Rico ou probe, algún día

Rico ou probe, algún día
 ¡con que contento e pracidez folgaba!
 I agora, probe ou rico, ó desdichado
 ¡todo, todo lle falta!

    En balde veñen días, pasan anos,
 e inda sigros pasaran;
 se hai abondosas fontes que se secan,
 tamén as hai que eternamente manan;
 mais as fontes perenes nesta vida
 son sempre envenenadas.

    Nelas o esprito que ofendido pena,
 na humidá enferma do rencor se baña,
 sin que dado lle sea
 beber do olvido nas saudosas auguas.

    ¡Odio!, fillo do inferno,
 pode acaba-lo amor, mais ti n’acabas,
 mamoria que recorda-las ofensas.
 Si, si, ¡de ti mal haia!

Next Post
Comments are closed.