Cando un é moi dichoso, moi dichoso

- XI -

Cando un é moi dichoso, moi dichoso,
¡incomprensibre arcano!,
casi que -n'e mentira anque a pareza-
lle a un pesa do ser tanto.

¡Que no fondo ben fondo das entrañas
hai un deserto páramo
que non se enche con risas nin contentos,
senón con froitos do delor amargos!

Pero cando un tén penas
i é en verdá desdichado,
oco n'atopa no ferido peito,
porque a dor ¡enche tanto!

Tan abonda é a desgracia nos seus dones
que os verte, ¡Dios llo pague!, ós regazados.
Hastra que o que os recibe,
¡ai!, reventa de farto.
Comments are closed.