Diredes destos versos, i é verdade

 IV
     Diredes destos versos, i é verdade,
que tén estrana insólita harmonía,
que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por instantes,
que desaparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.
Eu direivos tan só que os meus cantares
así sán en confuso da alma miña
como sai das profundas carballeiras
ó comenzar do día,
romor que non se sabe
se é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
se agrestes, misteirosas harmonías
que neste mundo triste
o camino do ceu buscan perdidas.
Previous Post
Comments are closed.