Feb 042012
 

O ministro de Educación, en comparecencia parlamentar o pasado día 31 de xaneiro, anunciou o que serán as próximas liñas de actuación no sistema educativo, xustificadas porque a educación “é un dos principais piares do proxecto de reformas do Partido Popular” e porque chegou o momento de “centrarnos na mellora da calidade” agora que, dise desde o ministerio, xa temos todos os recursos necesarios.
O ministerio propón unha serie de actuacións, despois de navegar nun mar de datos e porcentaxes que, descontextualizados, nada xustifican e acaba por concluír que o problema non é de recursos senón de mentalidade, inmersos como estamos na cultura do acomodo e da vagancia, cousa que encaixa totalmente dentro das campañas de desprestixio do sector público.
Centraríase esa reforma en varios eixos:
1.- O profesorado, coa elaboración dun estatuto docente que contempla unha carreira profesional cun salario ligado a “facer ben o traballo” e sometidos a avaliación externa.
2.- Os centros educativos, que terán autonomía no plano organizativo, curricular e de xestión económica. Por suposto, este incremento de autonomía esixe á súa vez un incremento na súa rendición de contas, polo que se proporá incrementar as competencias dos directivos e promover a profesionalización na xestión dos centros.
3.- As familias, que a través de probas externas estendidas a todo o alumnado, poderán utilizar eses datos para elixir centro. Se ben os resultados destas probas non van afectar os expedientes académicos dos alumnos si servirán para premiar os que obtiveren mellores resultados e máis se esforzaron. O propósito destas probas é serviren de benchmarking, é dicir, para comparar e difundir boas prácticas.
Mais se iso non é suficiente, xustifícase o cambio na estrutura da educación secundaria que pasaría de 4+2 a 3+3 como unha medida para “reducir a taxa de abandono escolar”. A xustificación que o Ministerio dá para abordar esta reforma produciría risa se non for porque supón, na práctica, reducir un ano a escolarización obrigatoria e ofertar man de obra barata, pois esta reforma, sobre todo no que respecta á FP, converte estes estudos nunha “alternativa atractiva para quen desexar acceder ao mundo laboral o máis axiña posíbel (‘mas tempranamente’, di o orixinal), promovendo ao mesmo tempo o espírito emprendedor e o autoemprego”.
A comparecencia do Sr. Ministro non ofrece moitos datos para saber como se vai facer a reforma (xa hai uns días dixo: “Non vou entrar en tecnicismos nin na forma de o resolver” ) máis si establece as liñas ideolóxicas básicas dun sistema que terá os seus piares, entre outros, nos seguintes tres elementos:
1.- Na autoformación do profesorado, cuxa carreira docente, e salario, irá ligada á produtividade desde o mesmo momento do ingreso no sistema mediante un mecanismo (avaliación externa) que “relacione o progreso dos seleccionados cos resultados que obteña”
2.- Na segregación do alumnado: “os alumnos que presenten necesidades educativas específicas serán atendidos especificamente, pero á vez tamén abriremos vías e oportunidades aos que destacan polas súas capacidades ou o seu traballo”
3.- No establecemento de diferentes tipoloxías de centro segundo os seu recursos, ubicación e procedencia social do alumnado en base a “crear centros de especialización curricular” pois do que se trata é de “dar máis marxe de acción aos centros para que teñan capacidade de adaptarse ás necesidades dos seus alumnos”.
E todo isto tendo como pano de fondo a privatización do sistema, a non aportación de recursos xa que segundo o Ministro agora o Estado español está por enriba «da media en dotación que os países máis industrializados do mundo: España é o 8º país con máis gasto por alumno na escola pública da OCDE, 9.833$ fronte aos 8.146$ da UE-21 e os 8.027$ da OCDE. España gasta en cada alumno da escola pública case 2.000$ máis que a media dos países da OCDE”
Con estes argumentos non é de estrañar que o ministerio desvíe a atención cara ao problema do adoutrinamento na materia de Cidadanía, mais na realidade voltamos ás vellas ideas que o PP xa propuxo hai anos avaladas agora coa experimentación que se fai nalgunhas comunidades, Madrid por exemplo, onde os indicadores de calidade á que acode o Ministerio non son precisamente os máis elevados (como tampouco é xustificar a reforma de secundaria para nos aproximar aos modelos francés e alemán, pois estes sistemas non se encontran entre os máis valorados de PISA).

Así que por máis que se diga que:“A reforma que pretendemos vai encamiñada a unha mellora substancial da calidade, mantendo e reforzando a equidade básica, que é a igualdade de oportunidades” non é fácil encontrar estas motivacións na comparecencia ministerial.

E non sabemos que pensa de todo isto o goberno galego. Xa veremos.

 

Xoán Costa

 Posted by at 00:12

Sorry, the comment form is closed at this time.