Cada noite eu chorando pensaba…

Cada noite eu chorando pensaba...
que esta noite tan grande non fora,
que durase... e durase antre tanto
que a noite das penas
me envolve loitosa.

Mais a luz insolente do día,
costante e traidora,
cada amañecida
penetraba radiante de groria
hastra o leito donde eu me tendera
coas miñas congoxas.

Desde estonces busquei as tiniebras
máis negras e fondas,
e busqueinas en vano, que sempre
tras da noite topaba ca aurora...
So en min mesma, buscando no oscuro
i entrando na sombra,
vin a noite que nunca se acaba
na miña alma soia.

Comments are closed.