¡Corré, serenas ondas cristaíñas,

¡Corré, serenas ondas cristaíñas,
pasade en calma e maxestosas, como
as sombras pasan dos groriosos feitos!
¡Rodade sin descanso, como rodan
á eternidá xeneraciós sin número
que cal eu vos contempro, contempráronvos!
Daime vosos perfumes, lindas rosas,
da sede que me abrasa, craras fontes,
apagade o queimor... nubes de gasa,
cubrí cal velo de lixeiro encaixe
do ardente sol os briladores raios.
E ti, temprada e cariñosa brisa,
dá encomezo ós concertos misteriosos
antre os carballos da devesa escura
por onde o Sar vai marmurando leve.

O tempo pasou rápido, a centela
tal vez máis lentamente o espazo inmenso
atravesa ó caer, que eles, os anos,
pra min correron en batallas rudas...
¡Mais correron por fin... i o día chega!...
Dáme os teus bicos i os teus brazos ábreme
aquí, onde o río, na espesura fresca...
A ninguén digas onde estou... con frores
das que eu quería, a delatora mancha
crube... e que nunca co meu corpo acerten
profanas mans para levarme lexos...
¡Quero quedar onde os meus dores foron!
Previous Post
Comments are closed.