Flocos TV é un produto da Axencia Audiovisual Galega. Premio Mestre Mateo 2008 á mellor obra interactiva. Conta con máis de 350 títulos agrupados nas entradas ficción, animación, documental, experimental, ciclos, adiantos. Ademáis de ver os vídeos, é posíbel rexistrarse como usuario para comentar e seleccionar as obras favoritas e o seu funcionamento é similar ao dunha rede social.
De fala a lingua: un proceso inacabado, é un volume en que se recollen artigos, estudos e traballos de María Pilar García Negro elaborados durante a última década, seguidos dun apéndice con interesantes documentos. Útil para se aproximar á situación sociolingüística do noso idioma na primeira década do século XXI.
Vídeo da súa apresentación
Sobre o racismo lingüístico, María Pilar García Negro (ed.), Celia María Armas García, María Pilar
García Negro, Manuel Ferreiro Fernández, Xosé Ramón Freixeiro Mato,
Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín Rei, Francisco Rodríguez
Sánchez, Luís Villares Naveira.Edicións laiovento, 2009
Trátase dun libro coral ou sinfónico, en palabras da coordinadora, onde aparecen convocadas moitas voces. María Pilar Garcia negro, ademais da coordinación, dedica un capítulo á cuestión do racismo lingüístico e a súa funcionalidade.Xosé Ramón Freixeiro fai unha síntese da historia do idioma; Manuel Ferreiro ocúpase dos nosos topónimos e nomes de persoas, que tanto padeceu dun proceso de deturpación; Xosé Manuel Sánchez defende a necesidade de modernizar lexicalmente o galego, como todas as linguas normais fixeron no seu momento e seguen a facer; Goretti Sanmartín explica a necesidade dun modelo culto de lingua; Luís Villares, xuíz da Fonsagrada, a inconstitucionalidade da segregación do estudantado por razón de lingua, que é o que de forma golpista pretenden agora executar as autoridades educativas; Celia María Armas, que é profesora no ensino medio, compón a historia dunha imposición, a historia da imposición verdadeira, a única real e obxectiva en termos históricos e sociais, que é a do español sobre o galego; finalmente, Francisco Rodríguez cerra o libro cun epílogo, que é un artigo moi interesante e moi esclarecedor, titulado "Lingua galega e cinismo español".
Intervención de Luís Villares na presentación do libro na Coruña o 9 de xullo
O ourizo azul é un web sobre o fabuloso mundo dos libros. Conta con varias seccións:
O lagarto pintado, con recomendacións de lectura por tramos de idade; a túa biblioteca, con información sobre títulos da historia da literatura infantil e xuvenil galega; o teu club de lectura, un espazo aberto de comentarios; os nosos creadores e creadoras; premios, con información sobre concursos e a nosa literatura infantil e xuvenil cos catálogos de Galix en pdf.