Na Catedral

Na catedral

Como algún día, polos corrunchos
do vasto tempro,
vellos e vellas, mentras monean,
silvan as salves i os padrenuestros;
i os arcebispos nos seus sepulcros,
reises e reinas con gran sosego
na paz dos mármores tranquilos dormen,
mentras no coro cantan os cregos.
O órgano lanza tristes cramores,
os das campanas responden lexos,
i a santa imaxe do Redentore
parés que suda sangre no Huerto,
¡Señor Santísimo, ós teus pés, canto
tamén de angustia sudado teño!
Mais se o pecado castigas sempre,
ó que afrixido va¡a pedircho
daille remedio.

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios, que firen descoloridos
da Groria os ánxeles i o Padre Eterno.
Santos e apóstoles, ivédeos!, parecen
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas marabillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios c'axuda,
de inmortal nome Mestre Mateo,
xa que aí quedaches homildemente
arrodillado, falaime deso;
mais con eses vosos cabelos rizos
santo dos croques, calás... i eu rezo.

Aquí está a Groria, mais naquel lado,
naquela arcada, negrexa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
onde as devoran tódolos demos.
De alí non podo quita-los ollos,
mitá asombrada, mitá con medo,
que aqueles todos se me figuran
os dun delirio mortaes espeutros.
¡Como me miran eses calabres
i aqueles deños!

¡Como me miran facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¿Será mentira, será verdade?
Santos do ceo,
¿saberán eles que son a mesma
daqueles tempos?...
Pero xa orfa, pero enloitada,
pero insensibre cal eles mesmos...
¡Como me firen!... Voume, si, voume,
¡que teño medo!

Mais xa nos vidros da grande araña
cai o postreiro
raio tranquilo que o sol da tarde
pousa sereno;
e en cada prancha da araña hermosa
vivos refrexos,
cintileando como as estrelas,
pintan mil cores no chan caendo,
e fan que a tola da fantesía
soñe milagres, finxa portentos.
Mais de repente veñen as sombras
todo é negrura, todo é misterio
adiós alxofres e marabillas...
tras do Pedroso, púxose Febo.

Coma pantasmas cruzan as naves
silvando salves e padrenuestros,
vellos e vellas que a Dios lle piden
El tan só sabe cales remedios;
que cando o mundo nos deixa, é soio
cando buscamos con ansia o ceo.

Ós pés da virxen da Soledade
-¡de moitos anos nos conocemos...!-
a oración dixen que antes dicía,
fixen mamoria dos meus sacretos,
para mi madre deixei cariños,
para os meus fillos miles de beixos,
polos verdugos do meu esprito
recei... e funme, pois tiña medo.
Comments are closed.