Nunca me contaran nada diso. Nin cando no 1978, sendo un neno, chegou de México un tío meu, Manuel, ao que nunca coñecera. Pensaba que era emigrante, cando en realidade fora un exiliado político. Tardaron anos en falarme del, de como na guerra puido fuxir até Xibraltar, e dende alí marchar a México e botar 40 anos no exilio, para que non o liquidaran. Souben tamén moitos anos despois do sufrido por Xerardo e Antonio, tamén irmáns do meu pai, mariñeiros coma el, declarados fuxidos e en rebeldía, que foron quen de escapar por mar (nun bou) en 1936 até o País Vasco, onde se enrolaron voluntarios na Mariña Auxiliar de Euskadi e continuaron alí, xunto a outros moitos galegos, o combate antifascista. Os irmáns Lobeira, chamábanlles. E como despois, novamente, pasaron a Francia, a pé polos Pireneos. Alí seguiron a loitar contra a ocupación nazi, até que foron capturados e enviados a un campo de concentración. É a última noticia que se ten deles, aínda que o desenlace non é difícil de deducir. A miña avoa, seica, morreu de pena polos seus fillos. Así mo contaron. Eran mozos de 21 e 23 anos, galegos e mariñeiros, e sacrificaron a vida por Galiza, pola democracia e a xustiza social. Son heroes, e síntome orgulloso deles.
Lembro, e comprendo agora, cando o comezo da miña militancia nacionalista suscitaba medo ou crítica entre os vellos veciños da miña parroquia: “Este é da mesma raza”, “vénlle no sangue”, comentaban con menosprezo. Agora sei por que o dicían. Que persoas de extracción social popular e estatus económico máis que humilde, que traballaron como escravos no mar toda a súa vida, cheguen a interiorizar como negativo o compromiso e a loita levada até as últimas consecuencias por persoas que coñeceron e foron represaliadas, e positivamente a “paz” imposta polos verdugos, é consecuencia e pouso dun franquismo lamentabelmente non superado por unha parte da sociedade galega e que tan ben, por certo, é aproveitado polo PP.
De aí a necesidade imperiosa de lembrar, de non esquecer todo o dano que nos fixeron. De reivindicar a dignidade daqueles que que o deron todo polo seu pobo, tamén por nós. E nós temos a obriga de que non se esqueza a represión, o martirio e o sufrimento padecido. Por eles, pola súa memoria, mais tamén por nós.
O ínclito conselleiro de Cultura, Roberto Varela, vén de anunciar un novo proxecto para a Illa de San Simón, Cómpre abandoar e superar, segundo el, o vello esquema de lugar de recuperación da memoria histórica, e devolverlle a vinculación con outros contidos, que el mesmo definiu como “alegres”. A saber:
a) Espazo cultural de referencia iberoamericana. Xa sabemos o lugar que ocupará o noso idioma nacional.
b) Vincular a Illa, como non, á Cidade da Cultura, por ser un lugar que “namora e xera sentimentos e sensacións” por ser un espazo “único e marabilloso”.
c) Zona de residencia para artistas e intelectuais.
d) Consciente, iso si, de que no pasado albergou “unha cadea e un hospital de leprosos”, este espazo é ideal para a organización dun festival de artistas “Spoken Word”, así como actuacións musicais e actividades on-line.
e) Como non sei exactamente en que consiste, deito a literalidade das súas palabras: “gran laboratorio de ideas con proxección globalizadora e vocación multidisciplinar”.
Velaí unha concreción, no campo ideolóxico, da ofensiva que o sistema capitalista e os seus instrumentos políticos están a promover tamén noutros ámbitos. O baleirado de poder de gobernos e parlamentos en función dun mercado insaciábel e depredador, o recorte de dereitos sociais e laborais, a persecución contra a nosa lingua e cultura, a tiranía do capital financiero, as perversas regras de xogo das relacións internacionais (obsérvese a impunidade de Israel), e tamén a aniquilación dos elementos simbólicos e ideolóxicos que, como a memoria histórica, dan sustento e alimento de ideas tan necesarias a cantos integramos esa comunidade humana diferenciada que se dá en chamar pobo galego.
Todo coincide e todo encaixa. O sistema, para o seu avance e beneficio, precisa da eliminación de calquera mínima capacidade de análise crítica da sociedade, de redución do coeficiente intelectual colectivo, de liquidación de calquera sinal de reafirmación popular que poida desembocar en rebeldía e pór en cuestión a actual xerarquía. Esa é a súa estratexia. O acompañamento do proxecto económico saqueador de pobos e clases populares cunha ideoloxía que o avale. E aí é onde entramos nós. É obsceno reconverter a Illa de San Simón nun parque temático “alegre”. Porque enterraron semente. E dela saímos nós. Non o esquezamos nunca.