrigatorio (Catelao) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os cinco restantes no momento de configurar a partido.

O tempo máximo paa xogar o Campionato será de 300 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 30 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou enfraccións de un minuto.

    3.- Premios.

Establécense 3 premios para os/as 3 primeiros/as clasificados/as. Un 1º premio de 300€, un 2º premio de 200€ e un 3º premio de 100€.

Paa recoller o premio será necesario identificarse mediante DNI. Os gañadores ou gañadoras deberán contactar mediante email coa AS-PG no enderezo trivial.gz@as-pg.com para solicitar o premio. As solicitudes deberán facerse antes do 09 de marzo de 2012. Pasado ese tempo perderase o dereito a recibir o premio. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 10:40